0 Gardados para despois

Manuel Lago

Un paso máis no oligopolio e a exclusión financeira

O 23 de abril de 2018 Isabel Tocino e catro persoas máis que conformaban o Consello de Administración do Banco Pastor formalizaron a decisión de liquidar definitivamente a entidade. Isabel Tocino, cinco meses de presidenta da entidade para liquidar 242 anos de historia. Porque o Banco Pastor xa non ten estrutura propia, nin consello de administración, nin ficha bancaria propia, nin sede social en Galicia. Só mantén unha marca comercial que desaparecerá ao longo de 2019, cando os rótulos de Santander substitúan os que aínda quedan no que foron as oficinas do Pastor.

Fin da historia, fin de 242 anos de historia dun banco que foi quen de superar a primeira Guerra Mundial, o crack de 1929, o golpe militar de 1936, a segunda Guerra Mundial, a posguerra, a autarquía franquista, a apertura económica pola entrada na Comunidade Económica Europea e mesmo o intenso proceso de reestruturación bancaria da década dos 90 que se levou por diante un bo numero de entidades financeiras.

Poren, esta elevada resiliencia non foi suficiente para superar a década perdida da gran recesión, a combinación dos problemas derivados do estoupido da especulación inmobiliaria sobre os balances dos bancos e o proceso de concentración bancaria. Porque o Banco Pastor ––e as caixas de aforro–– desapareceron como consecuencia de erros propios, si, pero tamén, e sobre todo, pola decisión do oligopolio bancario español de concentrar o negocio e o poder financeiro en apenas tres ou catro entidades. Un proceso de concentración que contou coa complicidade do Goberno central e a Xunta, por acción ou por omisión.

O prezo que estamos pagando como país é enorme en termos de destrución de emprego, de exclusión financeira, de reforzamento do oligopolio, de perda de capacidade de financiamento de empresas e particulares, de crecemento económico.

Reforzamento do oligopolio porque a desaparición das dúas caixas e a absorción dos tres bancos galegos ––Pastor, Etcheverría e Gallego–– pola gran banca española xerou un mercado cada vez mais dominado por menos entidades. Abanca controla o 40% do mercado, o Santander o 29%, e o BBVA e Caixabank o 10% cada un, entre as catro o 90%, un nivel de concentración por riba da  media do estado e moi por riba do que se considera normal na Unión Europea.

Se lle sumamos a outra entidade que lles segue, Sabadell, entre as cinco primeiras entidades acumularían mais do 95% do mercado financeiro, un grao de concentración elevadísimo que soamente acontece en Grecia, onde os cinco principais bancos superan o 90%. En Alemaña, dita cota é do 31%, en Reino Unido do 35% e en Francia e Italia é lixeiramente superior o 40%.

Este proceso de concentración bancaria  provocou importantes externalidades negativas, entre elas unha forte exclusión financeira e unha redución drástica do emprego no sector.

Exclusión financeira porque a redución de oficinas afecta de forma especialmente negativa aos concellos con menor poboación e dinamismo económico. No ano 2008 en Galicia funcionaban algo máis de 2.500 oficinas bancarias. En 2017 tan só quedan 1.599 oficinas, una redución do 36% en 8 anos. Para poder comprender a dimensión do proceso de peche de oficinas pódese indicar que temos menos que en 1978, ano no que existían en Galicia 1.668 oficinas bancarias, isto é, 69 oficinas mais que na actualidade
En Galicia  hai 41 concellos nos que viven 61.000 persoas que non contan con  ningunha sucursal bancaria. Destaca o caso de Ourense con 30.313 persoas que non teñen acceso a ningunha oficina bancaria no seu Concello. Na provincia da Coruña hai 11 concellos sen oficinas bancarias, en Lugo 4, o maior numero esta en Ourense 25 e no caso de  Pontevedra so 1 concello está nesta situación.

Destrución intensa de emprego no sector pola caída no numero de oficinas e o peche dos servizos centrais como consecuencia das absorcións, con especial incidencia nas grandes entidades. En 2009 traballaban 4.112 persoas no Banco Pastor. Hoxe apenas chegan a mil. Perdemos tres mil empregos, tres de cada  catro dos que había antes de empezar a liquidación. E mañá aínda serán menos os que manteñan o seu emprego nas oficinas do Banco Santander.

No caso das caixas pasamos de 7.445 en 2008 a 4.137 agora en A Banca, unha perda de 3.708 postos de traballo equivalente case ao 50% da cifra inicial. Sumadas ambas cifras, nas tres grandes entidades galegas perdemos 6.798 empregos, seis de cada dez. Unha devalo laboral porque perdemos empregos ben retribuídos, con contratos indefinidos, en actividades de alto valor que desaparecen co peche dos servizos centrais e a intensa redución do número de oficinas.

Perda de capacidade de financiamento de empresas e familias que se pode cuantificar. Si en 2009 o sistema financeiro en Galicia manexaban uns 50.000 millóns de euros en depósitos e mantiñan uns 70.000 millóns en créditos agora, cos últimos datos dispoñibles, o total de depósitos no sistema financeiro galego no ano 2017 foron de 61.000 millóns de euros mentres que os créditos totais acumulados foron de 40.000 millóns, isto é, un rateo entre créditos e depósitos do 65,5%; o mais baixo de toda España.
Un retroceso brutal de emprego e de actividade, de financiamento da economía galega, acompañado da precarización das condicións de traballo das persoas que quedan e que explican a perda de peso das actividades financeiras en Galicia, que se cuantifica na caída nun 25% da súa contribución ao PIB de Galicia dende 2009.

No balance da década perdida iniciada en 2009, xunto á destrución de emprego, o aumento da pobreza, da desigualdade e a desindustrialización de Galicia, tamén está ter perdido as tres entidades financeiras galegas que estaban entre as primeiras 20 entidades de todo o Estado.

Porque as entidades financeiras son un instrumento fundamental na estrutura económica de calquera país e Galicia perdeu nos últimos anos tres entidades financeiras que ocupaban un papel central na capacidade de desenvolvemento da economía. Unha perda que  fainos máis débiles, con menos recursos, con menos capacidade de crecemento e máis dependentes de decisións tomadas lonxe da nosa realidade.

Un balance abrumador para o Goberno galego, que celebrou a fusión das caixas que acabou coa súa liquidación, que valorou como unha saída positiva cando o Popular comprou o Pastor, e que presumiu de xestións para manter a marca e estrutura propia cando o Santander comprou o Popular/Pastor.

Acerca de Manuel Lago

Economista e deputado de En Marea