Os catro anos de vertixe na política española e as urxencias no espazo do cambio en Galicia

A política española virou nos últimos catro anos a unha velocidade de vértigo; nunca ata entón os ciclos políticos foran tan cortos e os escenarios tan volátiles, cuns marcos cambiantes que trasmutan dunha semana para outra, desprazándose ao redor do taboeiro coma fichas de domino.

En maio de 2014 a foto fixa tiña a Juan Carlos I como xefe do estado, a Rajoy como presidente do goberno e do PP, a Rubalcaba liderando o PSOE, a Cayo Lara en IU e a Rosa Díez en UPyD (neses intres partido emerxente no espectro de centro-dereita). Un abanico de persoeiros da xeración da transición, íntimamente ligados todos eles ao réxime do 78. Cincuenta meses despois, atopámonos con Felipe VI, Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera como actores principais; un elenco de xente moito máis nova, que coa excepción do monarca, tiveron a súa crianza na cultura pop dos anos oitenta. O que está por ver é que o troco de persoas leve aparellado cambios de profundidade na arquitectura política.

A monarquía, pese a operación cosmética de sucesión para salvaguarda-la institución, non parece mudara a súa desconexión coa España real, o irresponsable discurso do Rey o tres de outubro de 2017, amosou non xa a inutilidade da institución na época contempóranea, senón tamén a súa incapacidade para exercer a súa función constitucional de árbitro dos poderes do estado.

Os novos lideres da dereita española, Casado e Rivera, reivindican compulsivamente o legado de Adolfo Suárez, pero os seus discursos lembran moito á dereita ultranacionalista e xenófoba que emerxe por Europa, nalguns casos con tintes xoseantonianos para darlle ese toque “tipical spanish”; unhas caras novas non enmascaran unas ideas vellas.

O PSOE de Pedro Sánchez amosa  unha faciana liberal-progresista ao mais puro estilo do canadense Trudeau, cunha política de xestos, cargados de simbolismo e ben acollidos pola cidadanía de esquerda, a pesares de que ninguna das medidas anunciadas ata o de agora suporán cambios sustanciais nas condicións materiais na vida da xente; pero non se debe minusvalorar nunca o efectismo do política do simbólico, os que o fixeron no pasado desde a esquerda perderon moitas eleccións por non decatarse disto, porque en política ter a razón non é dabondo para poder gañar.

En canto a Podemos, formación na que eu milito, aínda puidendo ser acusado de certo chauvinismo de partido, verdaderamente penso que foi a forza que pateou o taboeiro político español.  Moitas das demandas dos indignados do 15M foron recollidas no seu ideario, tanto nas formas coma nos contidos, reclamándose tanto novas políticas económico-sociais, como reacción ante o austericidio, como unha nova política, mais aberta e participativa, con transparencia e rendición de contas. Evidentemente tamén houbo erros, cousa lóxica nunha forza cun crecimento tan acelerado e novata na vida institucional, pero resulta incontestable que o partido morado foi o causante de moitos dos cambios vividos en España nos últimos catro anos.

No que ao ecosistema político galego se refire, cabe destacar a aparición de AGE como primeira manifestación política do 15M no estado español. Comezou a utilizarse unha nova linguaxe en clave de ruptura, que foi o berce para a irrupción anos mais tarde das mareas municipais, que souberon recoller o mellor do municipalismo libertario e dos novos movimentos sociais. O entendemento entre Podemos e o mundo de AGE e as mareas, foi a consecuencia lóxica do que demandaba a cidadanía galega de corte rupturista, e cristalizou na coalición En Marea, que obtivo uns excelentes resultados nas elección xerais.

A posterior conversión de En Marea en partido político de adscripción individual fíxose coa boa intención de trasladar o eido autonómico o que funcionara ben no municipal; dous anos despois daquelo semella que a fórmula non era extrapolable, xa que non se acadaron os obxectivos, nin os electorais de bota-lo PP da Xunta, nin os políticos de ampliar a base social do espazo. A actual coordinadora de En Marea adoece dunha grave crise de lexitimidade dende a súa misma composición, xa que non se aplicou a folla de ruta política que resultou mais votada nas primarias ao Consello, non hai unha representatividade real das diferentes sensibilidades que cohabitan no espazo, e tanto as estructuras organizativas coma os marcos discursivos aseméllanse cada vez máis aos do BNG de Anxo Quintana.

Despois de esta retrospectiva, toca falar do presente e do futuro en clave galega, neste caso centrada en Podemos Galicia e En Marea.

Compostela Aberta acaba lanzar unha proposta sensata que chama a unha reconfiguración do espazo de En Marea, non me queda mais que aplaudir a iniciativa, que xa debeu de poñerse enriba da mesa fai moito, xa que no último ano e medio houbo moito ruido e moi pouca política no espazo do cambio galego, onde as broncas recíprocas tiveron moito mais eco na cidadanía que as propostas programáticas para mellora-la vida da xente.

A formación dunha mesa de dialogo coas tres forzas promotoras da confluencia e as tres mareas municipais mais representativas semella un bo comezo, de cara a inaplazable reformulación do espazo. O adianto das primarias ao Consello semella tamén a mellor opción, tendo en conta os retos electorais que están por vir no próximo ano, e coa posibilidade mais que real de que as elección xerais podan convocarse en calquera intre, aínda que nisto último inciderei máis adiante.

Dende a miña situación de militante, preocúpame especialmente a situación de Podemos Galicia. Unha organización que leva tempo xa instalada nunha situación de bloqueo político que non se pode soster mais no tempo. Quen milita na organización coñece que o Consello Cidadán Autonómico é un órgano morto, no que o 80% dos seus membros nin tan sequera participa. Levaríame demasiado tempo explicar toda-las causas, polo que prefiro centrarme nas consecuencias; apenas hai debates de contido político mais alá dos que marca a dirección estatal, o documento organizativo galego está sen adaptar aos novos estatutos un ano despois da súa entrada en vigor, como consecuencia delo, Galicia e o único territorio onde non hai representantes dos círculos no CCA, se a isto último sumámoslle que Galicia quedou tamén sen ningunha dirección municipal (mentres que en outros territorios as executivas autonómicas adoptaron medidas para mantelas, non foi o caso galego) a desconexión da dirección coas estructuras locais e coas bases resulta palmaria, baste como exemplo que o pasado 25 de xullo apenas acudiron tres ducias de persoas ao acto central convocado en Sarria pola executiva.

Por todas estas circunstancias, fai xa máis de sete meses que un 40% dos círculos galegos solicitaron formalmente, e segundo os estatutos (que esixen un 30% de círculos) a convocatoria dunha Asamblea Cidadá galega para renovar órganos e documentos, e sobre todo, para que prodúzase un máis que necesario debate de ideas e de proxectos políticos en clave de país, tan necesarios para afrontar en condicións os retos electorais que están por vir. Entendemos que nestes últimos meses déronse acontecementos políticos de calado no eido estatal, que puideron postergar no tempo a Asamblea Cidadá, pero Galicia xa non pode agardar máis.

Non me gustaría que esto se vise coma unha crítica feroz e destructiva contra o meu propio partido, polo que é de xustiza recoñecer tamén os acertos, coma a defensa da nosa compañeira Paula Quinteiro ante os inxustificados ataques da prensa e de certo sector de En Marea, e ligado a esto último, a proposta de reformulación do espazo de confluencia co retorno ao espíritu de Mazarelos, aínda que esta última declaración non fora acompañada de iniciativas concretas; e por suposto recoñece-lo traballo das nosas parlamentarias, que se deixan a pel a diario nas institucións.

A Asamblea Cidadá non vai contra ninguén, non é un revocatorio, simplemente é unha necesidade, unha ferramenta a nosa disposición para non chegar ás eleccións nunha situación de desventaxa, tanto fronte aos nosos adversarios coma de cara aos nosos socios. Se realmente queremos que se recoñeza o peso específico de Podemos na confluencia é indispensable acometer primeiro un debate interno, aprazado xa por moito tempo. Quen verdaderamente crea que o seu proxecto político e a súa xestión son os mellores, non deber de ter medo de darlle a voz ás bases; así o fixo o propio Pablo Iglesias, adiantando o segundo congreso de Vistalegre cando desde algúns sectores cuestionábase o seu proxecto, ese é o ADN de Podemos, confiar na xente.

Falábamos ao comezo da volatilidade dos escenarios políticos nos últimos anos. Acabamos de asistir a como Rajoy pasou en nove días de aprobar os orzamentos e prácticamente blinda-la lexislatura, a ser desaloxado do goberno, hoxe anda por Santa Pola; pois da misma maneira o goberno de Sánchez pode caer en calqueira intre, sobre todo despois do novo posicionamiento do PDCAT, que ameaza con forzar un adianto electoral que non é para nada descartable. Podemos atoparnos cunhas eleccións xerais a finales deste mesmo ano, e se iso acontecera, en Galicia tanto En Marea como Podemos Galicia están xogando á ruleta rusa e coa casa sen barrer. Coma votante do primeiro e coma militante do segundo, preocúpame moito chegar a ese escenario nunha situación coma a actual, onde algunhas enquisas colócannos sete puntos por debaixo do PSdG, pasando de 5 a 2 diputados no Congreso.

Por conseguinte, a conclusión é, que tanto Podemos Galicia como En Marea, deben acometer sen dilación os seus procesos internos de reflexión, debate, confrontación de ideas e proxectos e renovación político-organizativa; mellor fácelo agora que se pode, para non ter despois que laiarnos dunha debacle electoral en Galicia, por seguir coa táctica do avestruz e de deixar corre-lo tempo ata que os problemas soluciónense por si sós.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.