Reforzar a unidade do novo municipalismo galego para o Ben Común

O 30 de xuño xuntámonos ducias de mareas e representantes municipais de todo o País en Ferrol convocadas pola Marea ferrolá Ferrol en Común.

Mulleres e homes cuxas caras sonnos xa moi familiares e estimadas, algunhas dos tempos da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) de 2012, outras do Acordo de Mazarelos e do novo proxecto da esquerda galega que en decembro de 2015 dimos en chamar EN MAREA, nomeada así coa intención clara de poñer a referencia onde mellor se visualiza a Unidade Popular desde maio do 2015: as mareas municipais galegas.

En Ferrol estabamos xente de esquerda  moi plural e diversa, nacionalistas, independentistas e federalistas, xente con adscrición partidaria e xente que non se identifica con ningún partido político no nacional nin no estatal, e que sen embargo son activistas imprescindibles no seu concello. Persoas que comezaron candidaturas municipalistas sen ter ningún tipo de vinculación política; cunha única razón: cambiar a forma de facer política, dende a transparencia e a participación cidadá, e co ben común como único obxectivo.

A pesar da pluralidade e diversidade política e ideolóxica, houbo unanimidade nas resolucións e conclusións políticas da xornada, que nós resumiríamos así:

  • As mareas municipais deben ter a súa base na autonomía local, na participación veciñal democrática e un programa para o ben común.
  • As mareas e outras candidaturas de esquerda deben cooperar entre si, buscando formulas de colaboración cando menos na súa circunscrición electoral para as Deputacións (partido xudicial).
  • As mareas municipalistas son a base fundamental que orixinaron EN MAREA, e sen embargo, a dirección actual de EN MAREA (Coordinadora) está actuando sen respecto (e  as veces con hostilidade) cara as mareas municipais, que como Ferrol en Común representan a Unidade Popular que traballa diariamente por un País xusto desde os Concellos.
  • As mareas municipalistas de todo o País reunidas nesta xornada, e encabezadas por Compostela Aberta e Marea Atlántica, dimos todo o apoio e respaldo aos nosos irmáns e irmás de Ferrol en Común, e en especial ao Alcalde de Ferrol Jorge Suárez.

Hoxe, igual ca onte, no espazo plural da Unidade Popular (de AGE a EN MAREA) débense priorizar as propostas políticas e programáticas para o ben común, para as nosas veciñas e veciños, e deixar atrás os conflitos internos e liortas que só restan forzas e dividen alternativas. Os ataques contra nós e as nosas propostas programáticas veñen de lonxe, teñen un obxectivo claro: que todo siga igual nos Concellos. Converxen intereses de donos de periódicos, empresas concesionarias, e políticos que levan décadas privatizando (externalizando) servizos públicos municipais.

Tampouco son nada novo os ataques internos, que doen máis e fan máis dano. Aínda que por ser previsibles non deben ser admisibles. Non imos admitir que unha representación da dirección actual de EN MAREA apadriñe unha candidatura contra unha das principais Mareas como é Ferrol en Común, e aínda menos que o faga repetindo a estratexia e o método xa implementado no seu día coa ruptura de AGE a través do que os escindidos chamaron CERNA.

Esta mesma escisión é o motor principal dun novo ataque contra a Unidade Popular, e son o espello no que mirarse daqueles e aquelas que atacan a unidade en Ferrol pero tamén no día a día de EN MAREA.

Non hai escusa política para permitir este atropelo, os tacticismos e intereses de parte deben quedar fora, é unha obriga revalidar os gobernos do cambio e estamos obrigadas a amplialos e ser a verdadeira alternativa naqueles concellos onde aínda non chegou a revolución democrática do cambio.

Empoderamento cidadán, democracia e participación directa, transparencia, horizontalidade, espazos propios de deliberación e toma de decisión colectivas, facer políticas públicas para a cidadanía, o ben común e a ruptura democrática. Todos son principios adoptados polas mareas municipais en 2015, e recollidos nos principios fundacionais da Asemblea de Vigo de 2016 como espazo común que EN MAREA foi e debe ser para a cidadanía e para as mareas.

Para o 2019 non hai escusas, veñan de Madrid ou se inventen en Galicia, nin ataques que poidan con nós. Hoxe como onte, a Unidade Popular prevalecerá no espazo común que constituímos as mareas municipais, concelleiros e concelleiras, alcaldes, deputadas e deputados, militantes e non militantes de partidos políticos, inscritos e inscritas, e sobre todo o exercito cidadá de veciños e veciñas que son activistas do ben común.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.