O novo mapa electoral

Hai catro anos nos comicios ao Parlamento europeo rexistrouse un resultado inédito: a suma do apoio recibido polo PP e polo PSOE non acadou o 50% dos votos totais emitidos. Abriuse, daquela, un certo debate na opinión publicada a respecto da continuidade temporal dese descenso relevante  no peso do bipartidismo. Unha parte significativa das análises afirmaban o carácter anedótico do sucedido naquela cita electoral e prognosticaban un futuro retorno ás tendencias precedentes. As xerais celebradas nos anos 2015 e 2016 confirmaron os indicios de cambio detectados no 2014 para sorpresa dos que seguían vendo, neste fenómeno, un “souflé” con pouco percorrido.

O recente inquérito do CIS ratifica a nova estrutura do mapa electoral. A diferenza do que ocorreu nas últimas décadas, hai poucos vasos comunicantes entre os electorados do PP e do PSOE: as perdas que experimentan cada un deles non van reforzar ao contrincante. Nas vitorias de Aznar de 1996 e do 2000 houbo unha evidente transferencia de votantes que antes apoiaran a Felipe González. Algo semellante tivo lugar -nun sentido inverso- cando se produciu o triunfo de Rodríguez Zapatero nos anos 2004 e 2008. A propia maioría absoluta acadada por Mariano Rajoy no 2011 non se explica sen ese movemento circular. Obviamente, ambas formacións tamén perdían votos que ían cara a abstención e, no caso do Partido Socialista, cara IU. Pero había unha indiscutíbel porosidade entre segmentos dos votantes desas forzas.

O que debuxan os últimos inquéritos non encaixa nesa lóxica tradicional. A presenza e progresivo medre de Ciudadanos modifica as anteriores transferencias. O que perde o PP xa non vai, primordialmente, ao PSOE e á abstención senón ao partido de Rivera. E, ademais, a formación laranxa está captando un certo número dos votantes que abandonan a forza que actualmente lidera Pedro Sánchez. Pola outra banda do escenario, Unidos Podemos e as confluencias manteñen, con pouco desgaste, a posición obtida no 2016 e non se percibe o coñecido fenómeno do “voto útil” cara o PSOE. Para este partido, a situación é preocupante:a pesar da notábel erosión que padece o goberno de Rajoy e das manifestacións de protesta que se rexistran no tecido social, non é quen de xerar unha expectativa consistente que, ademais, capitalice a importante participación que teñen en varios gobernos autonómicos e locais. Sánchez non sabe como saír do estancamento:o seu pacto de goberno co C's despois das xerais de 2015 neutralizou a credibilidade das críticas posteriores que verbalizou contra Rivera e a súa retórica disposición aos acordos con UP e as confluencias non é quen de agachar a secular resistencia do seu partido a unha alianza en pé de igualdade con outras formacións ubicadas no territorio da esquerda.

O momento demoscópico doce que está vivindo Ciudadanos ten unha explicación multicausal: a corrupción estrutural que padece o PP, a polarización derivada da dinámica política catalá e a presenza destacada do factor xeracional no comportamento electoral. A imaxe de Rivera conecta con  sectores de votantes do partido de Rajoy -de idades inferiores aos 55 anos- que xa non aturan o catálogo diario de escándalos e que ademais posúen unha identidade nacional española que desexan afirmar fronte á declaración unilateral de independencia que se visualizou en Catalunya. Se ademais, a historia desta forza carece de experiencias gobernamentais importantes que permitan contrastar a distancia que vai das promesas á realidade, pechase o círculo da virtuosa propaganda laranxa.

Non é doado facer previsións para os vindeiros meses. En todo caso, semella verosímil pensar que o mantemento do bloqueo político en Catalunya alimentará o potencial electoral de A. Rivera e, xa que logo, facilitará a futura conformación do que sería o primeiro goberno de coalición no ámbito estatal (neste caso protagonizado por PP e C's). Con semellante perspectiva, resultaría complicado imaxinar a continuidade de M. Rajoy na primeira liña da actividade política.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.