0 Gardados para despois

Xosé Rodríguez Díaz

España como doenza autoinmune

Veño de estar en Madrid. Foi unha excelente fin de semana, inzada de propostas que te fan medrar, de espírito e de corpo (demo de tapas no mercado de Tirso de Molina!). Pasámolo moi ben, mais teño que recoñecer que veño algo preocupado por España; non vou dicir, como o outro, que me doa, pero si me preocupa porque a padezo. Debe ser cousa miña porque non chego a identificarme con ese corpus filosófico-poético que aluma os camiños da, autodenominada, “pel de touro”, desde que se configurou como primeira nación do universo, aló polo paleoceno, e que se encarna nas súas grandes ideas, categorías e tradicións; xa das ambientalistas, tales como: “El toro no sufre” ou “Sin corridas el toro de lidia se extinguiría”; xa das dos dereitos humanos: “Viva la muerte” ou “Vivan las caenas”; xa das científicas: “Que inventen ellos”; ou das sociolingüísticas: “HABLE BIEN. No sea bárbaro. Viva España y la Disciplina y nuestro idioma Cervantino”. Das de estratexia militar, como “Más vale barcos sin honra que honra sin barcos” ou “No envié mis naves a luchar contra los elementos”, impídenme falar as conviccións pacifistas.

Os síntomas da doenza son a cantidade de vinchas, en forma de bandeira rojigualda, que teñen por todos os lados: lonas xigantes nas Consejerías, bandeiras para onde queira que miras e a maior, bandeira sayón y escriba, da Plaza de Colón, lembranza da mesma doenza padecida no novo mundo polos nativos que, en 1492, descubriron que eran indios que non sabían falar, como nos contou Galeano.

Primeiro pensei que serían a modo de indicación, un alarde da proverbial boa hospitalidade con eses turistas foráneos que ateigan as rúas, que fan que cada paseo sexa unha réplica das conxestións da M-30, pero axiña me decatei de que a finalidade é outra: son bandeiras contra os de dentro. Na cidade capital dun estado plurilingüe non hai un triste rótulo nun idioma cooficial, mais abunda a verborrea na lingua da pérfida Albión, esa mesma que no seu avance imparábel como lingua oficial do Imperio Neoliberal (IN) xa lles quitou o seu “ñ” (out) até das aplicacións oficiais gobernativas, como a que rexe a xustiza, chamada LexNet (Ministerio de Justicia, Gobierno de Espana).

Ca! Hai que se desenganar: as bandeiras non son para informar ás de fóra, son para alumarnos ás de dentro, á súa propia cidadanía. Vén sendo como unha especie de reacción (erupción) nacionalista do corpo Ñ para matar as células malas, Gz, EH e Cat, principalmente, conforme á súa ciencia de sancristía e cuartel. A cuestión é que esa doenza, autoinmune, ameaza seriamente as células que se crían boas, que, cómplices por omisión, se están deixando levar, sen decatarse de que, como ben chiou o Manuel Rivas, cando din: “¡A por ellos!”, din: “¡A por todos!”.

A Ponte Canedo, 9 de maio de 2018

Publicidade

Acerca de Xosé Rodríguez Díaz