0 Gardados para despois

Moncho Iglesias Míguez

Markazi: Vítimas dunha guerra invisible

Noutrora famosa polas lendas e maila súa historia, a Iemen de hoxe está lonxe de ser o paraíso feliz que viron nela romanos e gregos. Foron eles quen a bautizaron co nome de Arabia Felix, pois no seu territorio agromaban vexetais e especias de todo tipo, e o clima era apracible, xusto o oposto á parte norte da península arábiga, a Arabia Petraea, un deserto infértil. Ese lugar feliz, a actual Iemen, xa non ten motivos para sorrir: sufriu dúas guerras civís entre 1962 e 1970, outra en 1994, e dende entón, as rivalidades e as alianzas mudan o escenario.

Noutrora famosa polas lendas e maila súa historia, a Iemen de hoxe está lonxe de ser o paraíso feliz que viron nela romanos e gregos

Conta a lenda que o café naceu nas montañas de Moca, e que de aí vén o nome deste tipo de café. Segundo a tradición, foi un xeque alí exiliado quen, morto de fame, berrou por axuda e quen, por casualidade, descubriu o café. Un paxaro levoulle unha póla cuns grans que enseguida botou o home ao lume, pois eran amargos de máis. Pensou que talvez así saberían mellor, pero o único que conseguiu foi endurecelos, así que tratou de fervelos para abrandalos. Foi deste xeito que descubriu o aroma que saía da cocción, e por iso decidiu beber a auga fervida. Recobrou forzas coa beberaxe e volveu á cidade, onde falou da planta que descubrira, e onde axiña se faría famosa a infusión deses grans.

Antes do descubrimento do café, Iemen xa era famosa, pois era un lugar estratéxico no que se atopaba o reino de Sabá: entre a India e o Mediterráneo. Foi o seu valor xeográfico o que provocou que chegase a monopolizar o tráfico de especies e que dende alí se estendese o uso do incenso. Foi precisamente isto o que, segundo as crónicas, levou á raíña de Sabá a Xerusalén para entregarllo a Salomón. Co incenso ía mirra, ouro, xoias e adiviñas, e talvez tamén qat, un arbusto estimulante que mastigan boa parte dos iemenís e que paraliza o país á hora da sesta.

Esa Manhattan do deserto, Iemen, comezou a construírse en vertical no século IV, aínda que non foi ata mediados do XVI que se espallaron esas sorprendentes construcións de varias alturas

O estado da raíña de Sabá é o lugar onde se construíron os primeiros rañaceos do mundo. Esa Manhattan do deserto, Iemen, comezou a construírse en vertical no século IV, aínda que non foi ata mediados do XVI que se espallaron esas sorprendentes construcións de varias alturas. A idea era que eses edificios feitos de adobe e barro cocido protexesen as súas xentes dos ataques dos veciños de Hadramut, no norte do país, pero pronto deixaron de ser muros de contención para ser os habitáculos que aínda a día de hoxe están habitados e que conforman un museo arquitectónico aberto nas montañas desérticas do país.

O qat representa a práctica totalidade da economía rural iemení e mascalo unha actividade social que os identifica como pobo. Para uns non só é un pracer, senón unha necesidade; para outros “o demo vestido de arbusto”

Alén de rañaceos de adobe, Iemen é qat. O qat representa a práctica totalidade da economía rural iemení e mascalo unha actividade social que os identifica como pobo. Para uns non só é un pracer, senón unha necesidade; para outros “o demo vestido de arbusto”. Para uns foi o motor que provocou a revolución árabe no país; para outros, o responsable dunha revolta que só mesturou sangue. Se durante séculos foi unha vía de escape, como estimulante, agora é tamén unha fonte de ingresos. A economía dun país bloqueado, cunha severa crise alimentaria, na que o 80% da poboación precisa axuda humanitaria, levou a que moitas persoas abandonasen os seus traballos, onde os salarios levaban tempo conxelados, e se dedicasen á venda de qat.

 

Entre Djibutie, a capital do país, e Obock, un pergameo de historias

É un país que morre nunha guerra civil enquistada nos anos, e da que ela mesma non deixa de ser máis que espectadora silandeira

Entre África e Asia xeograficamente, entre Arabia Saudita e Irán politicamente, mais entre pobreza e riqueza, Iemen é realmente fame. É un país que morre nunha guerra civil enquistada nos anos, e da que ela mesma non deixa de ser máis que espectadora silandeira. Por este motivo, moita xente decidiu fuxir do conflito e buscar asilo onde llo deran. Coas fronteiras pechadas e os visados denegados, Djibuti converteuse nunha das poucas opcións para os superviventes que lograron escapar.

Djibuti, no corno de África, é unha das portas de acceso a Europa a través do canal de Suez, unha das rutas marítimas máis transitadas do mundo. Esa vía semella ser a única entrada de divisas a un país tan árido que leva o alcume de val do inferno, e que serve de oasis de paz entre a marisma de guerras que o rodean. Djibuti fai fronteira terrestre con Somalia, Etiopía e Eritrea, e comparte mar con Iemen, de onde chegan a maior parte de refuxiados, xente que busca un futuro mellor nun territorio onde un millón de djibutianos sobreviven nunha extensión de area semellante á de Galicia. Para os iemenís que alí chegan, non só estrema coas lembranzas coloniais francesas e a presenza da maior base militar americana en África, senón tamén coa posibilidade de topar asilo nun lugar en paz.

Djibuti fai fronteira terrestre con Somalia, Etiopía e Eritrea, e comparte mar con Iemen, de onde chegan a maior parte de refuxiados, xente que busca un futuro mellor nun territorio onde un millón de djibutianos sobreviven nunha extensión de area semellante á de Galicia

A capital do país é un conxunto de casas que se estenden entre a area da praia e a voaxa do centro. Casas coloniais francesas mesturadas con construcións de cemento e un presente ancorado entre un pasado que parecía glorioso e un futuro incerto que de cando en vez albisca alguén, na procura dun porto para expandir, unhas praias por explotar e unha historia que fai lembrar que Djibuti foi o principal porto de acceso á India, por mar, e a África, a través do Nilo. As pegadas da expansión francesa están tamén presentes en Obock, unha aldea situada fronte á capital do país, á que é posible chegar por mar (45 quilómetros en tres horas, se non hai tormenta de mar) ou por terra (230 quilómetros en seis horas, se non hai tormenta de area).

En Obock, onde os sultáns afarís venderon as súas terras aos franceses, aínda é posible ver os estandartes das bandeiras que a finais do século XIX encheron o lugar. Afastada do fugaz esplendor colonial, Obock é agora un pergameo de historias: o pasado permanece oculto baixo as promesas de facer da vila un novo centro comercial e turístico; o presente adivíñase tras as cicatrices que forman os tremores de terra (unha enorme placa tectónica provoca movementos de terra tan importantes, que os xeólogos apuntan a unha nova fractura que levará á creación dun novo continente saído do corno de África), e as tormentas de area e os refuxiados de ambos lados (Iemen e Etiopía, amais de Somalia) proxectan un futuro só factible nos soños ou nos pesadelos.

 

Centos de tendas/casa no campo de refuxiados de Markazi

Afastada do fugaz esplendor colonial, Obock é agora un pergameo de historias: o pasado permanece oculto baixo as promesas de facer da vila un novo centro comercial e turístico

En Obock pódense contar os días nos que choveu no último século, así como o número de casas e coches. Do xeito contrario, é imposible saber a cantidade de calas que se agochan entre as súas augas cristalinas, nin o número dos seus habitantes. Entre as súas xentes, que cada noite se achegan á rúa principal, o empedrado areoso do mercado, mestúranse refuxiados de Iemen que chegan e ás veces se van, e que dormen no campo de refuxiados de Markazi, unha extensión de area cuberta de tendas de campaña e de cativos que corrican polos espazos que quedan entre os fogares.

En Markazi, a catro quilómetros do centro de Obock, hai un outro país, unha nación pendente do que decidan os outros e dependente das axudas de outros. Markazi non ten nome de país, nin alcume de estado nin de nación, só unha silente bandeira enarborada na esperanza das 2000 persoas que alí se amorean dende hai xa tres anos, e que desexan poder regresar ao seu lar. Mentres agardan as decisións dos outros, viven con impaciencia a chegada dun novo terremoto, a picada dunha araña ou a agonía de temperaturas que acadan os 50ºC, pero, sobre todo, temen polo seu futuro, porque o presente e o pasado (a guerra que os fixo fuxir de Iemen) xa o coñecen.

Markazi non ten nome de país, nin alcume de estado nin de nación, só unha silente bandeira enarborada na esperanza das 2000 persoas que alí se amorean dende hai xa tres anos, e que desexan poder regresar ao seu lar

A maioría dos refuxiados que viven en Markazi proveñen do sur de Iemen. De Aden é Ali Shafiq Aman, quen saíu da súa cidade hai tres anos, cando a guerra xa deixara en entullos o edificio onde vivía. Cando a rúa se encheu de balas e metralla, colleu os rapaces no coche e conduciu ata a casa da irmá da muller, a uns 20 quilómetros da súa. Alí xa había outras tres familias, e como o lugar era demasiado pequeno como para albergar outra máis, aos cinco días decidiron marchar de novo. Entón souberon que non podían volver á casa, pois estaba destruída e todo o que tiñan, todo o persoal e material, xa marchara para sempre. Daquela chegou o seguinte destino: o porto.

O porto de Aden é o único acubillo e trincheira para os que foxen. Dende alí partiron a maioría, co pouco que lles collía nas mans, en barcas ou en pesqueiros atestados de xente. Marchan en embarcacións que fan a ruta inversa á que, dende hai séculos, fan os inmigrantes africanos que buscan no Golfo Pérsico o seu porvir. Coinciden en faceren unha viaxe á esperanza, en barcos convertidos en salvavidas que son, á vez, silenciadores da guerra invisible que se esquece deles.

As travesías rematan en Markazi, onde os iemenís chegan feridos de guerra e traumatizados, como un dos irmáns de Alaa Abdulkader Saleh, informático de 31 anos, de Sanaa, onde viviu a súa infancia. Alaa conta como fuxiu coa familia da prisión na que se convertera o seu país e como chegou ao cárcere ao aire libre que foi o Djibuti que topou nos primeiros días: unha gaiola con barrotes de mar e area onde as febres mesturáronse coa depresión. Foi por iso que un dos seus irmáns tratou de suicidarse varias veces, incapaz de superar as feridas psicolóxicas da guerra. Con todo, Alaa é optimista e non se rende. Fai deporte, estuda o que pode, le o que lle chega ás mans e escribe:

“Se perdiches o lugar onde sementaches, a choiva amosarache onde está a semente. Por iso, sementa paz onde queira que esteas baixo o ceo, pois non sabes onde nin cando has coller. Planta paz, aínda que non sexa no lugar exacto, porque así nunca a perderás. Repartir alegría é unha marabilla e talvez recollas parte desa ledicia nesta ou na seguinte vida. Non lle roubes a felicidade a ninguén nin lle rompas o corazón, pois a vida é demasiado curta como para facer cousas así. Os bos actos permanecen mesmo se marcha quen os fai”.

A maior parte dos refuxiados trata de buscar unha ocupación entre as tendas de campaña. Nunha delas, que funciona de mercado, establécense parladoiros á noitiña

Igual que Alaa, a maior parte dos refuxiados trata de buscar unha ocupación entre as tendas de campaña. Nunha delas, que funciona de mercado, establécense parladoiros á noitiña. Un dos habituais é Ali, un arquitecto obrigado a xubilarse antes de tempo, por falar e escribir sobre o que considera inxusto; algo que o levou a escribir 15 libros durante os anos que pasou sen traballo por ter ideas non acordes co pensamento radical que creceu no seu país. Lembra ese período negro e a crueza actual, e non quere regresar, malia ter alí á súa muller e aos seus fillos, porque non quere morrer, quere seguir vivindo, seguir cara adiante, e volver a Iemen neste momento sería un suicidio.

 

Il-Iemen il-said

Ali revólvese entre as tendas na procura de espazos nos que deliñar algo, e aproveita os seus coñecementos para dar clases de inglés nas jaimas (tendas de campaña) que fan de escola. Con 66 anos, Ali é un dos mestres con máis experiencia e un guía dentro do museo improvisado que é Markazi. Así o fai ver un seu amigo, Samir Abdul Aziz Abdu Sittar, de 60 anos e de Aden, que deixou o traballo na sala de raios X dun hospital por vivir e para dedicarse a unha das súas paixóns: debuxar. En Iemen Samir deixou a súa esposa, que logo marchou a Alemaña, e dúas fillas. En Markazi está con outros tres fillos e mantén a esperanza de volver ao seu país, porque ningún outro lugar lle achegaría nada; talvez cartos, pero non sería quen de acostumarse a un estilo de vida tan diferente ao seu. Confesa que non procura mellorar na vida, pois a súa vida xa está feita, e só devece por un futuro mellor para os seus. Por iso entende que a familia queira vivir nun país onde os acollen, onde poden estudar e onde soñar é posible.

Ali e Samir pasan tempo xuntos. Coinciden baixo o toldo da improvisada cafetaría e logo pasean ou debuxan. A jaima de Samir é un imaxinativo museo pictórico sobre a historia de Iemen. As teas das paredes están engalanadas con debuxos do lar: quer a cidade, quer o campo de refuxiados: as rúas, o colexio, a casa... unha vida cotiá que consegue reflectir a realidade grazas ás fotografías pintadas que Samir leva na memoria e nas follas que colorea. É dese xeito que pode amosar que Iemen é o país do que saíu, un lugar onde a morte se apoderou de todo; unha destrución que non lles pertence, nin por tradición nin por devoción, nin por ningún outro motivo.

Anisa ten 26 anos e dá clases de inglés. En Aden rematou dous anos da licenciatura en inglés, mais non puido continuar por mor da guerra, que provocou que pasase de ser alumna a mestra e de filla a nai, pois coida dos seus irmáns pequenos como tal

Anisa, a filla de Samir que vive en Markazi, ten 26 anos e dá clases de inglés. En Aden rematou dous anos da licenciatura en inglés, mais non puido continuar por mor da guerra, que provocou que pasase de ser alumna a mestra e de filla a nai, pois coida dos seus irmáns pequenos como tal. Lembra como un día quedou atrapada no zoco, con dous dos seus irmáns, e como iso marcou o comezo do conflito na cidade: a entrada dos hutis. Entón impúxose o toque de queda ás cinco da tarde, e unha vez que quedaron sen víveres nin auga nin electricidade decidiron fuxir. Quedaron no porto de Aden ata o 27 de abril de hai tres anos, cando decidiron montar nun barco que os levou ata o porto de Djibuti, onde estiveron dúas semanas sen poderse mover do lugar.

Como moitos dos refuxiados, Anisa e a súa familia chegaron a Markazi en xuño do 2015. Pensaban que os trasladarían a unha aldea, mais chegaron ao medio dun desértico areal inmenso. Anisa lembra como non había nin baños nin cociñas, só serpes e mandas de monos que arrodeaban unhas pequenas tendas de campaña que pouco a pouco foron converténdose en casas. “En Iemen iamos ver monos ao zoo, agora son eles que veñen vernos a nós”, di o seu pai con sorna, tratando de reproducir os berros dos monos: “Mira, mira, son iemenís!”.

Tres anos despois, Anisa segue a pensar na súa casa en Iemen, e continúa a ver a súa tenda de campaña en Markazi como algo temporal no que xa hai colchóns acomodados para recibir visitas, luces para poder estudar e ler durante as horas que hai electricidade, e pequenas comodidades que aumentan ao mesmo ritmo co que crece a distancia co seu verdadeiro lar. Recoñece que, malia crecer moito durante este tempo, pensa que pode crecer máis e non só axudar á familia e aos refuxiados, senón tamén a levantar o seu país. Por iso quere seguir os seus estudos, onde sexa posible, para logo regresar a Iemen e conseguir que volva ser “Il-Iemen il-said”, “O Iemen feliz”, que agora non é.

Xogan fóra das tendas, tratando de ocupar o tempo e de esquecer o que xa viviron. Porén, isto semella imposible, como se ve nos seus debuxos, nos que hai avións que sobrevoan cidades, coches que foxen ou corazóns na procura de amor.

Entre o po e as teas, non deixan de corricar cativos. Xogan fóra das tendas nos recreos e no resto do día, tratando de ocupar o tempo e de esquecer o que xa viviron. Porén, isto semella imposible, como se ve nos seus debuxos, nos que hai avións que sobrevoan cidades, coches que foxen ou corazóns na procura de amor. Nos ollos que os debuxan reflíctese a inocencia do silencio e da historia que os levou a ningures, a un museo feito por adultos e para adultos, mais para que ninguén o vexa.

A area, tatuada por todos lados, confúndese cos graffitis que nalgunhas carpas e caravanas parecen berrar, en pintadas como: “Non queremos comida, queremos saír de aquí dunha puta vez”, “Síntome como o incrible Hulk, teño o lombo roto, mais aínda podo andar” ou “Eu non son un terrorista”. Letreiros que tratan de enviar unha mensaxe a un mundo que non semella recibir recados. Como cubrindo estas tatuaxes, están os arames que rodean Markazi, trincheiras contra as augas cristalinas que non deixan de ser visións nun oasis sen auga que trata de sobrevivir nun mundo xordo, enmudecido polo poder e cegado polo ego.

En Markazi respírase o maior desastre humanitario dos últimos 50 anos: a guerra de Iemen, un país tan preocupado por pacificar o seu territorio, que aínda non tivo tempo de preocuparse pola economía, nin pola educación, nin pola fame

En Markazi respírase o maior desastre humanitario dos últimos 50 anos: a guerra de Iemen, un país tan preocupado por pacificar o seu territorio, que aínda non tivo tempo de preocuparse pola economía, nin pola educación, nin pola fame. En Iemen só se respira o fume dos bombardeos que, ao contrario que noutros lados, non veñen con remansos silandeiros de paz. En Iemen, o único silencio que hai son as pausas que traen novos estrondos: os dos estómagos baleiros que sementan o país, e os dos pulmóns apurados que tratan de non afogar no mar Vermello.

Publicidade

Acerca de Moncho Iglesias Míguez