0 Gardados para despois

Manuel A. Fortes Torres

Ensinanzas dun acoso mediático e aparateiro

1. O presunto atestado

Comecemos por lembrar que un medio, non do partido ao que pertencen e do que son portavoces os en papel máis coñecidos e belixerantes, chegou a poñer en dúbida que ese atestado fose asinado por toda a patrulla policial e, mesmo, nos deu algúns datos sobre as características do policía local que participou nos feitos.

O  presunto atestado dicía que a policía local acudiu a certo lugar porque veciños denunciaban que estaban rompendo espellos retrovisores. Unha persoa que estaba por aí dirixiuse á policía con xestos (e/ou expresións) que esta considerou “inapropiados”; ademais, tamén se di que a esa persoa se lle identifica porque, ao parecer, vestía unha prenda dunha cor semellante á de alguén que participaba neses actos de vandalismo, segundo os veciños (o da cor da prenda). Entón un policía acudiu a procurar tal identificación; o caso é que esa persoa acabou no chan; ante esa situación (de violencia policial, como é evidente, engadimos nós), a deputada interviu para tranquilizar os ánimos; por unha banda, indicándolle á persoa coa que estaba, entre outras, que se identificase; e, por outra, enfrontando a súa autoridade, como lexisladora electa, á autoridade gubernativa que representaba o policia.

Digamos, de pasada, que a identificación de lexisladores, ante situacións de violencia policial, se teñen dado en multitude de ocasións, e aconsellamos un simple repaso da hemeroteca. E iso aconteceu en multitude de ocasións precisamente co fin de mediar e interrumpir esa violencia policial que, ao parecer,a simple condición de cidadá non consegue deter, como é ben sabido, pero que ao opoñer a pertenza a un dos poderes do estado, coas posíbeis consecuencias de información pública e de presión sobre autoridades executivas, si o pode conseguir.

Por outra banda, todos estamos ao tanto do obxectivo da chamada “lei mordaza” e como se está a utilizar (sen que, curiosamente, ningún xuiz que a teña que aplicar teña dúbidas da súa legalidade e presente unha “cuestión de inconstitucionalidade”; pero a xudicatura que temos é así). Ao enfrontar á violencia policial, non son moitas as alternativas que lle queda a un cidadán común, máis cando a palabra policial ten unha superior consideración (ademais, non consta que fosen sancionados policías por mentir, cando en denuncias formuladas por eles quedou en evidencia a súa mentira e, por iso, foron absoltos cidadáns; pero a xudicatura en ningún caso considerou sancionábel a falsidade policial, cando iso é máis grave que a falsidade dun cidadán común, precisamente polo superior recoñecemento da palabra dunha autoridade).

Que unha deputada faga referencia á súa condición como tal nun caso de violencia policial non se dá, pois, nunha situación privada, senón que é nun acto público, de defensa de dereitos e liberdades fronte da súa vulneración por un axente de policia; e iso, identificarse, é o que debe facer un membro do poder lexislativo nunha situación de tal tipo. En definitiva, a actitude desa deputada non só non é censurábel, senón todo o contrario, é de louvar; e non é, repetimos, unha intervención privada, senón unha intervención pública.

Pero aquí acaba o presunto atestado policial. En ningún momento se acusa a ninguén, nin sequera a esa persoa identificada, de estar rompendo espellos; tampouco, e seguimos a falar do atestado, se acusa a ninguén que acompañase á deputada de estar protagonizando acto ningún de vandalismo. Nin, por suposto, se acusa á deputada deses actos; si o fai, tempo despois, o mentiroso e demagogo profesional que é M.Rajoy.
  

2. A prensa de partido

O “caso” da deputada autonómica que se identificou como deputada diante da policía local de Compostela deixou moi claro, para quen non o sabía, a falta de profesionalización e de decencia da prensa de partido; isto é, como certa prensa (xa dixemos que outra non; non toda é igual, evidentemente) se despreocupa de acceder á verdade dos feitos e utiliza partidariamente calquera incidente no que se vexa envolta alguén que non sexa do propio partido, senón da oposición ao mesmo, para desinformar, manipular, mentir, distorsionar, insultar, inxuriar, calumniar, en suma, para facer política partidaria (a “política” que eles interpretan como política: o seu modo de entender o que é a política).

Calquera atisbo de profesionalidade, de procura da verdade dos feitos, de investigación duns acontecementos, de limitarse á información do coñecido e de opinar, sen prexulgar en función dos propios e espurios intereses, é absolutamene alleo a esta prensa de partido.

Que aconteceu realmente? Iso preocupou nalgún momento a esta prensa de partido? A partir dun “presunto” atestado policial encheuse a “presunta” información de insinuacións reiteradas, de presuposicións produto da imaxinación partidaria de presuntos periodistas, de opinións de opinadores nas que se dá a entender (non a afirmar rotundamente, claro, poderían verse denunciados ante tribunais) o que interesa para intentar desprestixiar e afundir a actividade política de alguén que non pertence ao partido do que ese medio é portavoz.

Do que se trata é de que eses dar a entender e esas insinuacións cren opinión na cidadanía; que a cidadana acabe por pensar que efectivamene o que pasou foi o que se insinúa, que non se atreven a afirmar abertamente, claro. E de conseguirse que unha insinuación adquira publicamente a aparencia de verdade (e aquí podemos lembrar o coñecido de Goebbels e as mil veces), podemos pasar ao seguinte paso, que é aumentar o  grao de insinuacións. O final de todo iso é o que puidemos escoitar de M.Rajoy, acusando a esa deputada de romper cristais de automóbiles.

En efecto, lendo esa presunta prensa e eses presuntos periodistas, articulistas e opinadores, o que está claro é que esa deputada andaba cuns vándalos, cunha xente que andaba a divertirse nunha noite de borracheira a romper espellos retrovidores, ou directamente cristais de automóbiles.

Nalgúns casos “crear” esa opinión conseguiuse, ou procurouse, mediante insinacións, outras dando a entendelo, outras acudindo a expresións como”presuntos” (cando presunto é alguén denunciado e pendente de xuízo, no que se probe ou non a denuncia; e iso é falso neste caso, ninguén é “presunto”, porque ninguén está denunciado pendente de xuízo por romper espellos retrovisores nin nada parecido; pero para a prensa libre de ataduras de honestidade e/ou profesionalidade, tanto dá). Mesmo chegou a haber algún caso en que un opinador “profesional” acusou abertamente á deputada de andar con vándalos que se dedicaban a romper cristais de automóbiles e que ela os defendeu, tentando impedir a súa identificación.

Porque isto foi o seguinte paso, nas insinuacións; tras dar a entender, sen ningunha base, nin sequera o presunto atestado policial, que os acompañantes da deputada participaran en actos vandálicos pásase a acusala de utilizar a súa condicion de deputada para defendelos. Para defendelos de que? Acaso a policía non pode acusar a uns cidadáns de cometer actos vandálicos por moito que unha deputada diga que é deputada?  Acaso a policía non pode identificar a unhas persoas por moito que unha delas sexa deputada?

Isto lembra cando a extrema dereita acusaba a Sánchez Gordillo de utilizar a súa condición de deputado autonómico, de aforado, para cometer “actos vandálicos”, como foi o caso de apropiarse de alimentos en supemercados; o seu aforamento converteuno a extrema dereita en impunidade: así calquera, dirían (outra cousa é a opinión que poidamos ter desa apropiación de alimentos). Pero a verdade é que aforamento non é impunidade. Mais neste caso, no  da deputada autonómica galega, non hai referencia a ningún aforamento, porque non hai ningunha conduta presuntamente delictiva; a ela non se lle acusa de nada, pero é que tampouco ás persoas que a acompañaban.

Sen dúbida, o máis probábel é que a maior parte das persoas que dalgún modo seguiron este acoso (pero non derrubo, mal que lles pese) mediático, están seguras de dúas cousas: que as persoas acompañantes da deputada dedicáronse a cometer actos vandálicos; e segunda, que ela os defendeu utilizando a súa condicón de deputada. Que non se saiba como podería defendelos se iso fose certo (ou, simplemente, se a policia pensase que fose certo) é o de menos. Que sexa un absurdo, tanto dá. E que moitas persoas estean seguras disto é suficiente para esta prensa de partido: triunfaron, conseguiron o seu obxectivo.

Claro que iso tamén di moito dese partido, e desa prensa; como actúan politicamente; como recorren a mentiras e falacias para conseguir os seus obxectivos. Non deben estar moi seguros nin das súas “verdades” nin dos seus ”argumentos”.

Desgraciadamente, aínda que moita xente dubide bastante da veracidade informaiva, non só da prensa pública de partido senón tamén da privada, tamén maioritariamene portavoz do mesmo partido, ao final acaba formando a súa opinión en boa medida a partir das mentiras e falacias, das opinións manifestamente interesadas dos periodistas que son a voz do seu amo. Aí hai un gran ámbito de loita contrahexemónica, que diría o Gramsci.

 

3. Acoso aparateiro

Resulta desconcertante a actitude do partido instrumental ao que pertence a mencionada deputada. A actitude do aparato, da dirección, dese partido (e nunca mellor dito), dedicouse reiteradamente á colaboración coa prensa de partido (do outro partido) para manter como noticia un acontecemento que non tiña, razoábelmente, o máis mínimo percorrido; agás, de ter algún, o da felicitación á deputada por mediar nunha situación de violencia policial.

Semellaba que estabamos nun mundo de fantasía, cunha prensa libre e que debiamos tomar decisions en función das ocorrencias desa prensa libre. Mais nin nese mundo imaxinario, en que tomamos por verdade, non só un presunto atestado policial, senón tamén unha chea de sobreentendidos e insinuacións, se entendería a actitude dese aparato. Ou sexa, aínda no suposto, que nada ten que ver coa realidade, de que a deputada cometese un acto censurábel, tiña a máis mínima xustificacón política as reiteradas intervencións, con “luz e taquígrafos”, ou sexa coa prensa de partido como se se tratase dunha notaría, para manter “vivo” o “incidente”. Nin sequera, repetimos, se fose certo un uso indebido da condición de palamentaria (cando foi ao contrario, como xa insistimos:  o uso que hai que darlle en certas situacións). Todo iso debería dirimirse internamente, aplicando os estatutos. A irresponsabilidade política dese aparato de partido aparece como incomprensíbel.

Ademais, aínda que fose certo que houbo un uso indebido, resulta desconcertante a sanción extrema que mereceria; pero, ademais, baseándose na ética; o que, a verdade resulta bastante irrisorio na boca do portavoz do aparato, unha persoa que se presentou nunha lista cun proxecto político e que elixiron nesa lista con ese proxecto para logo votar cos que se presentaban noutras listas, con outros proxectos. Curiosamente, na súa defensa da unidade, dicía, motivadora do seu voto, non vía diferenzas entre todas as listas, agás unha, mira ti por onde, que esas outras listas que a súa o propoñían para portavoz do aparato, mentres que a lista pola que se presentaba non, pretendía diferenzar organización de partido e grupo parlamentar. En fin, como di o refrán: dime do que presumes e direiche do que careces. Por certo, que, finalmente, como é ben sabido, a tal unidade que defendía e que era o seu norte consistiu na unidade dos que o propoñían como portavoz do aparato e a ruptura con todos os demais. Curiosa maneira de construír a unidade.

Nun primeiro momento podería parecer que a explicación de tamaña irresponsabilidade política era a pretensión de gañar unha batalliña (este aparato está cheo de persoas expertas en querer gañar batalliñas, que non guerras, que para iso hai que ter proxectos estratéxicos e non é ese o caso). A batalliña era a saída da deputada, unha deputada moi nova, que militaba nun partido pequeno, que aínda que integrado en Podemos formaba parte da oposición á dirección deste último; ou sexa, alguén que non parecía contar con moitos apoios políticos: “presa fácil”. Así, nun grupo parlamentar no que a dirección aparateira estaba en franca minoria, podia mellorar algo a situación, só algo, contando con que o substituto era próximo á dirección do aparato. Dubidamos moito que o acoso (e non derrubo, por moito que lles pese) sería tal se a deputada fose de Anova, de Esquerda Unida, ou de Podemos (sector da dirección).

Mais unha vez visto que a dignidade se impoñía sobre a inmoralidade e a manipulación aparateira e que a deputada atopaba más apoios dos esperados (o grupo parlamentar, por moi ampla maioría quedou satisfeito coas exlicacións da deputada e non satisfizo á “ética” do portavoz; e que a dirección de Podemos Galiza, a pesares das diferenzas políticas internas, manifestou o apoio á deputada), sorprendentemente, a dirección aparateira seguiu o seu acoso; que nin sequera se detivo cando outro “atestado policial” (neste caso non presunto) deixou fora de xogo (tras varios digos e diegos, iso si) ao recambio, próximo á tal dirección.

Naturalmente, non tomamos en consideración, como explicación real, o que desde a portavocía se presenta como xustificación (ademais de que non aceptamos que houbese uso indebido da súa credencial, senón ao contrario), e menos vindo de onde vén, que, co tempo, todo o mundo se coñece, e coñece a ética de todo o mundo.

Pero pensándoo ben, é comprensíbel. Pensandoo ben, pensamos qe damos cun aparato especializado en procurar vitorias pírricas en batalliñas: esta é a súa historia. E, como na fábula famosa do escorpión, “está na súa natureza” reducir todo a batalliñas, pero, iso si, dalas con todas as forzas, son contumaces, aínda que estean a facer o ridículo político máis evidente, aínda que estean a cometer a irresponsabilidade política máis evidente: non poden evitalo (“está na súa natureza”); para evitalo, xa o dixemos, habería que ter unha perspectiva da que estes cortoplacistas carecen.

Pensemos, por outra banda, e xa pasando do aparato á “cabeza” (é un dicer) de tal aparato; como acabou co seu creto político e, de paso, coa súa historia política, case antes de que comezara, o actual portavoz, ao vender a súa alma política, por así dicer, a un sector ben minoritario de En Marea (e minoritario por moito que conxunturalmente estea na dirección, ou mesmo, co seu dominio das batalliñas, consigan vitorias pírricas asemblearias: están amortizados pola historia). Cando ese sector caia, más cedo ou máis tarde, pero cairá, pois carece de proxecto de futuro e é claramene minoritaro, con el caerá tamén o portavoz defensor acérrimo da ética ... dos demais. Alguén pensa que

En Marea ten futuro sen as Mareas Municipais, sen a maioría de Anova, sen Esquerda Unida, sen Podemos? Pero nese futuro xa non hai lugar para o gran timonel de En Marea; na súa gran intelixencia política apostou pola unidade (do partido; e nunca mellor dito e en boa medida grazas a el), e así obtiña un gran carghiño. Quixo queimar etapas, converterse en líder antes de tempo, confundindo  liderado político con liderado de aparato. E en vez de queimar etapas queimouse el. Pero non hai mal que por ben non veña: ao mellor recuperamos un bon xuíz, que falta nos fai.

Publicidade

Acerca de Manuel A. Fortes Torres

Manuel A. Fortes Torres (Vilagarcía de Arousa, 1957). Doutor en filosofía e Catedrático de filosofía de Instituto. Sobre temáticas de filosofía política ten publicado en www.rebelion.orgÁgora. Papeles de filosofía, A trabe de ouro, Aula Castelao de Filosofía, Bahía edicións... Militante de Anticapitalistas de Galicia