O Estado do Benestar: Problema ou solución?

Nos últimos días asistimos a segunda ondada de recortes. A subida do IVE mínimo do 8% ao 10% e do IVE xeral do 18% ao 21%, fai que o soldo real dos traballadores decreza substancialmente. O encarecemento dos produtos, non é a mellor solución para reactivar o consumo, e moito menos cando o que se grava son produtos básicos indispensables para unha sociedade que xa ten que comezar a recortar na cesta da compra para subsistir ata fin de mes. Se o que se busca é un aumento no capítulo de ingresos, sería axeitado subir o IVE do alcohol e do tabaco, recadar así diñeiro para as arcas do Estado, e ao mesmo tempo, baixar o IVE dos produtos de primeira necesidade, tal e como non fai tanto, propuña, o hoxe desaparecido líder da oposición, Pérez Rubalcaba. A esta subida do IVE, acompañouno a supresión da paga extra de Nadal aos funcionarios, que de novo teñen que pagar as consecuencias da crise. A estas dúas medidas engadiuse a da rebaixa na prestación por desemprego a partires do sétimo mes, do 60 % ao 50 % da base. En resumo, medidas, que caen como unha lousa de pedra riba dos traballadores e do cidadá medio, que ningunha culpa ten da crise, mais que non obstante se ten que encargar de  facernos saír dela.

As medidas van encamiñadas a reducir o déficit público, e dar confianza aos mercados, algo que non están a conseguir, namentres cabe preguntarse: que pasa co desemprego?

Todo isto súmase aos innumerables recortes que xa se veñen facendo dende tempo atrás e que fixeron meia na educación, na sanidade, e na investigación, entre outros servizos, sen dúbida, o desmantelamento do Estado do Benestar é xa unha realidade. O goberno está a facer xustamente o contrario do que debería. As medidas de carácter macroeconómico, impostas, son as desacertadas, non se pode loitar contra o déficit público e contra o desemprego ao mesmo tempo. Ata o de agora o goberno opta por tirar dunha política fiscal restritiva, cuxas consecuencias aínda non se ven no plano económico pero si se están a empezar a ver no social, para ser máis explícitos, o que se fai é o seguinte: O aumento dos impostos fai que diminúa a renda dispoñible, co que descende o consumo dos fogares, con elo cae a demanda agregada e diminúe a renda do País. Reduciron o gasto público co que baixou a demanda agregada e por conseguinte a produción. As medidas van encamiñadas a reducir o déficit público, e dar confianza aos mercados, algo que non están a conseguir, namentres cabe preguntarse:¿Que pasa co desemprego?. É duro recordar que España ten máis de 5 millóns de parados, e un paro xuvenil do 50 %, este é o maior mal que padecemos, e que xa está  enraizado nos piares estruturais do Estado. É por elo preciso coller o touro polos cornos e pórse verdadeiramente a combatelo, non sairemos adiante ata que este  20% de paro se transforme nun 9% e é aquí onde o Estado ten que actuar. Fronte as políticas fiscais restritivas débense de erguer as expansivas.

O aumento do gasto público real ou exhaustivo trae consigo un aumento da renda do País. Os datos falan por si sós, España ten o gasto público social como porcentaxe do PIB máis baixo da Unión Europea dos 15, o 22%, seguido de Portugal cun 24% e de Grecia cun 25%. De igual xeito, xunto con Grecia e Portugal, España é o país con menos poboación adulta traballando no sector público. Somos tamén o país con menores ingresos ao Estado da UE-15 cun 32% do PIB, Suecia ten máis do 50%, ademais de ser un dos países con maior fraude fiscal, a  maior parte debido as grandes empresas e fortunas, un 72% do total. Ante os datos expostos irradia unha realidade que as forzas conservadoras españolas non queren ver, debe ser o Estado, en tempos de crise, o verdadeiro motor e garante do crecemento económico. Calquera persoa sabe que en tempos de recesión debe aumentarse o gasto público, o Estado debe ser o creador de emprego. Cinco millóns de parados son insostibles, gran parte do presuposto vai adicado a cubrir unhas prestacións por desemprego que a cada pouco van en aumento, vese cerca o 30% de paro, se o goberno se empecina en ir polos vieiros polos que está a ir. Débese pois, aumentar a inversión social. Debemos ser conscientes de que para crear emprego hai tres vías: a través do sector privado, a través do sector público e a través da redución e do reparto do tempo de traballo, algo que ben saben os alemáns. Seguindo o exemplo dos países nórdicos que se desmarcaron como os que máis apostaron por, dende o Estado, crear emprego, aquí van algunha proposta encamiñadas a xeración de postos de traballo dende a iniciativa pública: Ata agora en Sanidade, apostouse pola construción de grandes Hospitais que tiveron un custo en infraestrutura desmesurados e que agora teñen uns custos fixos desorbitados. Preferiuse isto a facer unha maior descentralización sanitaria, apostando por pequenas redes de servizos a nivel comunitario, favorecendo a transversalidade para chegar a todas as casas. Deste xeito aumentaría o persoal adicado a sanidade, e  melloraríase o servizo. Suecia é un dos países que apostou por esta forma de operar no plano sanitario. E do mesmo xeito a fórmula é aplicable á dependencia, ao coidado dos nosos vellos, un servizo que, especialmente está a sufrir nas súas carnes as consecuencias da crise.

O que se debería é contratar máis xente para encargarse das persoas dependentes, e o mesmo é aplicable ao coidado dos cativos

O que se debería é contratar máis xente para encargarse das persoas dependentes, e o mesmo é aplicable ao coidado dos cativos. A inversión nestes servizos representa unha inversión en capital humano, e mellora a produtividade da poboación laboral. Moitas empresas así o fan, ofrecen servizos de gardería para os nenos dos empregados, con elo liberan aos pais de distraccións e conseguen un maior rendemento. No caso de España, dado que o predominante é a pequena e mediana empresa, non é axeitado que sexan elas as encargadas de ofrecer ditos servizos, de aí a necesidade de que o Estado se ocupe deles, o certo e que son tan importantes como o transporte público. Todo isto débese  financiar dalgunha forma, neste caso é oportuno indicar que para elo se debería xerar unha maior racionalidade do gasto público, eliminando deputacións provinciais, resolvendo as duplicidades, mancomunando servizos, reducindo municipios... e como non, mediante a redución do fraude fiscal. Urxe tomar decisións, pois a situación é preocupante, non pode o obxectivo de paliar o déficit público anteporse á creación de emprego, se o sector privado non dá o paso adiante, pese as facilidades que se lle dán para a contratación de traballadores, ha de ser o público o que palie a situación de 5 millóns de parados. É  por elo polo que se deben emprender políticas activas de emprego encamiñadas a: re-forestación dos montes, ao seu saneamento, facendo corta-lumes, reordenando e recolocando, apostar por campañas de prevención de lumes, investir en vivenda de protección oficial, no saneamento das estradas, no coidado das praias... para unha persoa estar desocupada é algo verdadeiramente frustrante por elo pódese apostar por ofrecerlle aos parados, sobre todo aqueles de larga duración que se empreguen nalgún destes servizos e darlle unha contraprestación, un plus, que pode ser económica ou non. En vez de estar desocupados, pódese estar producindo pra o país e sentíndose útil, o Estado debe incentivar iniciativas desta índole, porque é positivo pra o desempregado e pra toda a sociedade

En resumo debe ser atraveso do Estado do Benestar e dos servizos sociais como se palien os males dos que o noso país adoece: o desemprego e o coidado social da poboación. Cabería profundar máis nas medidas aquí propostas e na súa financiación, mais deixamos aquí un bosquexo de como saír adiante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.