0 Gardados para despois

Xosé Manuel Sarille

A mala vida como sinal de identidade

A  lingua, a economía, as vicisitudes militares, os movementos populares, a vontade de ser, sobre todo a vontade de ser, e tantos outros factores, configuran unha nación e as súas características diferenciais. Non todos son bonitos, nin exemplares. Os perfís brutais e destrutivos destilan moita información. E marcan o carácter. Ao cabo son parte do comportamento colectivo. O xeito de vivir o vicio, de cometer os crimes, de drogarse, de comerciar coas mulleres, de practicar o incesto, de atormentar, de matar ou de incorporar a ese fluxo social pestilente pulsións prohibidas como a homosexual e a transexual, advirten do tipo de sociedade. 

Desde o comezo do industrialismo e sobre todo desde que Madrid e Barcelona se converten en cidades grandes, tais expresións difiren substancialmente nas dúas urbes. Falando dos barrios baixos, dos barrios negros como se lles coñecía, Roberto Castrovido di no periódico El Escándalo, en 1926, que hai algo exótico e cosmopolita en Barcelona, unha cidade porto de mar e que todo é máis fosco en Madrid, onde  predomina a tosquedade e o indíxena. A cotra e a miseria son iguais nos dous lugares, pero  nos detritos sociais dunha e doutra poboación márcase tamén a diferenza de “ethos”, a mesma que encontra Ortega y Gasset entre Italia e España, di Castrovido. O filósofo separa o levantino do español e o xornalista conclúe que aí está a chave para a comprensión. É dicir, que o Mediterráneo é un medio de unión e non de separación, de civilización por tanto, mentres que a a Cordilleira ibérica distancia, impide a influenza do mar, illa  e obtura.

Un casticismo chato predomina en Madrid. Moito tinto de Valdepeñas, maneiras rústicas de matar ao xeito de Luís Candelas (e non por iso máis brutais), picaresca castellana, touros, tabernas de azulexos, modistiñas resabidas e sexo con criadas. Nos anos vinte entran novos vicios, até se fuma opio e se baila en dancings, pero varía o externo, sen grandes modificacións de fondo.

A revista Crónica di nos anos trinta que o barrio chino barcelonés aprendía de Marsella, de Orán, de Nápoles, de Ámsterdam, de Hamburgo. Diñeiro a moreas coa guerra do 14, cupletistas e cocós. Para algúns dos que o visitan todo é horríbel e vomitivo, pestilente, con tipos patibularios, navalladas e jeunes filles; para outros é fame, desgraza e asasinos. Pero entre os infinitos visitadores, todos como hipnotizados, está a boa sociedade, inclusive os do  seu vértice, por exemplo Miguel Primo de Rivera, ditador de España, canallla e putañeiro. E Manuel Portela Valladares, político galeguista, primeiro ministro, que forma parte da sociedade aristocrática barcelonesa, gobernador civil da cidade e administrador da Generalitat, ao ficar suspendida no ano 34 polo artigo 155 da época. O alcume de Portela entre as prostitutas de Pontevedra é Caralla rampante. Lémbrao o historiador José Antonio Durán en Dietario de dos guerras, ou quizás no estudo das Memorias do estadista. Portela saíu nunha ocasión do barrio chino disparándolle a un pistoleiro que o quería matar e que o feriu levemente, levantándolle o coiro cabeludo cun balazo.

Publicidade

Acerca de Xosé Manuel Sarille