Unha Renda Básica para combater o fascismo

Vivimos uns tempos nos que o fascismo e os gobernos populistas da dereita máis reaccionaria están a penetrar na vida política europea. Temos o caso italiano, con Matteo Salvini como ministro de Interior de Italia; a ultradereita austríaca do FPÖ controlando a metade das carteiras ministeriais; Marine Le Pen chegando á segunda volta das eleccións presidenciais francesas; o partido filonazi Alternativa para Alemania irrumpindo con forza no Bundestag e na maioría de parlamentos rexionais; o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orban, violando todos os acordos internacionais en materia de dereitos humanos en plena crise dos refuxiados; a ultradereita populista holandesa de Wilders xa é a segunda forza no país e o goberno polaco liquidando a separación de poderes.

A loita para ocupar o espazo da dereita española está levando a PP e Ciudadanos a mostrar un discurso que lles achega a posicións que antes eran residuais e estaban representadas por partidos de ultradereita

E namentres no Reino de España, a dereita do Partido Popular e Ciudadanos perde o goberno grazas a unha moción de censura e deixando un panorama desolador. Os datos demostran a inseguridade na que viven moitas persoas no Estado: O 14,8% dos fogares están por debaixo do umbral da pobreza, España é o segundo país pola cola da OCDE no que os salarios reais baixaron máis e o sétimo en traballadores pobres, incluíndo a países que non son membros da OCDE como China, India ou Brasil.

Poderiamos pensar que estas cifras deberían supoñer un cambio político cara posicións progresistas que reduzan as desigualdades existentes, máis o que está a pasar no resto de Europa (exceptuando algúns países como Portugal) lévanos a pensar que non vai pasar tal.

O 14,8% dos fogares están por debaixo do umbral da pobreza, España é o segundo país pola cola da OCDE no que os salarios reais baixaron máis e o sétimo en traballadores pobres

A loita para ocupar o espazo da dereita española está levando a PP e Ciudadanos a mostrar un discurso que lles achega a posicións que antes eran residuais e estaban representadas por partidos de ultradereita. O odio contra as persoas migrantes, a culpabilización das persoas en situación de pobreza, a desaparición de dereitos sociais e a eliminación do Estado do Benestar serán o resultado do retorno da dereita ó poder.

E como poderiamos evitar que en España goberne a ultradereita populista? Como evitar que unha cidadanía cada vez máis empobrecida deposite a súa confianza en partidos que fomentan o odio ó diferente e fan falsas promesas de recuperación a costa duns dereitos obtidos co sangue e suor de moita xente que loitou por eles?

Debemos seguir confiando no emprego como medio de inserción social cando o desemprego xa se converteu nun elemento estrutural deste sistema que non garante unha vida digna?

A situación de inseguridade na que se atopa a clase traballadora pode levar á aparición do que chama “monstro político”, que xorde co neofascismo e os populismos de extrema dereita

Como di Guy Standing, profesor da University of London, a situación de inseguridade na que se atopa a clase traballadora pode levar á aparición do que chama “monstro político”, que xorde co neofascismo e os populismos de extrema dereita. Temos algúns exemplos deste citados no primeiro parágrafo. Por este motivo, o Estado debe prover unha rede de seguridade en forma de dereito social que garanta a existencia material da cidadanía. Esta rede de seguridade é a Renda Básica Incondicional.

A Renda Básica Incondicional é unha das medidas do Estado do Benestar, quizais a máis relevante, que é capaz de eliminar a pobreza dende o primeiro momento, xa que proporciona unha asignación monetaria igual ou superior ó limiar da pobreza.

O Estado debe prover unha rede de seguridade en forma de dereito social que garanta a existencia material da cidadanía. Esta rede de seguridade é a Renda Básica Incondicional

Imaxinemos que o medo a perder o traballo por non aceptar salarios de miseria xa non existe. Que temos poder de negociación para que a patronal pague salarios dignos. Que diminúen os problemas de saúde mental relacionados coa pobreza. Que o argumento da dereita de que os inmigrantes vannos quitar o pouco traballo que queda xa non funciona. Todo iso será posible cunha Renda Básica Incondicional.

O auxe do fascismo debe ser o motor dunha cidadanía organizada que poña a Renda Básica Incondicional na axenda política co obxectivo de fomentar o debate e estudar as posibilidades de implementar esta medida. De non ser así, imos cara unha sociedade dominada polo odio, a intolerancia e sumida na máis profunda desigualdade.

Imaxinemos que o medo a perder o traballo por non aceptar salarios de miseria xa non existe

As persoas que conformamos os diferentes colectivos que promoven a Renda Básica Incondional en Galicia estamos convencidas de que esta idea chegará, pero está nas mans da cidadanía decidir cando. Falamos?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.