O alcalde de alcaldes

Quero pensar que foi un exceso de micro, un quentón do momento, pero sei que non. Por desgraza é a liña de traballo do Sr. Caballero, un populismo chic misturado con unha alta dose de localismo. Debe ser obriga do Alcalde de Vigo, para xustificar o salario actuar de teloneiro nas festas e actos varios do Concello, sempre ben recollido en vídeo e sempre ben publicitado, todo pensado e todo rematado co mesmo mantra de “Viva Vigo, a mellor cidade do mundo” non pasa de ser anecdótico e algo cómico, pero cada quen pasa a historia como lle peta.

Mais recentemente, estes días, nun posible quentón, o Alcalde de Alcaldes, Presidente da FEMP facía un anuncio preocupante polo contido e triste polo mensaxe. Viña a decir que só os vigueses, no 2019, terán acceso ó recinto de pago de Castrelos nos concertos. Folga decir que isto é de todo anticonstitucional, esa mesma constitución que este alcalde ensalza e predica nos medios cando quere. Tamén cómpre aclarar a este show man da política que o resto do mundo tamén traballa e que as cidades precisamente viven en boa parte das achegas da xente que as visitan. Na súa rancia forma de potenciar a súa imaxe, con un localismo de libro, que deixa a Paco Vázquez como un parvo. O único que fai a longo prazo e danar a imaxe da Cidade Olívica, que como porto de mar sempre foi de acollida e de bo trato á xente que se achega.

Axitar constantemente a bandeira da demagoxia e a bandeira do localismo soe ser perigoso, e a mostra é que Caballero, no seu mesmo partido, non ten influenza fora de Vigo, leva xa tres primarias perdidas, por algo será. O que o PSOE ten que valorar é se este é o mensaxe que quere para o Presidente da  FEMP, na miña humilde opinión debe ser destituído e propoñer un representante con maior capacidade de inclusión xa que representa a todos os mandatarios locais do Estado. Probas da súa nefasta xestión localista xa as teñen con sentencia incluída contra o Pass Vigo.

Vigo é o que sempre foi, unha cidade na que ninguén é estranxeiro, un porto que sempre trata ben a xente, unha fermosa cidade atlántica con forte identidade que se é axitada na dirección non axeitada pode producir a longo prazo un dano irreparable, para Vigo e para Galicia. É preciso para ser bo rexedor estar en grella sempre cos Concellos veciños? Incluso coa veciña cidade de Porto? ou pola contra un rexedor listo e moderno aproveitaría a sinerxías?

Non precisamos máis populistas, temos de abondo, espero que soamente fose un quentón provocado pola masa  e o micro. Pero tamén pode ser un resentimento, dun político que cando optou a dirixir Galicia tivo o peor resultado da historia do seu partido, ás veces o resentimento é un motor importante. Quen sabe.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.