0 Gardados para despois

Xosé Antón Jardón

Feijoo non leva acento, leva unha pexa nos miolos

«Escoitei dicer que hai unha montaña / e no interior da montaña unha caberna / e na caberna un corazón que pode ser á vez un vaso / ou a inscrición dunha lenda» (Heloísa, Chus Pato)

Diga o que diga e conte o que conte, é evidente que, despois de toda unha vida querendo ser madrileño, nas últimas dúas semanas, Feijoo non fixo outra cousa que non fose tratar de convencer ao mundo mundial e aos poderes fácticos internos, externos e medio pensionistas, que el era o herdeiro lexítimo daqueloutro que tocou a chanca co rabo metido entre as pernas, máis coñecido por “Eme punto Rajoy”.

As prepotentes plumas da prensa española, e os preclaros tertulianos madrileños, estaban tan obsesionados en convencernos de que o “salvador de Galicia” tamén sería quen de salvar España, que mesmo se esqueceron de botar as contas para comprobar se, entre todos eles e os fans do unxido –ou untado, xa sabes–, don Alberto Núñez Feijoo, dispuñan do quórum necesario para concederlle o camarín de presidente do Partido Popular a un tipo de provincias, que tanto se tiña esforzado nos últimos tempos en falar sen acento galego e en tratar de pórlle lume a algún que outro documento, indiscretamente agochado no portapapeis da señora Santamaría.

Así que os sabios alquimistas, que cocen e manipulan a información en Madrid, para vendérnola enlatada aos da periferia, no canto de analizar e indagar se as cousas acabarían acontecendo realmente como eles querían, decidiron pórse a discutir se o apelido do señor dos Peares debería levar ou non acento, para, chegado o momento, evitar que houbese algún indocumentado en ortografía parda que escribira Feijó-o, cargando a pronuncia no primeiro “ó” e deixando o segundo como unha vogal muda –ou máis ben enmudecida– no canto de recrearse nun “o-o” longo e pausado que lle pechase o camiño a calquera outra interpretación da partitura. Pero os fenómenos do conto mediático, malia negalo con absoluta naturalidade, decatáronse finalmente de que a entoación non foi nin “óo” nin “oo”. Foi oh!. E mira se foi oh! que cando, o pasado luns á tardiña, o tal caeu da burra, acabouse erguendo do chan coa milonga de no puedo fallar a los gallegos porque sería también además fallarme a mí mismo. Oh!

Ah! O meu tío Lisardo opina que Feijoo non leva acento, non. O que leva é unha pexa nos miolos que nunca lle vai permitir considerar aos galegos como a súa prioridade. E senón que a próxima vez non tarde quince días en contárnolo, porque Madrid lo vuelve loco, oh!. E, en galego, por favor.

Publicidade

Acerca de Xosé Antón Jardón

Secretario-interventor de administración local. Foi alcalde de Vilar de Santos e deputado provincial. Foi vicepresidente da FEGAMP e delegado da Consellería de Industria durante o bipartito.