O comezo simbólico do poscastrismo

Os cambios rexistrados hai poucos días na cúpula da Administración estatal cubana tiveron unha ampla repercusión mediática a pesar de que xa foran anunciados algún tempo atrás. Talvez existían dúbidas sobre a realización efectiva de semellantes previsións oficiais ou cecais fose o indiscutíbel impacto simbólico da retirada parcial de Raúl Castro os motivos que explican o grande volume de informacións e análises que se publicaron nos últimos días.

Díxose, con razón, que as substitucións realizadas reforzan o acceso das xeracións nadas despois do triunfo da Revolución aos postos de máxima responsabilidade na dirección do Estado. Como é obvio, tal circunstancia altera as premisas que rodearon, até o momento, o propio exercicio do poder. Se anteriormente a participación na loita contra o réxime de Batista era, con moita diferenza, o principal factor lexitimidor que amparaba aos dirixentes cubanos, agora ese vector xa non ten a mesma relevancia. As normas legais que avalaron o nomeamento de Miguel Díaz- Canel deberán ser complementadas polo acertado desempeño das importantes tarefas que ten por diante. A autoridade moral asociada á presenza física en Sierra Mestra deberá ser substituída pola capacidade contrastada para facer fronte aos desafíos que ten a economía e a sociedade da illa caribeña.

A máxima belixerancia adoptada polos gobernantes de USA aos poucos meses da chegada ao poder de Fidel Castro propiciou un forte aliñamento político e económico dos dirixentes cubanos coa URSS. Eran tempos de “guerra fría” e en Moscova estaban dispostos a exercer unha sorte de protectorado económico a cambio das evidentes vantaxes políticas que supoñía dispór dun aliado a poucos quilómetros do territorio norteamericano. A economía da illa entrou nunha dinámica perversa: as xenerosas subvencións procedentes do amigo soviético desincentivaron a procura de camiños alternativos para a construción dun modelo produtivo propio, afastado do que se implantou antes do triunfo revolucionario e distante da simple imitación do existente nos países do chamado “socialismo real”.

Durante tres décadas e a pesar do estrito bloqueo decretado desde Washington, as autoridades cubanas puideron asegurar unhas políticas de benestar social claramente superiores ás que existían nos países da súa contorna. A descomposición do sistema soviético nos primeiros anos da década dos 90 provocou un grave colapso no funcionamento da economía cubana -o chamado “período especial”- e a consecuente caída no nivel de vida da poboación. A partir desa circunstancia comezou un proceso de cambios que se acelerou ao longo da última década: legalización da circulación do dólar, establecemento dunha dualidade monetaria (peso nacional tradicional e peso “convertible”), impulso progresivo da apertura de pequenos negocios privados (restaurantes, habitacións, taxis, artesanía, prestación de diversos servizos...), reforzo da industria turística... O maior peso do sector privado permitiu reducir a hipertrofia do sector público e contribuiu á revitalización do tecido produtivo, posibilitando unha maior creación de riqueza e un mellor acceso aos bens e servizos elaborados.

É verdade que, ao mesmo tempo, esta nova realidade orixinou retos inéditos ás autoridades: o incremento das desigualdades asociadas á posta en funcionamento do “cuentapropismo” obriga a deseñar unha política fiscal que, sen paralizar as iniciativas privadas, fomente unha adecuada transferencia de rendas que evite unha excesiva segmentación social por mor das reformas económicas acometidas. Os vindeiros anos suporán a inevitábel desaparición física de Raúl Castro e dos restos da xeración de Sierra Mestra á vez que permitirán comprobar se a equipa de Díaz- Canel é quen de artellar os consensos sociais necesarios para transitar cara cambios máis ambiciosos sen episodios de ruptura como os que agora se están vivindo na veciña Nicaragua.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.