0 Gardados para despois

Xesús Veiga

Os epitafios de Méndez e Gayoso

A recente comparecencia de Fernández Gayoso nunha Comisión do Congreso -como xa ocorrera antes coas respostas por escrito enviadas por J.L. Méndez- proporcionou un motivo adicional á reiterada frustración provocada polo tratamento dispensado á crise e afundimento das Caixas galegas nas Cámaras parlamentarias.

A pesar de que o ex-directivo de Caixanova pediu desculpas polos erros cometidos, cando concretou o enunciado autocrítico xeral só falou da súa incapacidade para captar coa debida anticipación a crise financeira do remate da primeira década do século XXI. En realidade foi moi pouco orixinal: buscou un refuxio argumental utilizado por case todos os persoeiros que tiveron responsabilidades nas entidades financeiras. Se Rodrigo Rato dende o cimo do FMI non foi quen de enfrontar a treboada, qué se lle podía pedir aos que levaban décadas ocupando os despachos mais poderosos de Caixanova e Caixagalicia. Os erros que Gayoso e Méndez non queren recoñecer están situados noutro territorio menos abstracto: formaron parte activa da nomenklatura dos que alimentaron a burbulla inmobiliaria, deturpando a natureza da súa función -xestores dunhas entidades non lucrativas, supostamente posuidores da máxima cualificación técnica- para xogar o rol de “propietarios” do poderoso xoguete que tiñan nas mans. Sen asumir explicitamente esa fraude, as apelacións aos erros cometidos son desculpas de mal pagador.

Nesa mesma comparecencia, Gayoso reiterou o que defendera hai case dez anos: segundo a súa visión, o que tiñan que facer as Caixas galegas era participar en procesos de fusión con outras ubicadas en territorios exteriores. Segue pensando que iso ía salvar a pervivencia da “súa” Caixa a diferenza do que sucedeu despois do nacemento de Novacaixagalicia. Poren, caso de ter seguido esa estratexia, as entidades galegas ficarían diluídas nos bancos que foron creados a partir da reconversión provocada polo acordo entre o executivo de Zapatero, o gobernador do Banco de España -Fernández Ordóñez- e Mariano Rajoy. A fusión de Caixagalicia e Caixanova tiña, certamente, dificultades -provocadas, fundamentalmente, pola evolución da contorna financeira e lexislativa- pero dispuña dunha notábel consistencia derivada das fortalezas acumuladas nas propias traxectorias históricas. O que pasou posteriormente -formación de Novagaliciabanco e posterior venda ao grupo Banesco- confirmou esa capacidade de supervivencia. Hoxe non se discute a fortaleza de ABANCA como empresa privada co centro de gravidade na Galiza. O que resultou mais problemático foi a excesiva premura coa que o FROB se desfixo do banco resultante da fusión e as incertidumes asociadas ao grupo venezolano comprador.

A penitencia que pagaron Gayoso e Méndez polas súas actuacións merecerá avaliacións diferentes dependendo do nivel de afinidade que se manteña a respecto do seu labor. Para os propios protagonistas seguramente foi mais duro o grave deterioro sufrido pola súa reputación pública que a erosión do seu patrimonio pecuniario. Para o corpo social galego -e, sobre todo, para preferentistas e beneficiarios da Obra Benéfico Social- os custes da desfeita foron graves e, nalgúns casos, irreparábeis.

Na mesma sesión da Comisión do Congreso, ficou descuberta unha das medias verdades -daquela aínda non se inventara o das “fake news”- que pregoaran Feijoo e a conselleira de Facenda. Non existiu unha verdadeira auditoría sobre a viabilidade da fusión senón un informe breve -e urxente- a respecto da situación das respectivas entidades. E, ademais, carísimo: case 1 millón de euros por algo que poderían elaborar especialistas das Universidades galegas a un prezo mais razoábel.

O cóctel formado polo comportamento dos directivos caixeiros, as inhibicións do goberno galego e os plans bancarizadores deseñados nas principais instancias estatais foi definitivo para enterrar aquelas entidades históricas. Hoxe por hoxe, Méndez e Gayoso non teñen un relato exculpatorio críbel. Atreveranse a escribir as súas “memorias”?

Publicidade

Acerca de Xesús Veiga

Economista