0 Gardados para despois

Xan Fernando

Por que neste Mundial vou contra España

Comeza o Mundial de fútbol, ese evento que enche as fachadas de rojigualdas, os bares de celebracións e as rúas, se eventualmente se chega a algunha vitoria, de cánticos e cláxons. No medio do fervor, até o máis "apolítico" -o feito de dicirse apolítico é, en si, unha clara declaración política- celebra os goles da Roja e pinta a cara coas cores patrias. Á fin e ó cabo, que ten de malo celebrar un simple evento deportivo, que nada ten que ver coa política?

Como a realidade política non é tan inxenuamente sinxela como moitas veces nos queren facer crer, vaiamos por pasos. En primeiro lugar, a simboloxía española, que este verán teremos até na empanada, non é apolítica. Os diferentes símbolos que máis se identifican hoxe en día con España e con La Roja foron impostos, alá polos setenta, por aqueles que levaban corenta anos no poder e aínda seguirían moitos máis. Así, a bandeira rojigualda, o himno, a indivisible e indisoluble nación española, a inviolable figura do Rei... non son máis que reflexo do atado y bien atado que tanto tranquilizaba o Caudillo no seu leito de morte. E é que todo o referente a España, para ben ou para mal, foi apropiado polo réxime que, despois do golpe de Estado, rematou coa II República.

Dende Madrid ensinábannos, á forza, se for preciso, que quería dicir ser español, mentres se reprimía calquera expresión cultural dos pobos oprimidos do Estado –lembrades o de hable castellano, sea patriota, no sea bárbaro?-. Todo aquilo que cheirase a galego, catalán ou vasco foi terminantemente prohibido: nin a nosa bandeira nas institucións, nin a nosa lingua nas escolas, nin os nosos nomes nos bautizos.

Por iso a bandeira e o himno españois non é neutra, porque a súa é unha historia de imposición, de represión e de lexitimación dun sistema autoritario. Por iso, cando alguén se queixa dicindo aquilo de es que me llamáis facha por llevar la bandera española sempre penso, amólaste, amigo, non empregares os símbolos dunha ditadura fascista se non queres que che chamen facha.

Pero algúns poderán dicir, e moitos coincidirán, que todo isto foi hai moitos anos, que despois de tanto tempo non pode ser que sigamos arriba e abaixo, como dicía un dirixente do PP –ese partido que nada ten que ver co franquismo- con la guerra del abuelo. Deste xeito, cando negamos a lexitimidade dunha bandeira, dun himno e dunha selección impostos, acúsasenos de politizar o deporte. Semella curioso que o deporte o politicemos nós se destapamos a existencia dunha falsa neutralidade, cando son os que tanto a reivindican os primeiros en a romper.

Ou é que Albert Rivera non politiza o deporte cando sae coa plana maior do seu partido celebrando os goles da selección española con ducias de cámaras diante? Acaso non se politiza o deporte cando nos impiden entrar con estreleiras en campos de fútbol, nos mesmos onde se permitía -e permitesimboloxía nazi? E logo non se politiza o deporte cunha competición chamada Copa del Rey -antes, como non, do Generalísimo-? Tampouco se politiza o deporte cando impiden ás seleccións nacionais dos diferentes pobos do Estado competiren nas contendas internacionais? Non se politiza o deporte, logo, cando se ameaza de sanción a un xogador que non quere participar por motivos ideolóxicos na selección española?

E se botamos unha ollada, decatámonos que non só pasa co deporte, senón que acontece en moitos outros ámbitos supostamente afastados da política. Vémolo, por exemplo, na música, como o lamentable espectáculo que deron Rivera e Rajoy por ver a quen lle gustaba máis o himno de Marta Sánchez -horterísima, se me preguntades-, ou como o bochornoso triunfo en Eurovisión da representante de Israel, sionista convencida, cunha canción contra o acoso escolar... en plena intifada contra o pobo palestino!

Semella, xa que logo, que que non todo é tan neutro como nos queren facer crer. Así pois, quen emprega hoxe a bandeira española? Quen está orgulloso do himno nacional e non dubida en cantaloco peito enchido? Pois ben, resulta que os mesmos que van ás touradas, mais non parar desafiuzamentos; son os aqueles que berraban a por ellos ós policías que ían mallar nos cataláns o un de outubro; os que xuran a bandeira en actos civís, mentres seguen votando a narcopresidentes e chantan eucaliptos nos nosos montes; aqueles que viven en Madrid, preocupados pola imposición do galego nas nosas escolas, ou que viven en Pontevedra e non dormen por mor do adoutrinamento de TV3. En fin, patriotas de pulseira, señoritos de onte e de hoxe.

O grave de todo isto é que cada vez máis vemos como artistas cun discurso aparentemente contrario ó estado de cousas actual visten coa rojigualda, normalizando o seu uso como un elemento unicamente estético e obviando todo o que significa. Así, o trapeiro C. Tangana, mentres critica a monarquía e a represión, é quen de cubrirse coas cores dos mesmos que celebran que haxa presos políticos e que rapear contra o Rei implique ir á cadea -por un delito de inxurias á Coroa, nada máis e nada menos que en pleno 2018-. O “artista”, sempre á vangarda, segue na liña dalgunhas firmas de moda que usan como distintivo a bandeira ou buscan revalorizar o concepto da “Marca España”, precisamente no momento de maior vulneración dos dereitos civís, sociais e políticos que está a vivir o Estado español dende a súa renovación -lavado de cara é quizais un pouco atrevido, máis négome a empregar o termo transición- no ano 78.

Por todo isto, este verán non desfrutarei dun deporte, o fútbol, que tanto me apaixona. Neste Mundial e nos vindeiros, até que non poida ver a Irmandiña xogar, non poderei senón agardar a que o aluvión de rojigualdas, himnos, cánticos e anuncios –un día poderiamos falar tamén de como as grandes empresas sacan tallada deste imparcial acontecemento, un auténtico win-win para o poder político e o económico- remate o antes posible. Agardar á volta do transcurso normal dos acontecementos, onde os "apolíticos" non luzan fachendosos símbolos de máis que dubidosa lexitimidade, e as que non queremos ter nada que ver con esta España neofranquista poidamos saír á rúa sen ser anegadas de tanto buen patriota.

Acerca de Xan Fernando