0 Gardados para despois

Samuel Solleiro

O armario da roupa que foi nosa algunha vez

O que segue é a reformulación por escrito e un tanto inconexa dunha serie de cousas, seguramente aínda máis inconexas, que dixen o 12 de abril de 2018 en NUMAX (Compostela), na presentación de Cervatos de Lucía Novas (Kalandraka, 2017).

O que máis me gustou de Cervatos, xa antes de lelo, cando lle botei unha ollada nunha libraría, foi que me fixo acordar un soño que tiven unha vez: eu chegaba, con outra persoa, a un armario xigantesco ao que había que acceder por unha escada moi longa

1. O que máis me gustou de Cervatos, xa antes de lelo, cando lle botei unha ollada nunha libraría, foi que me fixo acordar un soño que tiven unha vez: eu chegaba, con outra persoa, a un armario xigantesco ao que había que acceder por unha escada moi longa. Estaba cheo de roupa, e resulta que era o armario onde ía parar toda a roupa que fora nosa algunha vez: o mono laranxa que me calcetou miña nai aos tres anos; o chándal lila de táctel que puña do revés aos once para imitar o príncipe de Bel-Air; a camiseta negra que me quedaba ben e desapareceu hai tres ou catro veráns no maleteiro do coche de Miguel. Nun momento dado, a persoa que me acompañaba metíase máis cara ao fondo e regresaba co meu vello disfrace de cabaliño –que nunca existiu fóra do soño–, e nese momento a emotividade da situación chegaba a cotas insuperables.

Non é que Cervatos se pareza a este soño; non salvo que se apliquen os mecanismos oníricos de parecidos e identidades que fan que tal sitio sexa e non sexa tal outro sitio ao mesmo tempo. Até pode que a primeira chispa de conexión entre libro e soño viñese dado por cuestións tan prosaicas como que o libro mencione en varios momentos my little pony. Porén, canto máis o penso, máis relación encontro entre ese armario do noso pasado e as listas de palabras de Cervatos: como pasa no libro, nada hai na roupa que produza, de seu, emoción; nada ten o pasado de superior ao presente. E así e todo, a presenza de todas as prendas xuntas nun mesmo plano espazotemporal, das lentes que perdín na neve ao abrigo que me roubaron no Maycar, conmove como poucas cousas este corazón de pedra.

2. O cerne de Cervatos son a todas luces as enumeracións. Ao comezo algunhas desartéllanse e desfanse en versos «convencionais», outras introducen algún verbo, pero trátase basicamente de enumeracións de substantivos, sobre todo substantivos concretos. O verbo, en efecto, é a categoría do relato e en Cervatos non hai un relato: «Cadelo de cerámica. Froita. Ananás. Buguina. Corda. Sandalia. Liscanzo. Máscara. Antuca. Bomboneira. Pelicano. Iate. Turquesa. Pamela. Sedimentos», e así todo, 94 fantásticas páxinas.

A dinámica resulta familiar en 2018 por ser próxima da que pode ter unha rede social: todo está xustaposto, sen xerarquías. No anterior exemplo non é máis relevante a sandalia que a froita nin o iate que o liscanzo –sexa o que sexa un liscanzo–, como non parecen ser máis relevantes (isto é, nada na forma fai pensar que o sexan) as pastillas da Fender Jazzmaster que os bombardeos en Siria, por poñer dous exemplos sucesivos que me ofrece agora mesmo unha rede social. En todo caso, en Cervatos a falta de xerarquías non só se produce entre os termos enumerados, senón tamén entre os textos: non brillan uns máis que outros, non é esa clase de libro. Non tería sentido, por exemplo, preferir o da páxina 57 ao da páxina 19: hai que aceptar o libro como un todo ou deixalo estar.

Esta ausencia de xerarquías é absolutamente posmoderna

3. Esta ausencia de xerarquías é absolutamente posmoderna –a posmodernidade é tan perversa que a súa crítica é igual de posmoderna ca ela ou máis–, e como tal, destaca a que afecta aos elementos do pasado: tortas de cenoria, tobogáns e Bambi conviven con burkas e autoestradas nunha forma de entender o pasado que lembra a serie Twin Peaks, que tamén sae no libro e que tiña lugar nuns anos 90 que eran e non eran tamén os 50 en aspectos case imperceptibles –unha reverb, un tupé–. Están en Cervatos o pasado que vivimos e mitificamos, o pasado que non vivimos e idealizamos porque o vimos en mil películas, e tamén o pasado que segue connosco e xa nin vemos porque está integrado no presente, e que pola súa dimensión material é o que a min máis me interesa. No documental Los Angeles Plays Itself (2003), o realizador Thom Andersen loa así a forma en que o filme L.A. Confidential (Curtis Hanson, 1997) recrea un período sen recorrer á sobrecarga de elementos de época: «En realidade, vivimos no pasado. O mundo que nos rodea non é novo. As cousas que hai nel, as nosas casas, os lugares de traballo, mesmo as nosas roupas e coches non se crean de novo cada día. Por tanto cada época é unha amálgama de épocas anteriores, e L.A. Confidential recoñece o pasado do seu presente». Outro tanto fai Cervatos, e por iso prioriza os elementos concretos, táctiles, os obxectos, pois con eles o pasado chega até nós nunha dimensión material.

4. En xeral agarrámonos dos obxectos para non morrer, para esquecer a morte e o paso do tempo. Cando nos pasa algo malo –calquera cousa menos mala que morrer–, o que máis nos reconforta é regresar á normalidade dos obxectos. Os obxectos, ao seren eternos –segundo parámetros humanos–, sérvennos para crer que podemos vivir para sempre; son en certo modo a superstición do noso tempo. Nunha película que traducín hai pouco para o castelán (Doubleplusungood, Marco Laguna, 2017) saía a expresión en inglés «you can’t take it with you» (literalmente: non podes levalo contigo), que descubrín que se podía traducir en castelán como «el sudario no tiene bolsillos». Que dúas linguas necesiten ter senllas frases feitas para non esquecer a evidencia de que o táctil só ten relevancia no mundo dos vivos, dá que pensar. Somos, logo, tan imbéciles para crer que os obxectos nos salvan? Non, non creo. Unha hipótese: non nos salvan os obxectos; sálvanos, se acaso, o material.

De Cervatos gústame precisamente a súa materialidade: constrúese a partir do concreto, e só das relacións que eses substantivos concretos trazan entre si nace o significado abstracto, a sensación

Por iso de Cervatos gústame precisamente a súa materialidade: constrúese a partir do concreto, e só das relacións que eses substantivos concretos trazan entre si nace o significado abstracto, a sensación; tal e como no armario da roupa que foi nosa algunha vez non ten ningún valor de seu a miña gorra dos Chicago Bulls de cando tiña nove anos, senón a forma en que, ao mesturarse cos meus pantalóns hippies de cando tiña vinte, traza un retrato fantasmal de quen fun e de quen creo ser eu. Pero en todo caso Lucía Novas ten a delicadeza e o valor de darnos a ler o esqueleto, a armazón, e non as conclusións do texto –que é como identifico eu a poesía elaborada a base de frases que pretenden expresar o abstracto–; como sería o caso se se dedicase a darnos pistas de por que os pelicanos son importantes na súa vida ou do estado de ánimo que debería simbolizar o ananás.

Un libro con tantas palabras como Cervatos non é en ningún caso un libro da palabra, senón dos ocos que hai entre as palabras

Desta maneira, un libro con tantas palabras como Cervatos non é en ningún caso un libro da palabra, senón dos ocos que hai entre as palabras. Neles, como na montaxe cinematográfica, é onde aniña talvez o significado, se cremos nel; ou acaso só a emoción: o momento en que, rodeados de roupa, non damos refreado as lágrimas cando vemos aparecer do fondo do armario o noso vello e entrañable disfrace de cabaliño.

Publicidade

Acerca de Samuel Solleiro

Samuel Solleiro (Tui) é autor de libros como Punk (2013) ou Gran tiburón branco (2012). É membro do grupo de pop Ataque Escampe e traballa por conta propia como tradutor.