0 Gardados para despois

Manuel Monge

50 anos co “camarada Fraga” como Fillo Adoptivo da Coruña

Como pasa o tempo! Parece que foi onte –24 de decembro de 1968, en plena ditadura– pero pasaron xa 50 anos dende a concesión a Fraga polo pleno da Coruña da distinción de Fillo Adoptivo. Daquela, Fraga era dos que facían o saúdo fascista co brazo en alto, como recolle a foto da axencia EFE dese mesmo ano. Estamos a falar, xa que logo, dun fascista, o “camarada Fraga”, non de Don Manuel, presidente da Xunta de 1990 a 2005, e que é presentado na historiografía oficial como demócrata de toda a vida e pai da Constitución Española.

Parece que foi onte –24 de decembro de 1968, en plena ditadura– pero pasaron xa 50 anos dende a concesión a Fraga polo pleno da Coruña da distinción de Fillo Adoptivo

Teño moi presente ese ano 1968 e a brutal represión da ditadura. Tiven que pasar mes e medio no cárcere de Basauri–Bilbao (despois outros dous meses en 1973 no cárcere da Coruña) polo “delito” de levar na chaqueta unha insignia coa pomba de Picasso, que tiña daquela un claro significado antifascista. Detido ilegalmente en Erandio por uns elementos da Guardia de Franco, organización paramilitar, levado ao cuartel da Garda Civil onde recibín unha malleira, roubáronme o reloxo e conseguín a liberdade, previo pago da multa correspondente. Recoñezo que poñer aquela insignia era unha provocación, a mesma que repito hoxe levando desde hai meses un lazo amarelo para reclamar a liberdade dos presos políticos de Cataluña.

Lembro as caixas de peixe que chegaban solidariamente todos os días á prisión para os presos políticos, procedentes dos portos de Ondárroa ou Lekeitio. Lembro o marmitako que preparaban os nosos cociñeiros das dúas comunas de políticos, de 60 persoas cada unha. Gústame ver a evolución do voto en Ondárroa e Lekeitio cando se celebran eleccións. Nas primeiras eleccións xerais de 1977 o partido de Fraga, Alianza Popular, fundado por sete ministros de Franco, tivo en Ondárroa o 11% dos votos e UCD o 10%. Nas eleccións municipais sempre aparecían “paracaidistas” por Ondárroa para levantar a moral da militancia: Fraga pechaba a candidatura do PP, pero nunca conseguiron un concelleiro; Rosa Díez encabezaba a candidatura do PSOE en Ondárroa nas eleccións municipais de 2003, pero tampouco conseguiu representación, anunciaba a súa baixa nese partido en 2007 para fundar UPyD.

Cando hai memoria histórica, estes son os resultados nas eleccións municipais de 2015 nestes concellos, que foron  moi castigados pola represión franquista. En Ondárroa EH-Bildu tivo 1.794 votos (53,66%) e 8 concelleiras/os; PNV 1.304 (39,91) e 5 concelleiras/os. Non conseguiron representación o PP, 91 votos (2,72%), nin o PSOE, 59 votos (1,76%). En Lekeitio o PNV tivo 2.021 votos (49,74%) e 7 concelleiras/os, EH-Bildu 1.905 (46,89%)  e 6 concelleiras/os. Non entraron na corporación municipal o PSOE con 36 votos (0,89%), nin o PP, 20 votos (0,49%).

Fraga comeza a súa carreira política en 1951 como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica, xa como afiliado á Falanxe. O BOE recollía o seu cese como “Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las Jons”. O decreto, asinado por Franco, agradecía os “servizos prestados polo camarada Manuel Fraga Iribarne”. Foi secretario xeral do Consello Nacional de Educación (1953); secretario xeral técnico do Ministerio de Educación (1955-1958); secretario da Comisión de Asuntos Exteriores da Cortes (1958-1962); director do Instituto de Estudos Políticos (1961); conselleiro nacional do Movemento (o partido único), procurador das Cortes franquistas, membro do Consello de Estado e ministro de Franco dende 1962 a 1969 e de decembro de 1975 a xullo de 1976.

Nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo no que participou desde as súas diversas responsabilidades políticas e como membro dos gobernos do ditador Franco

Hai que lembrar cales foron eses “servizos” de Fraga á ditadura, que lle fixeron merecedor desa distinción de Fillo Adoptivo da Coruña. Nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo no que participou desde as súas diversas responsabilidades políticas e como membro dos gobernos do ditador Franco. Jorge Semprún, escritor e ex–ministro co PSOE dicía que “Fraga fue uno de los ministros que fusilaron a Grimau”. Chamou “piojosas” ás mulleres dos mineiros que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo. Cando se solicita permiso para que o poeta Luis Cernuda puidese regresar a España desde o exilio, o ministro Fraga declaraba: “¡Que se quede donde está, ya tenemos bastantes maricones en España!”. Durante o seu mandato como ministro do Interior a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral e no tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba dúas persoas.

Participou activamente na política de represión contra os medios de comunicación e contra o idioma galego. Desde a entrada en vigor da Lei de Prensa e Imprenta en marzo de 1966, da man de Fraga, até 1975 que morre o ditador, foron abertos 1.270 expedientes a distintas publicacións e 405 acabaron en sanción. Como ministro de Información e Turismo, Fraga multaba con 50.000 pesetas ao subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, que exercía de director por ausencia do titular. O “delito” foi a publicación dun artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”, publicado o 26 de xullo de 1968. Ese xornal acumulaba cinco multas entre xaneiro e marzo de 1968 por sancións do ministro Fraga por informacións publicadas sobre as mobilizacións dos estudantes da USC. Perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Con Fraga de ministro de Información e Turismo e responsábel da censura, Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El pensamiento político de Castelao pola editorial Ruedo Ibérico.

Mantivo excelentes relacións con fascistas e ditadores de todo o mundo. Visitaba ao ex–ditador boliviano Hugo Banzer en 2000 e declaraba: “Me honra mantener una vieja amistad con el General porque le tengo admiración”. Poucos días despois tamén defendía publicamente a Pinochet.

Xustificou os crimes dos GAL, manifestándose en 2002 contrario ao seu esclarecemento e cualificando os crimes dos GAL, é dicir, o terrorismo de Estado, como “Movimiento de Autodefensa”. Despois do fracasado intento de Golpe de Estado de 1982, manifestaba: “Los golpistas del 23-F estaban llenos de buena voluntad”. Sobre Cataluña tiña as cousas moi claras e manifestaba: “Cataluña…la ocupamos en 1939 y estamos dispuestos a ocuparla tantas veces como sea necesario”.  

Despois deste currículo, esta era a opinión de José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, exiliado despois do golpe fascista de 1936: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Para José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012, “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.

A A.C. Alexandre Bóveda organiza na súa sede unha mesa redonda para o luns, 4 de xuño, baixo o título “Manuel Fraga e a represión franquista. 50 anos como Fillo Adoptivo da Coruña

É hora de continuar coa actividade desenvolvida en 2009 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que pedía nunha campaña pública a retirada a Fraga da distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, petición apoiada por un numeroso grupo de asociacións, historiadoras e historiadores. Agora a A.C. Alexandre Bóveda organiza na súa sede unha mesa redonda para o luns, 4 de xuño, baixo o título “Manuel Fraga e a represión franquista. 50 anos como Fillo Adoptivo da Coruña”, coa participación do historiador Eliseo Fernández e das represaliadas pola ditadura: Xosé Abad, Celsa Díaz Cabanela, Manuel Monge e Manuel Lourenzo. Podería ser unha primeira iniciativa para organizar e promover unha mobilización social que responda a esta demanda: NON QUEREMOS AO “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO!

Publicidade

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.