O veciño cambiamarcos

En todos os pobos de Galicia sempre hai un “ cambiamarcos”, sempre hai alguén que se dedica a aumentar o tamaño das súas parcelas movendo as sinais que as delimitan e apropiándose dun terreo que non lle pertence de forma ilegal.

A actual dirección de  EnMarea está a actuar dunha forma moi similar. Mediante acordos difíciles de explicar modificaron o límite autonómico para o cal fora creado o partido instrumental e comezárono a utilizar como un partido “estandard” que pretende extenderse no municipal e presentar a súa marca en todos aqueles concellos nos que lle sexa posible.

Este feito, que rompeu co acordo asinado polas forzas do cambio en Galicia no 2015, a proximidade das eleccións municipais e a actitude  desafieante ou mesmo prepotente do Consello das Mareas, que chegou ao extremo de apadriñar unha marea contra un goberno do cambio como é Ferrol En Común, precipitou os acontecementos e xa non se esconden as diferenzas.

O último plenario de  EnMarea mostraba, con apenas 200 participantes, que a actual dirección só se representa a si mesma. Podemos Galicia,  Esquerda Unida,  Anova, Marea Atlántica, Marea de Vigo, Ferrol En Común, Compostela  Aberta, Ourense En Común e ducias de agrupacións  municipalistas que participaron activamente na creación do partido instrumental, enchendo a rebordar o auditorio Mar de Vigo, están agora fora do proxecto.

Todas estas formacións dixeron basta ante unha deriva autoritaria que consideran, non sen razón, completamente inaceptable e por iso mostran agora en prensa o seu malestar, un malestar que leva tempo sendo transmitido de forma interna sen resultado algún.

EnMarea cambiou os marcos, rompeu a convivencia e os  seus linderos, tras un tempo de paciente espera e vergoña allea, cansáronse de perder terreo en favor de alguén que antes consideraban o seu veciño. Agora todas as forzas do cambio están unidas denunciando a situación e, seguramente, recuperarán as súas propiedades nun futuro próximo.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.