A débeda pública dispárase en Galicia no primeiro trimestre de 2018

O Banco de España vén de publicar os datos sobre a a evolución da débeda pública no primeiro trimestre de 2018 que contén información negativa e preocupante para Galicia. En primeiro lugar porque a débeda pública galega alcanzou en marzo de 2018 o seu máximo valor: xa debemos 11.750 millóns de euros, a cifra máis alta da nosa historia.

En 2009, cando Feijóo empezou a gobernar, a débeda era de 3.954 millóns de euros e agora é de 11.750 millóns de euros: multiplicouse por tres veces, exactamente o 297%. Feijóo endebedounos en 7.796 millóns de euros en nove anos, o dobre que nos vinteoito anos anteriores.

En 2009, cando Feijóo empezou a gobernar, a débeda era de 3.954 millóns de euros e agora é de 11.750 millóns de euros: multiplicouse por tres veces, exactamente o 297%

Estas cifras demostran a falsidade do discurso oficial sobre unha suposta xestión ortodoxa, de non gastar o que non se ten, de eficiencia na xestión ou de control das contas públicas. Exactamente todo o contrario: Galicia nunca se endebedou tanto como baixo a presidencia de Feijóo.

En segundo lugar, ese recurso á débeda non é algo do pasado, senón que continúa e mesmo se agrava no primeiro trimestre de 2018. En tan só tes meses a Xunta incrementou a súa débeda en 540 millóns de euros, de forma que Galicia é a Comunidade Autónoma na que máis aumentou o endebedamento entre as 17 que conforman o Estado no comezo deste exercicio.

No conxunto das CCAA a débeda incrementouse en 1.570 millóns de euros, dos que 540 millóns corresponden a Galicia, o  que implica que soportamos un de cada tres euros nos que aumentou a débeda total, o 32% exactamente do endebedamento das dezasete Comunidades Autónomas do Estado.

Expresado en porcentaxe, nos tres primeiros meses do ano a débeda pública galega increméntase o 4,8% mentres que no resto das CCAA o incremento medio é do 0,3%, isto é, o dato de Galicia multiplica por 14 veces a media do resto de territorios.

No conxunto das CCAA a débeda incrementouse en 1.570 millóns de euros, dos que 540 millóns corresponden a Galicia

Como se pode explicar esta evolución tan diferente e tan negativa, esta anomalía da débeda pública galega? Hai tres razóns diferentes pero complementarias. A primeira é que a decisión de peche anticipado do exercicio de 2017 antes de tempo tería xerado obrigacións de pago ––facturas no caixón e aprazamentos de operacións–– que ao materializarse nos primeiros meses de 2018 obrigan a acudir ao endebedamento para pagalas.

A segunda é que, a pesar do discurso oficial, Galicia teña un desequilibrio entre os seus ingresos e gastos superior ao do resto das CC.AA e mesmo do que a Xunta recoñece, aínda que este desequilibrio sexa temporal.

A última razón, pero posiblemente a mais relevante, é a mala xestión de tesourería que fai a Consellería de Facenda, que formaliza as operacións de préstamos cun exceso de anticipación que mesmo resulta sorprendente. A propia Consellería recoñece este inusitado incremento da débeda pero di que se debe, exclusivamente, a que as primeiras amortizacións de préstamos non se producen ata abril de 2018. Porén, a Xunta pide préstamos con varios meses de antelación.

Por que Galicia é a CC.AA na que máis medra a débeda, catorce veces máis que a media, 540 millóns máis ata chegar a máxima cifra da nosa historia?

Unha mala xestión financeira que reitera o erro de 2017, porque no primeiro trimestre do ano pasado sucedeu o mesmo: a débeda disparouse cun incremento de 728 millóns de euros.

Non é unha préctica de exceso de prudencia, senón un grave erro de xestión, porque pedir un préstamo en febreiro para pagar vencementos en abril ou maio implica pagar xuros durante ese tempo, o que supón un sobrecuste para a administración publica pero un beneficio para os que conceden o préstamo.

Cal é o custo da mala xestión para o sector público e cales foron os bancos que se beneficiaron desta práctica?

Recursos públicos que se malgastan por culpa dunha xestión ineficiente e inaceptable, en especial se os beneficiarios son bancos privados, tal e como sucedeu en demasiadas ocasións nas que a Xunta se endebedou con entidades bancarias en vez de acudir aos mecanismos públicos de financiación.

Estas son as preguntas que a Xunta debe aclarar: por que Galicia é a CC.AA na que máis medra a débeda, catorce veces máis que a media, 540 millóns máis ata chegar a máxima cifra da nosa historia? Cal é o custo da mala xestión para o sector público e cales foron os bancos que se beneficiaron desta práctica?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.