0 Gardados para despois

Dani Mexuto

O coche autónomo, fito do sector privado?

Conducir cara a unha parada dun autobús escolar con máis da metade das liñas desdebuxadas nunha mañá de inverno e diminuir a velocidade a tempo é unha tarefa complexa de automatizar. A programación embedida tradicional xa se deu por vencida pretendendo definir manualmente as condicións que definen cada un dos escenarios que nos poderiamos atopar ao volante.

Ideas nacidas da ciencia de base, sen un obxectivo claro, agora permiten aos fabricantes de coches ter mantidos aos seus algoritmos coa esperanza de anunciar dentro duns anos que son capaces de detectar un peón só con ver unha man asomar dende detrás dunha sobreira

A solución que abrirá o camiño cara a revolución dos coches sen condutor, como tantas outras veces, non naceu en ningún departamento dos fabricantes ou provedores da industria da automoción, estaba escrita en papers estrullados pola falta de financiación que sufrían os seus autores na universidade pública. Pioneiros como Geoffrey Hinton, que emigrou de Inglaterra por falta de fondos ao non recoller suficiente interese polo seu traballo nas redes neuronais, ou Michalski, que sacou adiante o campo do machine learning dende a atacada universidade pública americana. Ideas nacidas da ciencia de base, sen un obxectivo claro, agora permiten aos fabricantes de coches sair a rúa, gravar e anotar centos de miles de quilómetros e ter mantidos aos seus algoritmos coa esperanza de anunciar dentro duns anos que son capaces de detectar un peón só con ver unha man asomar dende detrás dunha sobreira.

Este exercicio, polo cal moitas veces somos acusados de non loar suficientemente ao empresariado polo seu sacrificio, reflicte un escenario de vampirización do esforzo público polo privado. Agora as tornas cambian, non hai osíxeno para reprantexarse o seguinte paso. Os propios pais fundadores, como Hinton, chaman á calma a un sector dopado con inversións que só busca mellorar resultados sen novas ideas e en sistemas nos que aínda hoxe non se pode resolver facilmente o seu grao de efectividade fóra do conxunto de datos cos que se traballa.

O sector privado compartimenta e illa aos científicos que traballan en pezas clave do crebacabezas

O sector privado compartimenta e illa aos científicos que traballan en pezas clave do crebacabezas, hoxe poida que os papers dispoñíbeis en aberto para achar o cálculo do tempo de estimación até a colisión cun obxecto na automoción se conten cos dedos dunha man.

O sector público, as nosas cidades, xa hoxe asisten unha idea que conta con sobrada inversión privada. As tecnoloxías V2I, vehículo a infraestructura, que permitirán optimizar o custe de comunicar os vehículos entre si ou con sensores situados na vía pública, son esforzos que non se verán directamente reflectidos en transportes públicos autónomos. Transportes públicos que resolverían hoxe o problema do elevado custe do hardware necesario para correr con seguridade a aplicación, ou das limitacións de voltaxe para alimentala, cos 12 voltios dos nosos coches actuais dificilmente daremos enchufado ningunha GPU. Mais non fai falla ser agoreiros, xa hoxe en día vemos como eses avances chegan unicamente ás gamas altas en vehículos que permiten ao seu único conductor aparcar sen estar el dentro.

A cuestión é se seremos capaces de resolver o problema de enxeñaría co modelo de produción parasito escollido e se o resultado unha vez esté nas nosas rúas será capaz de reorientar e optimizar o modo de transporte das maiorías sociais que o financiaron

Esta é unha carreira na que os equipos de marketing das empresas retrasan cada ano a chegada do quinto nivel de autonomía dos seus vehículos e maquillan as razóns cando convivimos con, cada vez menos, grandes proxectos públicos que solucionan enormes problemas da física e da enxeñaría dentro dun modelo que aporta máis resultados. Son indubidábeis as vantaxes desta tecnoloxía, especialmente no referente á seguridade; a cuestión é, primeiro, se seremos capaces de resolver o problema de enxeñaría co modelo de produción parasito escollido e, segundo, se o resultado unha vez esté nas nosas rúas será capaz de reorientar e optimizar o modo de transporte das maiorías sociais que o financiaron.

Publicidade

Acerca de Dani Mexuto

Daniel Mexuto Rodríguez. Enxeñeiro de sistema, interno no sector da automoción xaponés.