Gañaron “iles”

“O primeiro enfrontamento, en campo aberto, resulta favorábel ao exército sarraceno, que sorprende os cristiáns con unha extratexia inesperada”. (A Romaría da Saínza, Mouros e Cristiáns, Delfín Caseiro).

A comezos de 1978, cando se convocaron eleccións ás Cámaras Agrarias, operaban no noso agro varias organizacións vencelladas aos distintos partidos políticos que afloraban na política galega. Pero os herdeiros do réxime carecían dunha propia que lle permitira repañar as cadeiras daquelas vellas institucións, restauradas para arredar unha chisca ás franquistas Hermandades de Labradores y Ganaderos.

Visto o visto, os expertos na i+d da nouvelle politique con ingredientes resesos, e laboratorio nas sancristías da UCD, puxeron mans á obra para construír, nun tempo récord, un xenuíno artefacto que, en Ourense, foi bautizado coas siglas A.A.G.P.O. (Asociación de Agricultores y Ganaderos de la Provincia de Orense).

Aquelas eleccións celebráronse o 21 de maio e, malia algún que outro contra pé –urnas sen precintar, carreto de votantes, mesas nas que non puideron votar as mulleres, etc– a data foi cualificada de histórica polos opinantes oficiais. Que menos!

Aí contra as dez da noite, os de don Euloxio xa case tiñan cadrado o boletín dos resultados da provincia. Só lle faltaban os dunha mesa, a de Floxás, onde o pínfano de cerimonias era un tal Paco Pitachoca, desaparecido en combate xustiño á hora de notificarlle os datos á plana maior. Pero un propio pillouno saíndo do bar no que se agochara e, despois de moito gurrar con el, convenceuno para que telefonase á central. Ao outro lado do aparato xemía Santiago, o coordinador, quen despois de reprocharlle que lle ía arruinar a carreira política, escoitou o informe do pródigo: «Xa, home xa, pero ando moi desgustado. Gañaron iles, me cago na miña estampa!» Ao preguntarlle quen eran iles, o Pitachoca respondeulle: «iles son uns que suman máis cós outros todos xuntos. Teñen un nome raro, A-a-ge-pe-o». «Pero, eses son os nosos, papahostias do nabo», respondeulle o xefe. «Arre carallo, entón gañamos nós», concluíu o Pitachoca.

Ah! Manolo Fariñas contoullo ao meu tío Lisardo, e este tratou de convencer aos de Rajoy de que dúas e dúas son catro, pero eses non queren saber de aritmética. Seguen perplexos diante dun rabaño de estorniños, de tantas cores como o arco da vella, que lle estragou a colleita, malia o inmenso espantallo da aprobación dos orzamentos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.