Os teus ollos pretos perto dos meus

En realidade os ollos que cualificamos como “negros” non existen, agás nos casos de aneridia ou ausencia de iris, vistos de preto e con luz intensa vese que teñen unha cor castaña moi escura, e son maioritarios nas razas de orixe africana e asiática, e frecuentes entre os europeos. Con todo, o obxecto deste texto non é falarlles das cores dos iris humanos, senón de dúas palabras que empreguei no título.

Ao escribir esta frase cometín dous erros para o galego estándar, usar a variante “perto” do adverbio “preto” e mais o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro”. En ambos os casos por seren adoito considerados lusismos, erroneamente como pretendo demostrar

Ao escribir esta frase cometín dous erros para o galego estándar, usar a variante “perto” do adverbio “preto” e mais o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro”. En ambos os casos por seren adoito considerados lusismos, erroneamente como pretendo demostrar. Así o Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (2004) declara “perto” como “variante estándar portuguesa –o cal é certo– de certo uso na lingua sobre todo en rexistros formais –que tamén é certo–. A Academia rexeita o lusismo –aquí disinto– e favorece a forma autóctona preto, que é xeral no dominio galego e máis próxima ao étimo latino –e nisto concordo– […]”. Este dicionario de dúbidas non recolle o adxectivo “preto”.

Certamente o dicionario normativo da RAG soamente recolle a primeira palabra como adxectivo sinónimo de “apertado, tupido”, e como adverbio sinónimo de “cerca”. Mais consultando o “Dicionario de dicionarios” do ILG podemos comprobar como antano varios dicionarios e vocabularios recollían tamén a variante “perto” como adverbio (Diccionario Gallego de Juan Cuveiro Piñol, 1876; Vocabulario popular castelán-galego, El Pueblo Gallego, 1926; Diccionario galego-castelán de L. Carré Alvarellos, 1926-31; Diccionario galego da rima e galego-castelán de J. Ibáñez Fernández, 1950; Diccionario galego-castelán de X.L. Franco Grande, 1972; e o Glosario de voces galegas de hoxe, USC, 1985), e “preto”, ademais de adverbio, como adxectivo sinónimo de “negro” (Colección de voces y frases de la lengua gallega de Martín Sarmiento (1746-70); Diccionario del dialecto gallego de L. Aguirre del Río, 1858; Diccionario Gallego de Juan Cuveiro Piñol, 1876; Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez, 1884; Diccionario galego-castelán de L. Carré Alvarellos, 1926-31; Diccionario galego da rima e galego-castelán de J. Ibáñez Fernández, 1950; Diccionario enclopédico de gallego-castellano de E. Rodríguez González, 1958-61; e Frampas, contribución al diccionario gallego de E. Rivas Quintas, 1978). E actualmente o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) recolle “perto” como variante non estándar de “preto”, pero non o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro”.

Se consultamos o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), que recolle o uso das palabras galegas dende o s.XVII ata 2013, comprobamos que a variante “perto” é bastante usada, aínda que sempre menos ca “preto”, sobre todo dende 1951 ata hoxe: “Perto andaban xa os lumes do campamento” (F. Bouza Brey – Cabalgadas en Salnés, 1925); “mais cando chegamos perto ó teu altar” (G. Álvarez Limeses – Antre dous séculos, 1934); “que a xusticia de lonxe era mellor que a de perto” (A. D. Rodríguez Castelao – Sempre en Galiza, 1944); “mais vivir viven perto dos pozos abisais do sapropel” (Xavier Rodríguez Baixeras – Anos de viaxe, 1987); “Polos vieiros, de lonxe e de perto” (R. Carballo Calero – A xente da Barreira, 1951); “E o balbordo fumoso cada vez máis perto” (X. Neira Vilas – Historias de emigrantes, 1968); “e o parvo anda moi perto de somellar malpocado” (E. Blanco Amor – Teatro pra a xente, 1974); “estraviado, máis perto deles ca nunca” (V. Fernández Freixanes – O triángulo inscrito na circunferencia, 1982); “dormitaba feliz perto da cheminea” (M. Forcadela – Paisaxe con muller e barco, 1990); “e a bata azul repousando perto da estufa” (X. C. Caneiro – Un xogo de apócrifos, 1997); “A lúa estaba moito máis perto aquela noite” (Afonso Eiré – Eu tamén fun coas vacas, 2000); “perto dos degraus asfaltados do cruceiro” (R. Caride Ogando – O sangue dos camiños, 2003); “Fondeamos perto desta desapracíbel illa” (Xavier Paz – Follas de bacallau, 2005); “o seu cuarto alugado, na Gaiteira, estaba perto da antiga estación do tren”, “a súa casa estaba moito máis perto” (M. Rivas – Os libros arden mal, 2006) etc.

E que “preto” como adxectivo sinónimo de negro aparece ben empregada por moitos e recoñecidos escritores, aínda que obviamente nunca tanto coma o seu sinónimo: “¿que os teus ollos pretos naquel pandeiriño que quedaron de drento?”, “Non vin tantos frades montados arreo, […]; uns iban de branco e outros de preto, outros eran pardos…”, “sobre do pescozo, do faquiño preto” (Frei Matín Sarmiento – Coloquio de 24 gallegos rústicos, 1746); “Tes cara de pan preto, […], fuciño de galga preta” (J. A. Saco y Arce – Literatura popular de Galicia, 1881); “debes té-la ialma preta, cal os olliños da cara” (E. Carré Aldao – Rayolas, 1898); “ó fitare na parte d’adrento unha preta e unha mulata” (Ricardo Carballal – De min pra vós. Contos do pobo, 1928); “A estrada, preta e lisa, estaba deitada…” (X. L. Méndez Ferrín – Percival e outras historias, 1958); “e foi morrer ao pé da Raíña Preta!”, “tres figuras na lomba […]. As tres moi pretas sobre un ceo moi roxo de serán” (Rafael Dieste – Dos arquivos do trasno, 1962); “Ten cornas siamesas de lúa en xirante, ista vaca preta, marroa e xigante”, “xogarás con rizos loiros, xogarás con rizos pretos” (G. Mariñas del Valle – A resolta e outras farsas, 1965); “Era fillo de ganza dun emigrado e dunha preta” (X. Filgueira Valverde – Adral, 1979); “Parda se é parda. Marela se o é, ou preta. Cincenta…”, “Detesto as fibelas pretas que penduran…” (M. Ledo Andión – Trasalba ou Violeta e o militar morto, 1985); “leóns de cabeleira preta naquelas cavernas”, “uns meniños pillan a gavota de mea cabeza preta cunha brinca cebada de miñoca” (X. L. Méndez Ferrín – Bretaña, Esmeraldina, 1987); “afundín os ollos e a vida naquela cabeleira preta e ourente”, un voitre preto e grande que andaba polo chan” (Antón Castro – Vida e morte da baleas, 1997); “que vén vestida enteiramente de cor preta” (Víctor Vaqueiro – Os xenerais de África, 1999); “os cascos do faco preto galiciano” (Anxo Angueira – Pensa nao, 1999); “e seguiuno un xove de raza preta” (Bieito Iglesias – O mellor francés de Barcelona, 1999); “polas faces tenras dos meniños, pretos ou louros tanto ten” (R. Caride Ogando – O sangue dos camiños, 2003) etc.

Loxicamente, o amplo uso destas palabras no galego moderno non anula a teoría de que se traten de lusismos adoptados polos nosos escritores. Para isto hai que recorrer a outras probas, que me semellan irrefutábeis. Así se as procuramos no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) comprobamos que se ben a forma “perto” se rexistra soamente en 4 ocasións contra as 75 de “preto” (encima dũa hermida, preto da salgada agua do mar; E Xerez, preto d’Aguadalquivir; e hũas choças que son preto do nosso camyo – Cantigas de Sta. María, 1264-84 etc.), é evidente que, aínda que minoritaría, resulta nidiamente utilizada: “um tal ome sei que perto sente de si [a] morte” (Lírica Profana, 1240-1300); “sayrõ depos el, et forõ a perto del” (Miragres de Santiago, 1390-1420); “et entesta enno camino perto que vay de Tuy pra Salvaterra” (1447). E que nos 107 rexistros de “preto”, forma maioritaria do adverbio, recollemos 26 apelidos, cuxo significado non pode ser máis ca o de “negro” segundo veremos máis adiante, e 6 adxectivos co mesmo siginificado: “que saysse todo de hũa color, todo blanco ou preto que fosse de Labam” (Xeral Historia, 1300-50); “amarelo, outra vez yndeo, outra vez preto, outra vez color do çeo” (Historia Troiana, 1350-75); “cabelo crespo e preto, et era tã brãco ĕno corpo” (Crónica Troiana, 1370-73); “venda e remataçón de un manto preto con dez e noue botós” (testamento, 1431); “frayras del velo preto do dito mosteyro (foro, 1502); “a miña saya de orillado preto (protocolo, 1519). Aos que temos de engadir os rexistros das forma plural –9 rexistros–: “et degolou os dous carneyros pretos”, “et os ollos aviã grãdes et pretos” (Historia Troiana, 1350-99); e femininas –6 rexistros–: “desta moeda preta que non es enblanqueada (carta, 1274), “trage hua pedrelina preta que trage figura d angeo engastoada” (testameto, 1348), “et todolos caualeyros cõ capas pretas” (Crónica Xeral e Crónica de Castela, 1295-1312), “todas blancas et as outras todas pretas que as desse a gardar a el” (Xeral Historia, 1300-30), “en baraças de linno pretas” (confirmación, 1376). Lusismos no galego medieval?

Mais tanto “perto” coma o adxectivo “preto” non son reliquias, pois hai claros testemuños do seu uso ata, ao menos, finais do s. XX. Así o Atlas Lingüístico Galego vol. V, mapa 100 (ILG, 2005) recolle o adxectivo “preto” para o concepto “moreno” en Lubián (Zamora). O Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués (ILG-USC) tamén recolle o adxectivo como sinónimo de “negro” e mais de “suxo” en Ponteareas (PO). E o escritor e ex-académico X. L. Méndez Ferrín di no seu “Consultorio dos Nomes e dos Apelidos Galegos” (Xerais, 2007) acerca do apelido “Preto”, castelanizado en Prieto, que significa “negro”, que xurdiu para denominar a persoas de pel moi escura e que na súa infancia se usaba este adxectivo para alcumar un abade, polo que na altura a palabra tiña de estar ben viva.

Ademais, o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro ou escuro”, amais de en portugués, está presente na lingua asturiana, prietu, con este único significado (Diccionariu asturianu-castellanu de X.X. Sánchez Vicente, ed. Trabe, 2008); e na lingua castelá, prieto, tamén serve para se referir á cor escura ou negra nas acepcións 4º a 7º (dicionario da RAE). É difícil entender que este adxectivo non teña a acepción de “negro” ou “escuro”na nosa lingua e si en todas as demais linguas próximas.

Facelo como o podería dicir un portugués non é lusismo ningún, porque son palabras tan nosas coma deles

En conclusión, o máis habitual, xa dende a Idade Media, é dicir: “os teus ollos negros preto dos meus”, mais facelo como o podería dicir un portugués non é lusismo ningún, porque son palabras tan nosas coma deles. E así mesmo coma en portugués, o adverbio “preto/perto” pronúnciase con E aberto, mentres que o adxectivo “preto” con E pechado, tal como di Méndez Ferrín no seu artigo sobre o apelido “Preto”.

Canto á omisión destas palabras no dicionario da RAG descoñezo os motivos, se os hai, visto que xa inclúe un bo número de variantes que están na mesma situación ca o adverbio “preto/perto”: aire/ar, aprender/deprender, auga/agua, baixada/baixeira, chuvia/choiva, coidar/cuidar, dicir/decer, eixe/eixo, gustar/gostar, maior/mor, malo/mao, merlo/melro, moito/muito, néboa/nebra, nordés/nordeste, oír/ouvir, orela/ourela, para/pra, pero/pro, poñer/pór, rocha/roca, sufrir/sofrer, ti/tu, tombar/tumbar, xeonllo/xollo etc.; e que o adxectivo “preto” co significado de “negro” está perfeitamente demostrado no galego histórico, literario e oral.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.