0 Gardados para despois

Ramiro Vidal Alvarinho

O galeón dos malditos

Eu navego no galeón dos malditos, silenciados e censurados. Aquí me encontro, con Valtònyc, con Evaristo Páramos, con Pablo Hasel e con Willy Toledo entre outros. Si, sulcamos o mar de ninguén e ás veces cantamos a nosa vella canción corsaria. E lánzannos pólvora desde todos os flancos se bordeamos a costa do Reino de España.

Con certeza, a alguns non nos perdoan manifestarnos como o que somos, disidentes da sua verdade absoluta e total. É que a arte no estado español só se concive como producción para o ocio, e non se tolera como actividade promotora do pensamento crítico. Vostede pode ser artista se consegue meterse nos circuitos, no mundiño, e o gremio o acepta como tal, pero moito ollo con cuestionar ao poder e dicir cousas que poidan incomodar. Cousas como que? Pois cousas como negar a lexitimidade da monarquia, facer parodia ou escarnio da igrexa católica ou afirmar realidades que o discurso oficial nega, como que efectivamente no estado español como en calquer estado hai presos políticos.

Se vostede incorre nesas blasfemias o primeiro que acontecerá é que será expulsado dos circuitos e o segundo que acontecerá é que os medios de comunicación só o mencionarán para insultá-lo, desacreditar a sua traxectoria artística e facer burla dos seus posicionamentos. Como consecuencia do anterior, en terceiro lugar terá vostede a unha inmensa maioria da opinión pública na sua contra.

Á opinión pública non lle gustan os artistas disidentes. En xeral, a arte non gusta, a xente mais ben adora aos deportistas de élite, porque no deporte de élite non cabe conflicto. O deporte de élite ofrece un horizonte sinxelo de alcanzar: o de sentirse gañador. Para sentirse gañador, non hai mais que identificarse co gañador...ser do Madrid, ser do Barça, ser de Rafa Nadal. Os perdedores simplemente forman parte do escenario, non se fala deles...existen para que o gañador pase por riba deles. O deporte de élite sublima o ideal do ultraliberalismo; o importante é ser o mellor. Non caben os matices, nin as opinións. O deporte de élite tamén nos fai sentir gañadores nun contexto que ofrece poucos motivos para tal sentimento. Dificil enorgullecerse dos índices de pobreza absolutamente disparados; da pobreza enerxética, das colas nos comedores sociais, dos desafiuzamentos, do peche fraudulento de empresas, da corrupción política, da regresión das liberdades públicas...a única maneira de sobrevoar un cadro tan desolador é celebrando victorias deportivas. España é o mellor país do mundo porque Rafa Nadal gañou o Roland Garròs outra vez, porque o Madrid é de novo campión de Europa, porque a liga española de fútbol é a mais espectacular (“Soy español, a qué quieres que te gane” di o eslógan chovinista)

É comprensible que, se no medio da festa aparece un artista medio descoñecido chamando a atención sobre cuestións que queremos esquecer, a xente o apupe masivamente. Evaristo Páramos resultaba simpático cando éramos adolescentes e escoitábamos as cancións de La Polla Record's sen crer unha palabra do que dician. Porque claro, era para botar unhas risas. Hoxe que somos pais de familia, xa nos podemos parecer a esa xeración anterior á que xurábamos que nunca nos pareceríamos. Sexamos traballadores precarios ou desempregados de longa duración, que non nos quiten os cubatas dominicais co fútbol como ruido de fondo. De feito a unidade de España é incuestionable, porque se Catalunya se independiza, a ver en que liga vai xogar o Barça. Os cataláns fan o ridículo querendo votar e as cabezas rotas son unha risa, co quentiño que se está aquí, vendo o eterno partido de fútbol que sempre gañará o Madrid. Evaristo Páramos é un pallaso que se creu a sua propia película, as letras de La Polla eran moi simpáticas, pero mira que pretender facer delas un plantexamento político...hai que estar tolos. E de cear, croquetas.

A Valtònyc e a Pablo Hasel había que meté-los no cárcere, pero polo mal que rapean...outro mantra. O mercado está cheo de merda á que chaman música, pero o caso é non dar a razón a quen sabemos que a ten. Esconxuramos ao demo poñendo por diante o mal gosto das letras deses rapeiros, ou a suposta falta de calidade da sua obra...nin de coña nos poñemos de parte de xóvenes cuxo único delito é non renderlle preitesia aos poderosos e denunciar os crimes do sistema. Rapear a verdade, é o que fixeron. Chámase covardia. É mellor mofarse deles porque van comer talego, os moi pringados, co facil que terian triunfar falando do que hai que falar nas cancións...de amor romántico heterosexual e de heroicidades sexuais varias...ese é o rap que nos gusta escoitar, o que pinta un mundo que non ten nada que ver co noso.

...e Willy Toledo? É curioso o de Willy Toledo. Willy Toledo, se tan ben fala de Cuba deberia marchar a vivir alá. Ah, que xa vive en Cuba? Claro, vive a corpo de rei a costa de facer propaganda do rexime castrista. Seguramente non vivirá como a maioria dos cubanos, que xa se sabe que todos os cubanos morren de fame, prostituense e queren fuxir da illa (sempre me chamou a atención unha cousa...non acababan antes derrocando ese rexime que supostamente os oprime? Levamos décadas escoitando falar da iminente caida do réxime...continuamos agardando). Pois iso, que Toni Cantó pode dicir barbaridades que non pasa nada, e cobrar do erario público por dicir e defender esas barbaridades, pero a Willy Toledo cada vez que abre a boca, ainda que saibamos que di a verdade, caille unha salva de improperios. Non é obrigatorio que nos guste o traballo de Willy Toledo, nin que nos caia ben el. Non é obrigatorio concordar con el, pero é hipócrita insultá-lo polo simple feito de opinar diferente á maioria. A xenreira que produce o feito de levantar a voz contra a oligarquia, de poñerlle ao descoberto as vergoñas ao rexime, o que me suxire é que camiñamos cara unha sociedade retrógrada e ultra. Pero ademais teño a sensación de que o facemos de maneira absolutamente consciente e mesmo con agrado. Orgullosos da nosa brutalidade e o noso servilismo. Non se pode dicir nada positivo da revolución cubana...se o fas serás convidado a marchar para alá. Pero se marchas para alá, será porque gozas dalgún privilexio, non pode ser que o fixeras porque decidiches actuar consecuentemente co que defendes. Por suposto, se Fernando Alonso ten a residencia en Suiza e Marta Sánchez en Miami, non é para evitar pagar impostos na sua querida España, e se hai algunha dúvida algunha televisión xa lle regalará algúns minutos a Marta Sánchez para que nos berre un pouco e así ficamos convencidos.

É difícil ser libre neste estado do benpensar. Cada vez hai menos portos aos que arrivar, así que o noso galeón dos malditos continuará nesta deriva deliberada.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Ramiro Vidal Alvarinho

Ramiro Vidal Alvarinho é escritor e ativista cultural, milita na esquerda independentista e colabora em vários méios digitais cultivando o artigo de opiniom. Também escreve relato curto e poesia.