Que é unha nazón?

A causa do “procés català” proliferan os artigos tentando demostrar a inconsistencia de considerar a Cataloña como unha “nazón” –permítanme usar a forma que figura no noso himno, a despeito dos criterios castelanizantes da RAG–, alegando razóns xurídicas e administrativas as máis das veces, e obviando ou minimizando as culturais, históricas e sentimentais por inoperantes para a súa argumentación.

Se se consulta a palabra “nación” no dicionario da RAE –escollo este para evitar calquera posíbel acusación de usar unha referencia nacionalista–, a primeira acepción é: “Conxunto dos habitantes dun país rexido polo mesmo goberno”, é dicir, basicamente como sinónimo de estado; e a terceira: “Conxunto de persoas dunha mesma orixe e que xeralmente falan un mesmo idioma e teñen unha tradición común”. Parece evidente que aplicando a primeira acepción, Cataloña non é unha nazón, mais aplicando a terceira non semella dubidosa a súa pertenza a esta categoría.

Con todo, fóra das formulacións legais, tradicionais, lingüísticas, históricas e relixiosas, hai outra máis determinante á hora de ser nazón: o sentimento. Algo que se dá nuns territorios e non noutros, debido a causas diversas. A mesma existencia deste sentimento nacionalista produce a existencia ou non de partidos e movementos de reivindicación nacional. Todos sabemos que hai territorios onde isto existe e outros onde non, e que sen el calquera outra xustificación non serve de nada. Ademáis é algo que non se pode prohibir ou regular con leis, por moito que se teime. A ditadura de Franco tentouno e hoxe xa sabemos o seu resultado: fracaso.

A creación de nazóns non se debe nunca aos mesmos factores, por exemplo na disolución da antiga Iugoslavia, estado non moi vello fundado trala 1ª Guerra Mundial, coa creación de sete novos estados no seu territorio, pesaron factores diversos segundo os países, ora lingüísticos: Eslovenia e Macedonia; ora relixiosos: Croacia, Bosnia e Serbia; ora lingüísticos e relixiosos á vez: Kosovo; ou simplemente históricos: Montenegro.

Pola contra, a separación de Checoslovaquia foi basicamente un divorcio entre iguais por desacordo no reparto económico e de poder entre dúas nazóns irmás que comparten orixe, gran parte da súa historia e mesmo case a lingua, pois checo e eslovaco son mutuamente intelixíbeis –aínda que neste caso esta realidade non cuestiona o seu recoñecemento como idiomas diferentes–.

Soamente a relixión xustica a creación de Israel, que debeu conquistar un territorio e poboalo, unindo xente de orixe e culturas diferentes, e mesmo tivo de “reelaborar” un idioma, o antigo hebreo litúrxico, como lingua unificadora da nova nazón.

E tamén a crenza relixiosa está na creación de Bélxica en 1830, unindo dous pobos nidiamente distintos como flamengos e valóns, unidos pola súa fe católica fronte aos Países Baixos protestantes. Mais case dous séculos despois o “invento” semella falido. Hoxe existe unha nazón belga bilingüe –ou trilíngüe por mor da minoría alemá– ou hai dúas nazóns en Bélxica: Flandres e Valonia?

Ademais está o feito de que unha mesma lingua ou historia non crea unha única nazón como sucede cos países árabes ou os hispanoamericanos, uns lindando con outros. Tampouco ter a mesma lingua inglesa como idioma maioritario empece a consideración de nazóns diferentes a respecto dos ingleses a escoceses, galeses e irlandeses, cuxas linguas nativas son minoritarias ou mesmo anecdóticas. E ter o mesmo idioma non fai que austríacos, alemáns e suízos –onde o alemán é fala maioritaria– considérense unha soa nazón, malia as ambicións do 3º Reich. Xa que logo, non parece que a lingua sexa o factor determinante para ser una nazón.

Os intereses das elites crioulas están detrás da creación das máis das nazóns hispanoaméricanas e o colonialismo europeo está na base da maioría das actuais nazóns africanas, asiáticas e oceánicas. Ningunha realidade cultural xustifica unha nazón colombiana fronte á súa veciña venezolana, unha peruana fronte á lindante boliviana, unha hondureña fronte á salvadoreña etc., porén a historia máis recente destes estados xustifican os sentimentos de seren nazóns dos seus habitantes. En África gran parte dos estados, xurdidos das artificiosas fronteiras trazadas polos países colonialistas, deben crear un concepto de nazón que una pobos diferentes e mesmo tradicionalmente hostís entre si, por exemplo a actual Suráfrica debe conxugar unha diversidade étnica, lingüística, relixiosa e unha animadversión histórica entre varios grupos humanos; Surafrica é incuestionabelmente un estado, mais é realmente unha nazón?

Soamente o sentimento de nazón pode explicar que haxa no País Vasco unha maioría ideolóxica nacionalista vasca con menos dun 30 % de falantes de éuscaro, sendo este o principal sinal identitario da patria vasca: Euskal Herria, o pobo do éuscaro. Ou que inclusive exista un nacionalismo andaluz, creado por Blas Infante, baseado nas tradicións e na historia de Andalucía fronte a Castela.

Poderiamos dicir que hoxe a inmensa maioría das nazóns son multiétnicas, multirrelixiosas e multiculturais, porque apenas existen países sen diferenzas de relixión, lingua, tradicións etc. dentro das súas fronteiras, en maior ou menor medida. Mais realmente estamos falando de nazóns ou de estados?

Por exemplo, o estado máis poboado da Terra: China, recoñece 56 grupos étnicos e 292 linguas no seu territorio e ten o confucianismo, o budismo, o taoísmo e a relixión tradicional como principais cultos, seguidos polo cristianismo e mais o islamismo; sen esquecer que dentro das súas fronteiras actuais está o milenario Tíbet, ocupado por China en 1950.

O segundo máis poboado, chamado metaforicamente subcontinente: India, recoñece 22 idiomas nacionais, aínda que hai unhas 1.650 linguas; practícanse 8 relixións principais: hinduísmo, budismo, xainismo, sikhismo, zoroastrismo, xudaísmo, islamismo e cristianismo –as catro primeiras orixinadas no propio subcontinente–; e ten notoria diferenza racial entre o norte, de predominio ario, e o sur, de orixe dravídica.

E o máis extenso do planeta: Rusia, recoñece 24 idiomas estatais, amais do ruso, e máis outros 15 con status oficial dentro da súa federación; catro relixións tradicionais: cristianismo ortodoxo, islamismo, xudaísmo e budismo; e diferenzas raciais entre caucásicos no oeste e asiáticos no leste.

Coido que cando se nega a Cataloña a condición de nazón que non se nega, por exemplo, a Portugal, estase a recoñecer implicitamente que ter un estado propio é requisito imprescindíbel para considerar un territorio ou un pobo como nazón. É un argumento compartido polos “independentistas cataláns” e unha parte importante dos “unitaristas españois”.

E tamén acho que en Galiza, por lingua, historia, tradicións e sentimento, a maioría da poboación se considera unha nazón, aínda que sexa dentro de España; e así o proclama o noso himno. Mais se cadra convén non dicilo moi alto, non vaia ser que algún fanático constitucionalista –o fanatismo pode aniñar en calquera ideoloxía– poña unha querela e o Tribunal Constitucional fáganos trocar “nazón de Breogán” por “nacionalidade de Breogán” ou calquera outra necidade, que che hai moito parvo con autoridade.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.