Unha mirada crítica á Responsabilidade Social Empresarial

Preguntárdesvos por que a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento quere facer unha crítica á Responsabilidade Social Empresarial. Moi doado: por dúas razóns fundamentais. A primeira, a Coordinadora Galega aglutina na actualidade a 47 organizacións que traballan a prol dunha cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformadora cunha visión moi clara, que é a de contribuír á erradicación da pobreza a través dun desenvolvemento sostible e a promoción dos dereitos humanos naqueles países máis empobrecidos. Este traballo que é desenvolto polas ONGD do Norte, xunto as súas socias locais, vese ensombrecido moitas veces polas accións pouco responsables de empresas españolas que, curiosamente, ondean a bandeira da Responsabilidade Social (Calvo, Pescanova, Endesa, Telefónica, Repsol, Santander, etc). A segunda razón é que tanto a Lei Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento como os distintos Plans Directores de Cooperación recoñecen expresamente ás empresas como actores claves na loita contra a pobreza e, sen embargo, o seu labor é contraproducente cando realizan accións con criterios economistas e non sociais e responsables.

Unha das definicións da Responsabilidade Social recollido polo Observatorio da Responsabilidade Social de España di que “ten en conta os impactos que todos os aspectos da súa actividade xeran sobre os seus clientes, empregados, comunidades locais, o medio ambiente e a sociedade en xeral”. Sen embargo, a realidade é distinta xa que as empresas entenderon a Responsabilidade Social dende un punto de vista filantrópico e de mercadotecnia que pouco contribúe á loita contra a pobreza. Como ONGD que representamos á cidadanía requirimos e esiximos que as empresas fagan unha boa xestión, que non é outra cousa que equilibrar os beneficios económicos con respecto aos dereitos dos seus traballadores e traballadoras e do medio ambiente.

Facer unha cooperación de calidade e mellorar as condicións de vida que garantan a propia supervivencia dos pobos máis desfavorecidos implica que todos os axentes de cooperación, incluídas as empresas, traballemos baixo o marco dunhas políticas coherentes de cooperación ao desenvolvemento

Para visibilizar un exemplo de mala xestión temos a Pescanova, unha empresa galega que posúe unha das plantas máis grandes que operan en América Latina e que en 2008 puxo en marcha unha fábrica de procesado de lagostino na rexión occidente de Nicaragua. Os pescadores e pescadoras artesanais denunciaron a esta empresa porque, de forma irresponsable, está comprando terras extensas de bosques de manglares para construír as granxas camaroneras a gran escala, o cal está a afectar ao ecosistema protexido e rico en especies mariñas e pondo en perigo o único medio de vida dos e das pescadoras da zona. Igualmente, esta empresa foi denunciada por violación dos dereitos laborais do seu persoal contratado (Revista nº4, Amigos da Terra, 2010), aínda que na súa páxina web podedes ler “Pescanova: compromiso coa Responsabilidade Social” e atopar unha nova do ano 2010 que di “Pescanova: a empresa con máis futuro polo seu compromiso coa Responsabilidade Social que ademais aposta pola sustentabilidade e apoia programas de educación ambiental e proxectos eco-amigables...”. E como Pescanova, moitas outras. En resumo, e para que todas as persoas o entendamos:  a acción social das empresas non é Responsabilidade Social se non unha cortina de fume que serve para tapar e desviar o incumprimento das responsabilidades ética e legais que estas deben asumir para cos seus grupos de interese.

Facer unha cooperación de calidade e mellorar as condicións de vida que garantan a propia supervivencia dos pobos máis desfavorecidos implica que todos os axentes de cooperación, incluídas as empresas, traballemos baixo o marco dunhas políticas coherentes de cooperación ao desenvolvemento. As ONGD non podemos seguir desenvolvendo proxectos de cooperación internacional que fomenten a igualdade de xénero, a protección do medio ambiente, o fortalecemento institucional, o respecto dos dereitos humanos, etc. mentres as empresas seguen a espoliar os recursos naturais e a vulnerar os dereitos dos e das traballadoras e das comunidades onde se establecen.

A cidadanía, temos a obriga de ser máis crítica e consciente nas nosas decisións diarias, sobre todo nas de consumo, e das repercusións que estas teñen. Pero para iso necesitamos que as empresas sexan transparentes na comunicación da súa Responsabilidade Social. As administracións, por se soas, non poden impulsar o desenvolvemento sostible, para iso necesitan traballar xunto ao sector privado e ao resto da sociedade. Por iso as ONGD, como representantes da sociedade civil, apostamos pola regulación da Responsabilidade Social Empresarial e polo seu aliñamento coas políticas de cooperación. Só así poderemos garantir a xustiza social e conseguir erradicar a pobreza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.