0 Gardados para despois

Daniel Lago Leirós

A “uberización”

Pois iso, estamos a vivir nun proceso de “uberizaçión” da nosa sociedade. E nestas levamos xa un tempo. A rebaixa de salarios, a rebaixa de dereitos sociais e laborais, xunto a un proceso parelho no tempo de concentración de capitais está a levar a un outro modelo de relacións laborais, a un outro modelo de traballo. Estes días ollamos como o sector da taxi está a sacar á rúa as protestas contra estoutro modelo que damos en chamar da “ uberización” e que afecta non en exclusiva ao servizo de transporte público.

Uber e Cabify entran nun mercado profundamente ríxido, onde as normas e os números “ clausus” ata o de agora relativizaban a competencia o que permitía que o taxi seguira a ter unha función de servizo público. O problema destas novas formas de negocio afecta profundamente a esta parte de servizo público que monopolizaba dalgunha maneira ata o de agora o taxi.

Tanto Uber e Cabify veñen a quebrar a utilidade social que si que tiñan os taxis como transporte público e deitan por enriba da mesa a exclusiva lóxica do mercado. Neste sentido, estas empresas non loitan por instalar o seu negocio en Negreira, en Samos ou en Mondoñedo, alí non teñen mercado.

Unicamente proxectan o seu plano de negocio alí onde maximizam os seus beneficios. No fondo, é a lóxica do mercado sobre a que actúan deitando fóra calquera consideración sobre o uso social do transporte de pasaxeiros. Nestas vilas de pequeno tamaño o taxi leva aos anciáns ao médico, leva aos nenos e nenas aos centros de ensino ou leva ás xentes ao centro da vila para facer as súas compras.

Isto escapa á lóxica do mercado, isto non é para un mundo que camiña para a “uberización”. Xa non quero entrar no modelo fiscal e de tributação; ou máis ben a falta dele; destas empresas, tampouco vou entrar no seu modelo de explotación laboral. Unicamente, esta reflexión sobre o que significa o taxi, debería servir algo para que parásemos a pensar sobre o seu significado dentro da nosa sociedade e da necesidade real e social de manter e soster este sector.

Estamos nu mundo que camiña cara a “uberización” do modelo económico, un modelo que no fondo é contrarío ao principio de igualdade e de equilibrio territorial, un modelo que levan desfacendo desde finais do século XX co novo modelo de centralización das políticas e da mesma forma política do estado. Sobre o suposto argumento da ineficácia económica toma forza o lema da “ España es una y no cincuenta y una”. Esquecemos que como xa falou o que fóra ministro de economía, Carlos Solchaga, de que se queremos democracia, temos que saber que a democracia é cara.

Causa sorpresa ver tamén como este modelo de sociedade de baixos dereitos é defendido desde certos sectores da esquerda; aquela máis urbana e máis “ hipster”; e da dereita política, fronte aquel mundo moito máis custoso que representa unha viaxe en taxi. Se ben, ninguén reclama o servizo social do mesmo, e tamén con iso o seu sobre-custo fronte outras alternativas que non asumen estas, que podemos dar en chamar, externalidades e que si afrontam os taxis.

Sorprende nesta “ uberización” da sociedade, ver como certa esquerda está do lado das novas empresas, co seu modelo laboral de baixos dereitos, a súa nula función social no sentido máis intenso do termo e as súas tarifas “on- demand”. Tamén coinciden neste tema con aquela xa famosa frase: “es el mercado amigos”. Nestas camiñamos, desmontando servizos públicos e algúns aplaudindo coas orellas.

Publicidade

Acerca de Daniel Lago Leirós

Secretario Nacional programas e estudos políticos. Compromiso por Galicia.