A estafa das débedas (III)

A crise financeira (2008) e a longa recesión económica posterior (2009-2015) foron os marcos nos que se dispararon as débedas públicas europeas dando lugar ao que se deu en chamar “a crise das débedas soberanas”. Unha crise que, sen dúbidas, afectou a un modelo de crecemento económico dominado polas finanzas e apoiado no endebedamento. Un crecemento por endebedamento que estivo favorecido polas políticas de baixos xuros que puxeron en marcha os bancos centrais, como por caso o BCE (Banco Central Europeo) e  que chegou a tódolos sectores: familias, empresas, bancos, estados. Un endebedamento global que nembargante recibiu na Unión Europea moi diferente atención por parte dos poderes públicos segundo quen fora o axente debedor. Así veríamos como unha parte moi relevante da débeda pública resultaría de que os gobernos occidentais, como por caso o español, asumiron como propias as débedas dos bancos e de moitas grandes empresas construtoras. Algo que non farían cos demais axentes.

Unha decisión que supuxo que a estabilidade financeira dos estados quedara sometida a estabilidade financeira duns bancos cun enorme volume de débeda tal que, como se puxo en evidencia e fronte ao que se pensaba, fíxoos moi vulnerables. Unha realidade que nos leva a que si, por caso,  se quere atopar unha das explicacións ao crecemento, aparentemente imparable, das débedas públicas nos estados occidentais haxa que procurala fora do público, exactamente na fraxilidade e vulnerabilidade financeira dos bancos ocultas polo segredo bancario.

A mundialización neoliberal, que eliminou as barreiras ao libre movemento dos capitais, que acentuou o carácter financeiro das transaccións e que ao tempo solidificou o segredo bancario, puxo en evidencia a real situación dos grandes bancos. Unha situación de moita fraxilidade e vulnerabilidade derivadas do seu elevado apalancamento que en Europa viuse estimulado polo auxe do mercado interbancario e a aparición do euro. Unha conduta irresponsable por parte dos bancos –calquera impago pode supor unha ameaza real de creba- pero que se ve favorecida pola seguridade que lles da o saber que en caso de estar en perigo de creba os gobernos amosaranse, como sucedeu na pasada crise financeira, totalmente dispostos a endebedarse para así garantirlles a liquidez necesaria, baixo a xustificación de que son “demasiado grandes para deixalos caer”. Velaí un dos mecanismos polos que se dispararon as débedas públicas que pasaron así a converterse na bomba que alimenta as finanzas privadas.

Para atopar outro dos mecanismos que facilitaron ese crecemento dos débedas públicas hai que buscalo na realidade fiscal de moitos estados occidentais e moi especialmente dos estados do sur de Europa (Portugal, España, Grecia….). Estados cunha baixa presión fiscal e unha moi elevada fraude fiscal. Estados nos que a pesar desta realidade os gobernos de torno parecen pelexar por ver quen e o mais atrevido na baixada dos impostos sempre, claro está, mirando as rendas altas. Baixadas de impostos que carrexan unha importante redución dos ingresos públicos. Caída de ingresos públicos que a mundialización neoliberal agranda ao facilitar a evasión fiscal e a deslocalización industrial quen contribúen así a un maior crecemento do déficit público. Déficit público que remata financiándose con débeda.

Débeda pública que, como sucedeu en España durante o boom inmobiliario, tamén se alimenta coa corrupción e a disparatada construción de obras faraónicas –vías rápidas, infraestruturas aéreas, grandes construcións,- que sendo unha gran fonte de ganancias tanto para os bancos como para as grandes empresas construtoras remataron sendo ruinosas para as arcas públicas.

Feitos como os anteriores poñen en evidencia que a mundialización neoliberal trouxo consigo cambios no financiamento do gasto público. Cambios que derivan dunha forte caída dos ingresos públicos que dispara os déficits pero que os gobernos intentan compensar acudindo aos prestamos bancarios. Os gobernos piden prestado aos bancos aínda tendo que pagar, por razóns xa sinaladas en artigos anteriores elevados custos por eses préstamos. Un gasto que dispara as débedas públicas quen por esta vía supoñen unha descomunal transferencia de riqueza a prol dos bancos.

Todos estes mecanismos perversos fan que os custos da débeda (xuros e reembolsos) se disparen como aparece claramente reflectido nos Orzamentos Públicos. Así, por caso en España, se nos anos previos ao estoupido da crise financeira (2008) eses custos representaban o  25,3% do gasto público total, na actualidade (2017) supoñen o 43,5% constituíndo o capítulo de gasto mais elevado -a pesar da “flexibilización cuantitativa” posta en marcha polo BCE no ano 2015 que, efectivamente, baixou os tipos de xuros pero non freou o crecemento da débeda-. Un incremento dos custos que tanto leva aparellado un crecente endebedamento (na actualidade a débeda pública equivale practicamente ao 99% do PIB: 1,15 billóns de euros, o nivel mais elevado de sempre) como que do 100% dos ingresos por débeda o 67% (25% no 2008) vaian a pagar custos da débeda, quedando sómente un 33%  (75% no 2008) para outros gastos –por caso  infraestruturas, e equipamentos que teñen como beneficiarias as grandes construtoras-.

Unha realidade que pon en evidencia como, unha parte cada vez maior do gasto público vai destinado a garantilos negocios bancarios. Ou, como moi ben subliñan algúns autores e eu sinalei anteriormente, que a débeda e o pago de xuros pasan a ser un compoñente relevante da bomba de alimentación das finanzas privadas.

A orixe e a dimensión que chegan a acadar as débedas soberanas fan que se prantexen cada vez mais dúbidas sobre a natureza e lexitimidade das mesmas. En relación a primeira dúbida, cal é a exacta natureza económica das sumas que se prestan aos estados?. Por caso, é lexitimo pagar uns xuros e unhas amortizacións tales que condicionen o resto das políticas?. Estás débedas que se contraen co pretexto de financiarse non rematan sendo realmente un grande negocio para a banca?. Pódense, xa que logo, cualificar como lexítimas unhas débedas públicas cuxo obxectivo real é incrementar as ganancias das finanzas?. Que condicións conduciron, por caso a España, a acumular unha débeda tan elevada? Non foron basicamente os rescates bancarios, a corrupción política e os gastos faraónicos, o baixo nivel impositivo as rendas de capital e a elevada fraude fiscal?. Non supoñen esas condicións unha clara proba da complicidade do goberno español coas grandes fortunas?.

Unhas preguntas cuxas respostas xustifican sobradamente que este tipo de débedas cheguen a ser cualificadas como ilexítimas. Ilexítimas por que evidencian que a débeda contraída persegue obxectivos alleos aos intereses reais dos estados e das súas poboacións. Porque en definitiva a débeda non é a causa senón a consecuencia dun modelo de crecemento que crea débeda, un modelo de crecemento que se coñece acertadamente como “austericidio”.

Velaí, por caso, que a reivindicación da súa auditoría estea cada vez mais que xustificada

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.