Máis galego na Xustiza

O mínimo uso do galego na Administración de Xustiza é absolutamente inadmisíbel, tendo en conta os progresos acadados pola normalización lingüística no uso do galego perante a Administración autonómica e as Administracións locais e o amplo grao de coñecemento e uso da nosa lingua entre a nosa cidadanía.

Dúas son as razóns que explican esta situación inxusta e inaturábel. Por unha banda, o desigual “status” xurídico do castelán e do galego na Constitución, xa que só existe o deber de coñecer a lingua castelá, polo que nin á avogacía nin a procuradoría se lles esixe un coñecemento amplo e abondo, activo e pasivo, da nosa lingua. A segunda razón é o centralismo xudicial. O Poder Executivo Galego ten unha certa autonomía na xestión e no gasto e o Poder Lexislativo Galego unha moi limitada autonomía, por estaren moi condicionada aos títulos competenciais transversais e ao abuso das leis básicas. Mais non existe o Poder Xudicial galego. O Poder Xudicial é único, o que contrasta coa pluralidade, federal e territorial dos Poderes Xudiciais da Alemaña federal, a Suiza e os USA.   

É verdade que a Xunta mantén competencias na xestión dos medios materiais e persoais da Administración de Xustiza e que noutras épocas tentouse avanzar no fornecemento de formación lingüística para funcionarios e medios informáticos (programas Libra e Minerva) para facilitar o uso do galego, nomeadamente nos trámites xudiciais. Mais isto desapareceu co actual Goberno. Xa non hai medios informáticos ao dispor de xuíces e funcionarios xudiciais.

Avogados, xusticiábeis e testemuñas temos o teórico dereito ao uso da nosa lingua. E algúns facémolo, sen atopar oposicións expresas mais si a impresión xeneralizada de que o sistema  xudicial non está preparado para o galego. Os nosos clientes intúen isto e deciden, mesmo moita xente concienciada, non forzar a máquina dos dereitos lingüísticos para non atrasar a solución dos asuntos, tendo en conta a   gravidade e urxencia dos mesmos.

Velaí a importancia de iniciativas como a da Irmandade Xurídica Galega, que integra máis de 300 persoas da avogacía, procuradoría, funcionariado, fiscalía e maxistratura e que pula polo uso xeneralizado da lingua na xustiza. Porque cómpre dotarmos dos medios técnicos precisos e, sobre todo, de avanzar cara a igualdade xurídica do galego e castelán e por un Poder Xudicial de noso.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.