Podemos Galicia e as bandeiras en tempos de (re)cambio

Onte partillaba cun amigo, mestre e compañeiro, como xente coma nós, militantes irreverentes, é capaz de facer un mundo dos temas máis miúdos porque temos unha serie de principios que se circunscriben a unha ideoloxía concreta que busca a capacidade de xerar a hexemonía necesaria como para poder operar no concreto, é dicir, a través de leis, iniciativas e proxectos que leve a cabo a nosa xente cando está nas institucións.

E iso contrastaba coa xente de fóra. Máis alá do 0,1% que representan as señoras e señores metidos na militancia diaria, o único que quere a xente ao final non son grandes relatorios con máis énfase na defensa do marxismo, do nacionalismo, do populismo ou do socialismo, senón que ao final o único que piden che piden é o que lles esixen nos seus traballos, nin máis, nin menos. A un traballador páganlle polo traballo que é capaz de facer e a un político para poñerse de acordo con outros  e sacar adiante iniciativas que fagan un pouco mellor a vida da xente do común.

No contexto actual non temos tempo de coller perspectiva, de valorar o feito estes anos e de ser capaces de recoller a capacidade posta en mans dunhas poucas persoas para mellorar a vida da xente e as que si se dedican a iso son persoas batidas polo fogo inimigo e amigo como temos comprobado neste último ano.

Cando rematei o encontro co meu amigo víñame á cabeza o primeiro acto da primeira campaña electoral que eu vivín. Alá polo 2014, catro persoas collemos un coche e aparecemos nunha parroquia de Cambre porque tiñamos un acto de Podemos para as Europeas nun centro cultural asignado pola xunta electoral. Tres horiñas antes fomos con flayers a repartir e anunciar entre a veciñanza o acto. As poucas persoas que nos recoñecían era porque lles soaba o rollo ese do da coleta que aparecía na tele dicíndolle catro verdades aos cafres de sempre. Total que un par de compañeiras prepararon unhas intervencións de 20 minutos contando o programa,  aparecemos á hora asignada, montamos o noso actiño e cando xa estaba todo listo démonos conta que non aparecería ninguén. Ao recoller apareceu unha señora. As caras de ilusión notábansenos ás leguas pero a señora viña por equivocación, polo recital de Castelao que tiña lugar ao día seguinte no Día das Letras Galegas. A señora levouse unha sorpresa porque só votaba ao PSdG e non coñecía nada do que lle espetamos alí pero creo que nesas Europeas grazas ao bo facer das miñas compañeiras deu unha oportunidade a outra xente. Ninguén coñecía a nosa bandeira pero todos recoñecían a nosa ilusión e enerxía por construír algo distinto.

No Estado o PSOE está sendo capaz de ter unha iniciativa que non se lle recordaba dende a primeira lexislatura de Zapatero e en Galicia rexurde o vello debate sobre a esquerda española e a esquerda galega

Todo esto ben a colación do debate que quero centrar e as preguntas que quero lanzar. Nestes tempos os (re)cambios están introducindo de novo os vellos dilemas no noso espectro político actual que moitas persoas pensábamos superados. No Estado o PSOE está sendo capaz de ter unha iniciativa que non se lle recordaba dende a primeira lexislatura de Zapatero e en Galicia rexurde o vello debate sobre a esquerda española e a esquerda galega.

Creo que chegados a este punto toca unha labor de centrifugado e de ser capaces de mirarse de arriba a abaixo e preguntarse que se pode aportar. A risco de seguir cos recordos, neste punto tamén se me veñen á mente os interminables debates ata as tantas que tiña cunha compañeira que agora é deputada. Debates sobre o papel que tiña que ter Podemos neste país e como nun sitio cunha forza que fixo unha boa lectura do 11M, como AGE, se podía aportar para poder lanzar o aparello xa creado a cotas máis altas. Ao final convertíase nunha cuestión sobre que cultura política se tiña que desprender dunha organización de novo cuño e como implementala a todos os niveis.

E isto engarza co punto de saturación irrespirable que hoxe vive o espectro da nova política en Galicia. A cuestión central e que hai que ter clara é o que aporta cada un e como unha amalgama tan heteroxénea é capaz de crear sobre uns principios sólidos, así como que conxunto de ideas son capaces de identificar a cada parte. Hai forzas que teñen eses debates canalizados ou resoltos e hai outras que non.

Polo tanto eu empezo pola miña casa. Neste ano que queda para os próximos comicios, que serán as municipais e as europeas, en Podemos Galicia necesítase reflexión, formación e moito traballo. Lanzo as seguintes cuestións:

Que somos capaces de aportar ao futuro deste país que outros non aportan?
Que queremos ser?
Ata onde debemos chegar?
Cales son os obxectivos?
Que batallas se queren dar?

A capacidade que teñamos de dar resposta a estas preguntas marcará o futuro e a viabilidade da nosa organización. Se non se fai este traballo máis vale que vaiamos liscando e buscando a porta de saída porque chegarán outros que nos marcarán o camiño e o que hai que facer, e pode ser que non nos guste.

As novas bandeiras farán que a señora da parroquia de Cambre lles dea outra oportunidade a outra xente porque ao final a xente non perdoa que non fagamos o traballo e non aportemos solucións.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.