O cruel cinismo das elites europeas

O cruel cinismo con que se manexan as elites políticas e económicas en Europa pode ser infinito. Vexamos as evidencias.

Recentemente un informe da Comisión Europea suspendía a España, e por tanto a Galiza, en prestacións sociais. Non é a primeira vez que isto sucede. Dende fai algúns anos a Comisión Europea ven situando a España no pelotón de cabeza dos estados europeos con maiores niveis de desigualdade. Unha desigualdade a que colabora tanto e elevado desemprego como o grande déficit nas funcións públicas de benestar. Unha realidade que a propia Comisión Europea recoñece ao subliñar que España é un dos estados europeos que menos recursos públicos dedica a redución da desigualdade e a pobreza.

Difícil non estar de acordo con este informe da Comisión Europea. Entón por que fago esta acusación ás autoridades europeas? Porque se ben é certo que España, e Galiza, suspenden en materia de emprego e benestar social non deixa de ser cínico que sexan precisamente as autoridades europeas quen fagan esta acusación. Por que?, porque son as políticas austericidas que a troica europea (Consello de Europa, Comisión Europea e Banco Central Europeo) baixo o liderado alemán procura impoñer en toda a Unión Europea as que están provocando que se dispare a desigualdade e a exclusión social e que, nos estados europeos do sur, se manteñan elevados índices de desemprego. Políticas que ademais, e como teñen que recoñecer os propios autores, non son quen de conseguir os obxectivos fiscais coas que as xustifican pois as débedas públicas segue disparadas (WILLIAM MITCHELL: “A distopía do euro”. Edit. Lolabooks). Sarcasmo por que a continuación de facer públicos os informes volven  teimudamente a presionar ao goberno español para que siga coas políticas austericidas de continuos recortes no gasto público (con especial atención as pensións: son o súa debilidade) e de rebaixas nos salarios dos traballadores.

Nembargante, estas elites europeas nunca fan referencia clara e explícita a natureza real dos problemas fiscais de España: a grande debilidade dos ingresos públicos derivada tanto da baixa presión fiscal como da elevada fraude fiscal. Non fan referencia por razóns evidentes: Europa, hoxe por hoxe, movese ao ritmo que marcan as finanzas (bancos e fondos de investimento) que, como xa expliquei noutros artigos neste mesmo medio (http://praza.gal/opinion/4278/o-falso-rigor-fiscal/), non queren saber nada de elevar a presión fiscal, nin de loitar contra a fraude nin moito menos de por en cuestión os paraísos fiscais. So queren rebaixas salariais e austeridades fiscais para así estimular o crecemento das débedas privadas e públicas que veñen sendo, nas derradeiras décadas, o seu grande negocio.

Quizás para mellor entender este comportamento das elites europeas haxa que empezar por ter en conta que, tal como apunta Stuart Holland (profesor visitante na facultade de Economía na Universidade de Coimbra e profundo coñecedor das políticas e as miserias da Unión Europea) a Comisión Europea “dende o inicio da crise….foi politicamente incapaz e tecnicamente incompetente” para resolver ningunha das crises que tiveron lugar, e seguen tendo, no seo do eurogrupo. Unha avaliación que, tendo moito de verdade, resulta insuficiente para explicar tales comportamentos. Explicación que aparece mais clara cando a continuación S.H. engade que “calquera cousa de certa importancia na Unión Europea primeiro debe ser aprobada por Berlín. Na axenda non hai mais nada que o punto de vista de Berlín” (S. HOLLAND: “Contra a hexemonía da austeridade”. Arpa Editores). Noutras palabras, a Comisión Europea, en realidade a troica que é como dicir toda a Unión Europea, móvese ao ditado do que manda o goberno alemán. Un goberno alemán en total sintonía co poderosísimo Deutsche Bank que é, como dicir, cos mercados financeiros. Uns mercados que impoñen en toda Europa un crecemento por endebedamento, público e privado. Unhas elites alamanas que están conseguindo converter o que debera ser unha Unión Europea nunha Europa alamana, unha Europa ordoliberal que na eurozona camiña deica o maior dos desastres económico e social (FRÉDÉRIC LORDON: “A chapuza”. Edit. El Viejo Topo).

Por que, a pesar dos pésimos resultados, as elites europeas persisten na aplicación destas políticas fracasadas?. Que é o ordoliberalismol?. Dixen antes que non se entende esta contumaz persistencia nas políticas suicidas (“autericidio”) sen comprender que a ideoloxía dominante nas elites políticas e económicas europeas é a neoliberal, “unha ideoloxía que serve aos intereses económicos e financeiros que, hoxe por hoxe, dominan a UE” (VICENÇ NAVARRO: “Ataque a democracia e ao benestar”. Editorial Anagrama). Unhas elites que para impoñer esas políticas non dubidan tanto en saltarse a toureira as decisións dos gobernos e parlamentos nacionais como, si o ven necesario, violar os dereitos humanos como, por caso, pasou con Grecia (YANIS VAROUFAKIS:”O Minotauro global”. Edit. Capitán Swing Libros).

O ordoliberalismo, ideoloxía neoliberal dominante hoxe en día nas elites europeas, non é mais que unha versión a alamana do neoliberalismo que como tal serve aos intereses económicos e financeiros do capital alemán e por extensión ao capital financeiro europeo. Unha ideoloxía cuxos argumentos non resisten o mínimo contraste coas evidencias. Saibamos que a imposición aos estados europeos do sur dos criterios neoliberais faise baixo o argumento de que estes estados viviran por riba das súas posibilidades o que provocou a crise por un gasto público excesivo. Un argumento que, como xa expuxera noutro artigo, demostrou ser absolutamente falso: por caso, España cando estourou a crise non tiña déficit senón superávit e un dos gastos públicos mais baixos da eurozona (algo que, de ningures, se podía dicir de Francia ou de Alemaña). O que realmente sucedeu nestes estados foi que a aplicación de durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial si provocaron déficits fiscais que dispararon as débedas públicas amais de, algo que non preocupa a estas elites, provocar un enorme dor nas clases populares. Velaí que cualifiquemos de cínicas as xustificacións de estas políticas como, por caso, os anteriormente citados informes da Comisión Europea. Outros dos argumentos profusamente utilizados por estas elites europeas, moi especialmente polas alamanas, é que as demasiado xenerosas políticas dos estados europeos do sur poñían en perigo o sacrosanto euro.

Outro argumento falso pois o que realmente pon en perigo o euro é a súa elevada cotización, froito a súa vez da carencia dunha política macroeconómica unitaria, que se ben beneficia as exportacións alamanas está facendo un enorme dano as economías produtivas da maioría dos estados da eurozona, moi especialmente a aqueles que presentan desequilibrios comerciais derivados das diferenzas de competitividade (XOSE CARLOS ARIAS, ANTON COSTAS: “A nova pel do capitalismos”. Edit. Galaxia Gutenberg). Finalmente, e para atemorizar a posibles gobernos europeos rebeldes, as elites europeas –lideradas por un goberno alemán ultraconservador- utilizan a ameaza de expulsar da eurozona a aqueles países cuxos estados no respecten a ortodoxia ordoliberal. Un argumento que, polo que se ve, ten moito éxito a pesar de ser novamente inconsistente como se pode comprobar facilmente: o suposto milagre alemán basease na fortaleza da súa balanza de pagos. Un saldo positivo que trae como contrapartida un saldo negativo da maioría dos estados europeos da eurozona pero moi especialmente dos chamados periféricos. Unha situación que supón que o milagre alemán, a súa actual hexemonía comercial, apóiase no deterioro da maioría europea sen a cal non podería obter tales resultados. Que pasaría entón en Alemaña se estes estados foran expulsados da eurozona?. Sen dúbida algunha que a súa economía xa non sería tan exitosa e pagaría un moi alto prezo.

Velaí que estea xustificado cualificar de cínica (falsa) e cruel (polos danos) a postura política das elites europeas (o austericidio). Unha postura que, de ningures, está pensada en favorecer os intereses da maioría social senón, que polo contra, defende a lóxica e os intereses das elites financeiras (MARK WEISBROT:”Fracaso. O que os expertos non entenderon da economía global”. Edit. AKAL). Unha evidencia que, como moi ben demostrou T. Pîketty, mostra como son as rendas de capital as grandes beneficiarias desas políticas –a súa participación na riqueza nacional (PIB) é a mais elevada de sempre-(THOMAS PIKETTY: “El capital en el siglo XXI”. Editorial RBA). Unha evidencia que nos ensina como estamos asistindo a un desmantelamento do estado de benestar por mor dunhas políticas que favorecen a entrada do capital –maiormente financeiro- nuns servizos públicos que son considerados por aquel como novos nichos de negocio privado. Unhas políticas que, para maior escándalo, disparan as débedas públicas que, maioritariamente en mans dos grandes bancos europeos, pasaron a ser outro dos grandes negocios do capital financeiro.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.