Infancia e adolescencia, unha cara oculta da violencia de xénero

A violencia de xénero é un acto de terrorismo contra as mulleres. De feito, podemos ir  asumindo que o patriarcado é unha guerra contra as mulleres, e que cada ano vai deixando un regueiro de asasinatos, danos físicos, sexuais e psicolóxicos con pegadas imborrables e consecuencias nefastas para as vidas das mulleres.

Porén, nesta violencia machista, as mulleres non son as únicas vítimas. As crianzas e adolescentes son unha cara oculta desta violencia, cuxo recoñecemento como vítimas é moi recente: a través da Lei Orgánica 8/2015 que modifica a Lei 1/2004 se asume que calquera crianza, polo feito de convivir nun entorno onde se produce violencia machista, é considerada vítima desa violencia.

As crianzas e adolescentes son unha cara oculta desta violencia, cuxo recoñecemento como vítimas é moi recente

O ano 2017 foi o ano no que máis casos foron rexistrados de asasinatos de crianzas por violencia de xénero: oito en total. En realidade, como acontece coas mulleres vítimas de violencia, estes rexistros lamentablemente infracontabilizan os asasinatos. Temos que saber que a día de hoxe, a violencia machista (e os asasinatos de crianzas por esta violencia) só se circunscribe a aqueles casos nos que o home tiña unha relación afectivo- sexual coa vítima (e nai das crianzas). Iso, evidentemente, exclúe moita casuística.

O pacto de estado contra a violencia de xénero ten previsto a modificación na lei 1/2004 desta definición de violencia, pero aínda estamos á espera da súa aplicación, mentres nos orzamentos xerais do estado quedaron só 80 millóns dos 200 millóns prometidos para este pacto. O estado continúa lanzando a mensaxe que pouco importan estes asasinatos.

Que acontece con eses 27 nenos e nenas orfos cuxas nais foron asasinadas? Como son as secuelas que estas crianzas sofren de por vida ante estes asasinatos machistas?

En calquera caso, os asasinatos rexistrados son a parte quizáis máis visible e sobre a que máis poñemos atención, polo dramático dos feitos. Sen embargo, detrás hai outras moitas cuestións que relatan cada día as consecuencias que as crianzas expostas a esta violencia sofren constantemente. Que acontece con eses 27 nenos e nenas orfos cuxas nais foron asasinadas? Como son as secuelas que estas crianzas sofren de por vida ante estes asasinatos machistas? Adoitamos esquecer que detrás das perto de 134.500 mulleres maltratadas en 2017 (datos do Consello Xeral do Poder Xudicial), hai menores que se expoñen a escoitar gritos, humillacións, vexacións, e un longo etc.

Esquecemos que tendo aumentado un 15,8% as denuncias por abuso sexual infantil, segundo a ONG Save the Children, o 85% son casos non denunciados, onde as crianzas crean a miúdo algún tipo de refuxio psicolóxico como mecanismo defensivo para sobrevivir. Anos máis tarde esas sensacións e imaxes da infancia que aparecen nas súas mentes cobran significado a un malestar psicolóxico e a uns comportamentos nada adaptativos que non conseguían entender e que lles torturaban implícitamente sen entender por que lles pasaba todo aquilo.

Para acabar coa violencia temos que acabar co machismo: pódese (e débese) mellorar as leis, a formación en igualdade da policía, dos equipos de valoración psicosocial, da avogacía ou da xudicatura

Para acabar coa violencia temos que acabar co machismo: pódese (e débese) mellorar as leis, a formación en igualdade da policía, dos equipos de valoración psicosocial, da avogacía ou da xudicatura. Agora que está o debate enriba da mesa, ten que mudar tamén esa diferenciación entre abuso e agresión sexual, tendo en conta ademais que a intimidación das crianzas por parte dunha persoa adulta resulta máis que evidente. A asociación galega contra o maltrato a menores (AGAMME) leva anos loitando pola supresión desta distinción, xa que logo nos atopamos sentenzas tan surrealistas como a da sección terceira da Audiencia de Cantabria en marzo de 2017 na que se asegura que unha nena de cinco anos non foi agredida senon abusada porque o agresor (o seu veciño) non actuaba con violencia e intimidación xa que a nena ía polo “seu propio pé” a casa do veciño.

Pero ademais destas mudanzas que hai que facer no eido legal, non podemos perder de vista que a violencia contra as mulleres e as crianzas se sustenta nunha masculinidade hexemónica que sigue baseada na lóxica da dominación. A antropóloga arxentina Rita Segato sinala que esa violencia ten unha función disciplinadora no patriarcado de alta intensidade no que vivimos, e que emprega a crueldade sobre os corpos de crianzas e mulleres para lanzar unha clara mensaxe: os homes continúan a reafirmarse no patriarcado a través da súa violencia.

Sobre estes e outros temas imos falar na Xornada Infancia e adolescencia, unha cara oculta da violencia de xénero, que se vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra o día 26 maio

Sobre estes e outros temas imos falar na Xornada Infancia e adolescencia, unha cara oculta da violencia de xénero, que se vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra o día 26 maio; esperamos que esta xornada con especialistas do eido educativo, psicosocial, xudicial e asociativo axude a visibilizar a violencia cara a infancia e adolescencia desde unha perspectiva feminista que quere erradicar a raiz deste tipo de violencias. Podedes inscribirvos en: www.depo.gal e www.pontevedra.gal.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.