0 Gardados para despois

Xosé Antón Jardón

O zunido dos abesouros

“Casas vellas, cos seus alpendres e corredores de madeira, apéganse á rúa delgada por onde o coche circula a modo, sen apenas axotar ao can que dorme debaixo dun carro, alleo á troula dunha panda de galiñas”. (A quinta de Saler, Antón Riveiro Coello)

Nun lugar que talvez se debería chamar Patio do Desleixo –noutrora Auria– dúas almas errantes deambulan, preguizosas e desnortadas, á procura dun espazo de sosego. Buscan, sen éxito, un parque limpo e coidado, un curruncho agradábel e quedo, ou mesmo unha rúa sen tránsito de vehículos, descontaminada, onde camiñar amodo, leriar, pasear tranquilamente, deterse cada pouco, mirar cara os monecos dos escaparates ou cara os comerciantes que, talmente desganados, espreitan a clientela detrás dos mostradores, como se os días durasen eternamente, sen pensar que o tempo só é un anaco de xeo que se vai derretendo sen clemencia.

Un letreiro azul cun moneco branco e unha lenda, que semella sinalar o comezo da rúa peonil, aguza a atención daquela parella de ourensáns despistados, con complexo de “okupas” na súa propia cidade, que finalmente toma posesión do espazo, malia non decatarse de que o “porquesí” é un título legal de propiedade. Camiñan devagar, despreocupados, ignorando que a calma tamén é un ben escaso.

De súpeto o zunido do abesouro, un inmenso bucinazo dun coche oficial, espertiga aos transeúntes ata aloular ás pedras e facer tremer o firmamento, para deixar constancia de quen manda na calzada. Os viandantes, asustados, arriman as costas contra as paredes e fican talmente encolados ás fachadas, como calcomanías de plástico. O abesouro frea en seco e o chan fumega, ata aplacar a luz da tarde. Un tipo envolto nun uniforme asoma a cabeza pola ventá do auto e ameaza aos asustados paseantes: «Apártense del medio de la calle. Caminen por su derecha y dejen paso a los coches». Outro fulano, tamén uniformado, pon o motor en marcha e arranca a toda hostia. Os case-cidadáns, estupefáctos, sen perder o medo que lles tolle o ser, comezan a descolarse das paredes mentres se van convencendo de que calquera rúa, por moi peonil que pareza, nunca deixará de ser unha aira de abesouros. Asfalto, chapapote, polución... alcatreo.

Ah! O meu tío Lisardo di que, dende hai tempo, os peóns renunciaron a ser o que son. Comezan arrimando o lombo contra as paredes e, sen decatarse, mesmo acaban perdendo o alento. Que tempos, que merda, que cidade sen dereitos!

Publicidade

Acerca de Xosé Antón Jardón

Secretario-interventor de administración local. Foi alcalde de Vilar de Santos e deputado provincial. Foi vicepresidente da FEGAMP e delegado da Consellería de Industria durante o bipartito.