0 Gardados para despois

Marta Rodríguez Engroba

O delito de ser vulnerable. Eu tamén son culpable

Desafiuzamentos, persoas en risco de exclusión social, outras que un bó día, cando alguien se decide a dar a voz de alarma despois de moito tempo sen que ninguén as vote de menos, son atopadas mortas nos seus domicilios nunhas condicións lamentables….

Estas son tan só algunhas das novas que case cada día aparecen nos medios de comunicación, amosando as veces, ademais, as miserias de moitas persoas as que, nin siquera cando a súa insostible situación as leva a perder o único que a duras penas conservaban, a vida, se lles otorga un derradeiro respecto nin o dereito a dignidade mais elemental.
Cada vez que unha nova destas xurde, a sociedade vota as mans a cabeza, pregúntase como se pode chegar a semellante situación, e mesmo critica a vítima dela e a fai responsable porque, dalgún xeito, din, provocou as consecuencias que agora se fan visibles.

Ningúen semella pararse nin  por un segundo a pensar que isto é algo que nos pode ocurrir a calquera, por moi impropable que nos parezca, e a min cada vez me resulta mais difícil, por non dicir xa imposible, conter a carraxe que me produce escoitar a todos eses bos samaritanos que falan, que se conmoven ante as traxedias que suceden lonxe,  erixíndose mesmo en abandeirados delas, xa que non lles implican mais molestia que solidarizarse de boca para fora, pero que ignoran totalmente a dor de quen teñen ao seu carón.

Pensan, ademais, que hai un perfil de persoa que está abocado a chegar a tan precarias, cando non tráxicas situacións, algo totalmente falso, e por eso, porque xa non podo aturar esa carraxe, porque cada vez sinto mais necesidade de berrar que eso é falso e que non hai dereito a xulgar a ninguén, e menos ainda se non se fixo absolutamente nada para axudar, preciso, é mais, penso que teño a obriga moral de contar que eu tamén son vulnerable e que a min, como a tanta xente, tamén me culpabilizaron, e ainda me culpabilizan por selo.

Eu, como moitos sabedes, fun vítima de violencia de xénero, historia que non vou repetir, porque non é, ademais, distinta a de tantas e tantas mulleres.

Toda a miña vida se convulsionou ante tal inferno e se veu, literalmente, abaixo. Un negocio que non podía atender porque os ciumes compulsivos e o control excesivo do meu verdugo o facían imposible, así como ter que facerme cargo de todos os gastos, xa que non convivía tan só con un maltratador, senón con un auténtico chupóptero, que non soamente non tiña nin o menor escrúpulo en vivir de min, senón que me deixou sobradamente claro que o sinxelo feito de protestar por isto podería custarme a vida, foron o caldo de cultivo perfecto para un quebranto económico que implicou un xugo que ainda hoxe, tantos anos despois, levo enriba, e do que sei que xa nunca me verei libre.

As dificultades para facerlles fronte aos pagos eran cada vez maiores.

Cando por fin conseguín liberarme de semellante malnacido, a situación era xa tan grave que, nin sabía como sair dela, nin, sinceramente,  tiña forzas para facelo. Era un auténtico guiñapo sen vontade. Ademais, tampouco podía pedir axuda a ninguén, porque ante o mínimo intento que fixen, as únicas respostas que obtiven foron reproches e lembrarme que ninguén decente se ve nunha situación tal. Tiña, dicían, o que merecía, nin mais, nin menos.

Cometín tamén o que agora sei que foi un terrible erro. Tentaba por todolos medios que meu fillo non se decatara do extremo ao que chegáramos, polo que ía trampeando como podía….e ata onde puiden.

As débedas ían medrando, os traballos que atopaba eran en condicións moi precarias, e os resultados non se fixeron agardar.

Eu, como tanta desa xente que sae nos xornais, cheguei a carecer do mais elemental. Meu fillo, un neno entón, mais eu, sabemos moi ben o que é non poder facerlle fronte a unha factura da luz, a contar ata a última das moedas para mercar o mais imprescindible, e convertímonos en auténticos expertos en agochar a nosa precaria realidade, realidade que as veces non podíamos evitar que os mais achegados sospeitaran, pero a única resposta que obtivemos sempre foi desprezo e recriminiacións hacia min.

Todo isto derivou nunha execución hipotecaria, que nos deixou na rúa, e serviu, unha vez mais, para que moita xente “decente” me sinalara, e se permitirá o luxo de xulgarme e mesmo de dicir que “era visto” ou “a saber en qué andaría”.

Non me da vergoña admitir que cheguei a pasar necesidade mais dunha vez, porque hoxe teño moi claro que ninguén ten que sentila por ser vítima, por ser vulnerable, e, todo hai que dicilo, porque teño un fillo fantástico, inmenso, diría eu, que me ensinou que non só podo, senón que teño a obriga de ir pola vida coa cabeza ben alta. 
Hai xa bastantess anos disto, pero as pegadas fican, e ficarán xa para sempre, porque para sempre tamén estarei xa estigmatizada.

Nunca poderei, por exemplo, solicitar un crédito, independentemente do que chegue a gañar. Tampouco é posible para min algo tan sinxelo como contratar unha liña telefónica, porque fun, son e serei, oficialmente morosa xa para sempre.

Menos ainda alugar un piso, porque os meus antecedentes de desafiuzada me preceden, e xa se sabe, os que mal andamos, mal acabamos. Mercar algo a plazos é algo impensable, porque o só feito de tentalo e dar os teus datos implica que vai saltar a alarma. Tampouco perdoa un sistema que dín pretende axudar aos mais vulnerables,  pero que para acadar, por exemplo, unha vivenda en réxime de aluguer, esixe, como requisito imprescindible, un expediente impoluto de débedas con organismos ou institucións, algo moi complicado e prácticamente imposible en alguien que chegou a unha situación tal, organismos e institucións, ademais, que sempre estarán ollo avizor, pasen os anos que pasen, e que, ante calquera fonte de ingresos, non dubidaran en “agasallarte” con embargo tras embargo.

Dito doutro xeito, a vulnerabilidade págase cara, e, a maioría das veces, é unha débeda que nunca remata nin prescribe.

No meu caso, como digo, pasaron os anos e, a día de hoxe, resulta moi curioso como, deixando claro o seu fariseísmo, moita desa xente que me faltou ao respecto, que me xulgou créndose con dereito a facelo, hoxe din seguirme na miña labor, e son todo sorrisos e afán por saudarme e facerse ver ante unha sinxela aparición miña nun medio de comunicación….Xa non son tan desprezable!. Esa é a súa miserable escala de valores.

Igual, se chegan a ler este artigo, me condean de novo, porque lamento dicirlles que, malia todo, sigo sendo vulnerable, polo tanto, sigo sendo culpable…..como poden chegar a selo calquera deles!.

Acerca de Marta Rodríguez Engroba

Presidenta da asociación lucense Si, hai saida contra a violencia machista