A herdanza de Rajoy: Corrupción e desigualdade

Se a gobernanza de J.M. Aznar (1996-2004) pasará a historia de España como aquela na que se disparou a corrupción (practicamente tódolos que foron ministros dos respectivos gobernos están imputados e moitos deles xa condenados), a de M. Rajoy  (2011-2018) farao non só por seguir a senda corrupta (M. Rajoy sendo presidente de goberno foi citado a declarar como testemuña no xuízo do caso Gürtel: a primeira vez que sucedía na democracia. Ao tempo o PP era imputado por corrupción no mesmo caso) senón tamén por ter provocado, coas súas políticas, que a desigualdade se disparara como nunca en España e, xa que logo, en Galicia. Non por casualidade M. Rajoy foi o primeiro Presidente dun goberno español na democracia cesado mediante unha moción de censura avalada por un amplísima maioría parlamentaria (180 escanos, 4 por riba da maioría esixible) que se viu acompañada dun grande apoio social (mobilizacións de pensionistas, mulleres, batas brancas, corrupción…).

A chegada de Mariano Rajoy a presidencia do goberno de España o fronte do partido mais corrupto de Europa (PP) supuxo a posta en marcha de durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial –as máis duras da Unión Europea- que provocaron que España pasará o ocupar o liderado en desigualdade e exclusión social. Unha evidencia que nin a propia Comisión Europea, adaíl do austericidio, é quen de negar. Unha situación da que tardaremos décadas en saír.

Os gobernos de Mariano Rajoy puxeron en marcha unha serie de reformas laborais neoliberais (ataque aos sindicatos e a negociación colectiva, facilidade no despido, desregulación e liberalización laboral …) que tiveron un enorme éxito pois están provocando un gran descenso das rendas de traballo. Na realidade España é un dos estados da Unión Europea onde a chamada “devaluación interna” vía redución dos salarios foi mais intensa. Unha redución que supuxo que o peso dos salarios na riqueza global (PIB) sexa o mais baixo das últimas décadas (47,6% no 2016). Unha caída salarial que, nembargante, apenas repercutiu nas exportacións (argumento utilizado para xustificar a baixa salarial) sendo o saldo  mais favorable da balanza comercial froito realmente da caída das importacións (14 puntos en termos reais) e do consumo interno (11 puntos). En realidade a quen beneficiou a caída dos salarios foi as rendas do capital (42,1% do PIB) quedando así ao descuberto o real obxectivo das reformas laborais: aumentar os beneficios empresariais.

Na práctica estas reformas laborais provocaron un enorme deterioro do mercado laboral. Si ben é certo que nos derradeiros anos houbo unha certa recuperación do emprego, España segue sendo un dos estados europeos con maior taxa de desemprego (16,7%) e menor taxa de ocupación (62,1%). Unha recuperación de emprego que ten lugar a costa de que se dispare a precariedade tal que mais do 90% dos novos contratos son precarios. Unha precariedade que está acadando cifras descoñecidas nas décadas anteriores: se a porcentaxe de traballadores con contrato temporal disparouse ao 27% a de ocupados a tempo parcial está no 15% e ambas (42%) subindo. Unha precariedade que afecta tanto a remuneración salarial media (-14%) como ao número de horas traballadas (durante os gobernos de M. Rajoy perdéronse en España mais de 3,5 millóns de horas de traballo: mais emprego pero menos traballo). Unha precariedade que coloca a moitos/as traballadores/as españois nunha situación limite: por primeira vez en España o ter un posto de traballo non evita o caer na pobreza xa, que segundo a OCDE, España pasa por seren o estado europeo con maior número de traballadores pobres (14,1%).

Se a política laboral destes años disparou a desigualdade o mesmo sucedeu coa política fiscal do sr. Montoro (PP) quen, segundo os técnicos de GESTHA. pasará a historia como o peor Ministro de Facenda. A súa preferencia por primar a imposición indirecta (47% do total dos ingresos tributarios), moi especialmente o IVE (37%), e a súa practica inanición fronte a elevadísima fraude fiscal (o valor da economía somerxida en España equivale 25% do PIB, a fraude fiscal o 20%: unha das mais elevadas da eurozona) ademais de afectar negativamente aos ingresos fiscais favorece descaradamente as rendas altas pois  leva a que sexan as rendas baixas (clases populares) quen soporten unha maior carga fiscal.

Outra das grandes reformas postas en marcha polos gobernos de Mariano Rajoy foi a drástica redución do gasto público, moi especialmente do gasto público social e o enorme recorte do emprego público o que supuxo practicamente o desmantelamento do xa deficitario Estado de benestar. Unhas reducións de gasto i empregos públicos que si afectaron a tódalas funcións públicas de benestar, serían o ensino (do 4,6% ao 3,8% do PIB), a sanidade (do 6,7% ao 5,8%) e a dependencia (do 0,7% ao 0,2%) as mais damnificadas. Uns recortes que fan que España pasara a situarse entre os estados europeos que menos gasto público destina as funcións de benestar (5 puntos por baixo da media na Unión Europea) e a colocarse como líder en recortes.

Uns recortes que, como confirman tódolos estúdeos e informes serios, afectan maiormente as clases de rendas medias e baixas (clases populares) polo que disparan unha desigualdade xa de seu moi elevada.

Asemade a aplicación de estas políticas tivo un efecto macroeconómico enormemente negativo xa que debilitou a demanda quen a súa vez provocou unha caída moi forte da actividade económica (-7% do PIB). Se nas vésperas da crise o PIB per capitá español estaba no 101% da media na Unión Europea, no ano 2017 baixaría ao 92%. Un período durante o cal España pasou a situarse entre os estados europeos con taxas de risco de pobreza (21,6%) e niveis de desigualdade mais elevados (34 en índice de Gini para unha media na UE de 30) 

Un dos argumentos mais utilizados polos gobernos de Mariano Rajoy para xustificar estas políticas autenticamente “austericidas” foi o da necesidade de reducir os déficits e ás débedas públicas. Obxectivo que, como todo o mundo sabe, está sendo un auténtico fracaso, como non podía ser doutro xeito. Durante os mandatos de Mariano Rajoy a débeda pública española non parou de medrar, pasando do 69,5% ao 97,9% do PIB. Sobran comentarios.

Poida que nunca, na curta historia da democracia española, estivera tan xustificada unha moción de censura e tan acertada a súa resolución.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.