0 Gardados para despois

Celia Pereira Porto

#RecuperarmosNós

O 25 de abril pechou Blogaliza, despois de 15 anos de vizosa actividade, de acoller máis de 28.000 blogs escritos, de forma total ou parcial, en galego. No canto de celebrarmos o 44º aniversario da revoluçao dos cravos co país que herdou a nosa lingua, estamos de velorio e estreamos a ciberemigración: a emigración 3.0

Quizais debiamos aprender algo do pasado para superarmos, por sempre e de forma colectiva, esta situación, con ilusión e esperanza

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo permanece á deriva. O noso extraordinario pintor Xaime Quessada Porto deixou escritas as súas críticas, nas Memorias faladas, onde afirma que ese museo, “que é unha preciosidade, tería que funcionar dunha forma democrática”, e avoga pola creación dun Museo de Arte Nacional de Galicia: “un gran museo de historia da arte en Galicia para que os estudantes e os turistas poidan comprobar a riqueza que temos.”

A MESA pola Normalización Lingüística vén de publicar o informe titulado A situación da lingua galega na programación televisiva infantil, onde conclúe que, no “total de programación diaria infantil, tan só o 4,6% se oferta en galego nos días laborábeis e o 2,7% na fin de semana”, así como que a “maioría dos contidos proveñen de produción foránea”.

Hai pouco tempo que o Consello da Cultura Galega lle entregou á Xunta de Galicia o seu informe Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI, que ten por obxectivo ofrecer unha panorámica xeral do ámbito cultural galego. O amplo estudo visualiza, nas súas conclusións, a delicada situación que atravesa a cultura galega, nun contexto onde ten unha marcada incidencia o emprego das denominadas “novas tecnoloxías da comunicación” (até cando o uso do adxectivo?!), a crise e as políticas de austeridade. E ese panorama patolóxico móstrase tanto desde un punto de vista cuantitativo, xa que o informe recolle 30 signos negativos fronte a 19 positivos, como desde unha perspectiva cualitativa, porque son de carácter moi dispar as debilidades e fortalezas que evidencia.

A nosa cultura é rica e plural; está chea de creadoras orixinais e con talento, e nos ámbitos máis diversos. Porén fica claro que temos problemas, de carácter estrutural, para divulgala e comercializala

Como o programa conducido por Carlos Blanco na TVG, o certo é que “Somos unha potenzia”. A nosa cultura é rica e plural; está chea de creadoras orixinais e con talento, e nos ámbitos máis diversos. Porén fica claro que temos problemas, de carácter estrutural, para divulgala e comercializala.

Quizais debiamos aprender algo do pasado para superarmos, por sempre e de forma colectiva, esta situación, con ilusión e esperanza. Temos recursos máis que suficientes. Xa son centenarias as Irmandades da Fala e a Xeración Nós, magnífico espello en que reflectirnos para manter e espallar a nosa cultura, no espazo do ancho mundo e no tempo infinito das xeracións vindeiras. Por iso temos que recuperarmos, de vez, o seu espírito.

Estamos diante da inmensa e marabillosa tarefa de dignificar a nosa cultura no século XXI, de coller ese honroso relevo de quen nos precedeu, e de consolidar e difundir as creacións feitas na nosa lingua, plurais e diversas, que nos representan e identifican

Como afirma Carme Fernández Pérez-Sanjulián no libro colectivo As Irmandades da Fala, cen anos despois: “unir teoría e praxe ao servizo innovador da presenza pública da lingua galega e ao afirmar, con explícita vontade, a “soberanía estética da nazón galega”, tal e como proclama o seu manifesto fundacional”.

Estamos diante da inmensa e marabillosa tarefa de dignificar a nosa cultura no século XXI, de coller ese honroso relevo de quen nos precedeu, e de consolidar e difundir as creacións feitas na nosa lingua, plurais e diversas, que nos representan e identifican. E de facelo nós coas ferramentas de hoxe. Por iso debemos facer TT #RecuperarmosNós

Publicidade

Acerca de Celia Pereira Porto