En Marea como forza galega

Podemos inhibiuse relativamente no 2015 e 2016 no artellamento dos espazos municipais e nacional galego hoxe vencellados ás Mareas municipalistas (Marea Atlántica ou Compostela Aberta, nomeadamente) e ao partido En Marea. Hoxendía e dende o verán de 2016, xa que logo, o traballo político deste espazo na política galega desenvólveo unha organización política soberana e independente  dos proxectos estatais de Podemos ou  de Unidos Podemos.

Malia esta definición evidente, Podemos aproveitou o desexo da maioría deste espazo de preservar a unidade cidadá acadada nas municipais do 2015 para obter, nas eleccións autonómicas do 2016 e a medio dun desigual sistema de primarias, unha participación no Grupo Parlamentario de En Marea (7/14) absolutamente allea á realidade do seu peso na organización e no País.

O incidente da deputada Paula Quinteiro na noite compostelá é un incidente  menor. Mais ten razón a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao,cando defende a súa demisión porque “os parámetros de esixencia de En Marea son moi altos e se fose unha deputada do PP pediríamos a súa demisión”. Quinteiro habería demitir hai tempo e a súa falla de decisión pexa a credibilidade de En Marea.

Velaí que Luis Villares e a dirección nacional de En Marea saian reforzados co acordo deste sábado de lle presentar á consideración da afiliación de En Marea unha proposta non vencellante de pedimento a Quinteiro dunha demisión que case todas as persoas atinxidas recoñecen políticamente obrigada.

E aquí é onde falla o factor Podemos. Porque os seus deputados no Parlamento de Galicia non foron elixidos por Podemos, senón por En Marea, que sacrificou por aquela desexada unidade nas autonómicas-hoxe descoñecemos se útil ou operativa- a cesión dunha influencia na representación parlamentaria que máis que duplica a forza real no País da organización de Vistalegre.

No fondo pairan unha definición e un debate. A definición é que En Marea é un proxecto nacional galego e non un proxecto español nin complutense. O debate  é si unha forza nacional defensora dos intereses das maiorías sociais de Galicia, con vocación tranversal, aberta e plural ha xogar ou non coas mellores para facer unha xestión transformadora, si. Mais tamén eficiente e inclusiva.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.