O galego no Bierzo

Celebramos o Día das Letras Galegas. Nesta data sobranceira convén ter en conta a existencia de galegofalantes afastados no noroeste peninsular. Referímonos ás minorías estremeiras, do Eo-Navia, As Portelas e O Bierzo.

O galego do Bierzo vén da Idade Media, segundo os tumbos dos nosos mosteiros. Posteriormente, a derrota do conde de Lemos en Ponferrada (1486), fronte aos Reis Católicos, facilitou a chega de oficiais e maila burocracia castelá. Os Séculos Escuros favoreceron a institucionalización do castelán. O noso galego quedou restrinxido aos eidos familiar, veciñal e rurais.

Hoxe a minoría galegofalante do Bierzo resiste ante as discriminacións lingüísticas derivadas da falta de cooficialidade do galego. Certo é que o galego ten presenza parcial no ensino regrado nos centros escolares do Bierzo ocidental. Mais o resto de administracioes non recoñecen dereitos lingüísticos aos galegofalantes.

O movemento reivindicativo acadou o recoñecemento legal para o galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León (1999), “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5). Depois reclamamos o recoñecemento do galego no Consello Comarcal do Bierzo. Finalmente o galego foi incluído na Lei autonómica pola que se creou esta institución comarcal (2010).

Agora, de novo os galegofalantes do Bierzo temos de mobilizarnos. Resulta que o Goberno estatal vén de aprobar un Real Decreto 128/2018 que obriga á presenza de funcionarios de habilitación nacional nos chamados entes locais menores. Estas institucións locais teñen a súa orixe nos concellos rurais medievais. O seu proceso histórico de institucionalización, co Estatuto Municipal de 1924, acadou categoría de entes locais menores. Así, cada localidade do Bierzo ten recoñecemento administrativo peculiar.

No Bierzo ocidental o galego oral sempre estivo presente na actividade política dos concellos rurais de localidades, barrios e aldeas. Pola outra banda, nos concellos municipais, a presenza de funcionarios estatais obrigaba ao uso do castelán polos políticos e veciñanza, ante o mandato legal da oficialidade lingüística.

Co comentado Decreto estatal os concellos rurais, dos devanditos entes locais menores, non poderán usar a lingua galega da súa veciñanza. A presenza de funcionarios de habilitación nacional nos entes locais menores obriga a utilizar unicamente polos veciños o castelán, oral ou escrito, para ser comprendidos polos funcionarios-secretarios que deberán elaborar as actas correspondentes. Os funcionarios foráneos non teñen a obriga legal de coñecer o galego no Bierzo e, polo tanto, de comprendelo e usalo. Só deben usar o oficial castelán. O galego xa non posuirá funcionalidade ningunha, nin política nin administativa, no seo dos entes locais menores.

Non se pode negar esta dinámica política e institucional antigalega en Castela e León. Así acontece tamén coa Lei autonómica do réxime local (1998) que obriga a que a “denominación dos municipios haberá de ser en lingua castelá” (art. 24). E o ben subvencionado “Instituto castellano y leonés de la lengua”, que ignora o galego do Bierzo. Por iso Galiza debería profundar nas relacións coas minorías estremeiras para asegurar o futuro do galego que nos une.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.