Ferrol de protagonista

Ferrol semella ser a cidade que non conta, a última en poboación, a da depresión industrial, mostradora  de decadencia e de perda de peso no acontecer político galego. Non por iso é praza desprezabel na competencia das alternativas políticas no país.  Este fin de semana Ferrol foi protagonista, no ámbito das mareas.

Semella que non abonda todo o dito sobre a verdadeira índole das diferenzas no seo da marea galega, entre os que defenden o proxecto En Marea e os que argallan alternativa paralela baseada na coalición entre partidos, digamos a “alianza dos motores auxiliares”.

Son ducias as ocasións en que En Marea e os seus órganos e voceirías son deostados, descalificados ou ignorados por algún dos outrora promotores, dende actividades de representantes no Congreso por fóra dos seus deberes, iniciativas persoais ou partidarias de deputados e deputadas do Parlamento Galego, inmiscusións na área comunicativa de En Marea, elusión de responsabilidades orgánicas, inasistencia a plenarios, consellos ou coordinadoras, rebeldía fronte ás adscritas (elección do Consello e caso Quinteiro), e manifestacións públicas de manifesta deslealdade para coa organización e voceirías. 

Nese marco acontece a presentación de Marea de Ferrol, á que asistín, convidado, e dous días máis tarde o III encontro de mareas, ao que non asistín e non fun convidado. 
Como queira que no segundo dos eventos a conclusión principal parece ser a crítica a En Marea por apoiar o primeiro e de paso reincidir en acusar á presunta “minoría hiperrepresentada!” de secuestrar a organización e desviala dos seus obxectivos orixinais, entendo que procede algunha consideración, a saber:

A Marea de Ferrol é continuadora da orixinal iniciativa cidadá Marea Ártabra, a marea ferrolá abandonada polos partidos Anova e Esquerda Unida, que armaron a seudoplataforma Ferrol en Común, con relativo éxito. Mentres, Marea Ártabra quedou a 12 votos de conseguir representación, que houbera sido a costa do PP.  Ou sexa, a dualidade xa existía en Ferrol.

Marea de Ferrol leva traballando estes anos a iniciativa propia, soberana, sen indicación nen axuda nen inspiración por parte de En Marea, con principios, código ético e métodos de funcionamento que a definen como unha plataforma cidadá plural, radicalmente democrática e moi coidadosa dos compromisos colectivos. Está formada por militantes e activistas da sociedade ferrolá, ocupados hoxe nas principais batallas polo benestar da cidadanía.

FeC non ofrece  sitio nen ocasión nen método de participación, non desenvolveu medida algunha que permita homologala coa razón de ser das mareas, e, ademáis resulta criticada por efectivizar no Concello políticas que antes Marea Ártabra e agora Marea de Ferrol combateron no mandato do PP e seguen a combater agora.

En Marea como tal organización non se ten manifestado a respecto da dualidade establecida en Ferrol, nen ten dereito nen obriga de obstaculizar o que libremente fagan as persoas, adscritas ou non. En Marea non pode impedir que existan alternativas ou diferentes modos de entender a organización política da loita por unha mellor sociedade.  Xa había dúas ofertas en Ferrol no 2015, como as houbo noutros sitios, Mugardos, Gondomar, Lugo e outros.

Mais o que semella paradoxal e sorprende dalgúns protagonistas do encontro de mareas en que FeC foi anfitrión é pretender que En Marea debe protexer a quen a ataca, a descalifica, nega a súa validez e a súa solvencia, ignora ou combate as súas decisións e non perde oportunidade de facerlle dano en manifestaciòns públicas, e opórse a quen a defende e quere que triufe e consolide.

O Alcalde Jorge Suárez deixou clara moitas veces a súa oposición a En Marea, aos seus órganos e ao seu voceiro Luis Villares.  Ademáis, o seu partido EU declara que non está en En Marea nen a apoia; e ven de asinar un acordo polo cal as candidaturas municipais terían de ir baixo o epígrafe da coalición Podemos-Izquierda Unida-Equo.  Son excepción as persoas de FeC adscritas a En Marea, mentres son abundantes as persoas de Marea de Ferrol que comparten o seu apoio tamén ao espazo mareante.

E se lle pide respecto a En Marea,  nun esquema que lembra ao exclavo que se aplica a si mesmo as zorregadas.

Resulta necesario que se aclaren os partidos antes aliados. Que digan como é que poden participar as persoas das mareas locais nas decisións sobre asuntos do acontecer político diario, as alianzas, programas, negociacións, campañas e mobilizacións etc., nos ámbitos galego e español, máis aló dos asuntos municipais.  E como escoller as mellores representantes para todo cargo orgánico, institucional ou de asesoramento. Ou é que deben aceptar que para as cousas políticas que trascenden o local xa están os partidos para decidir?

En Ferrol, os participantes do III encontro de mareas non o souberon. Os de Marea de Ferrol, si.

Eu coido que chegou o momento de falar claro, de non alimentar ficcións e de que cada un diga onde está e que quere.  Empezando por Anova, o socio esquecido da coalición madrileña. E buscar, dende as posicións reais de cada quen, as posibilidades de traballo común e de alternativa transformadora.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.