Segundas lecturas

Tiña en mente estes días escribir unhas liñas onde desmiuzase e fixese unha diagnose da situación que está provocando o real decreto aprobado polo PSOE para levar a cabo o desafiuzamento do “Generalísimo de todas las Españas”. E digo tiña en mente, pois ao final e visto que xa se ten feito e dito de máis sobre este tema, ultimamente párome a intentar dar unha segunda, e inclusive, unha terceira lectura do que se está a enfocar. Ou do que pretenden que enfoquemos.

Cando estudei psicoloxía tiven unha mestre na materia de atención e emoción que nos explicou no seu momento de maneira moi, pero que moi clara o que era a atención selectiva, a focalización de dita atención e de como dita focalización se podía manexar ao noso gusto só con ser un pouco áxiles a hora de saber cara onde dirixir e conducir a atención da persoa que pretendiamos focalizar. Non me estenderei de máis na explicación, só dicir que nos puxo un exemplo de un mago, público e un mazo de naipes. Estes días acórdome moito de aquel símil.

Pois tal é, salvando as distancias, que o público somos nos a cidadanía española. O mazo de naipes é o real decreto, e o mago en este caso por raro que pareza é o PP. E por que @s populares e non @s socialist@s  que son @s artífices do tan controvertido real decreto? Pois sinxelamente por que quen está a focalizar a nosa atención en algo distinto ao que teriamos que ter nos tódolos sentidos e toda a atención posta son os/as dirixentes do PP, e o PSOE en este caso fai de esmerad@ axudante (con o sen intención non o sei, a verdade).

Estase creando tal rebumbio e estáselle dando tal importancia a un tema que realmente se tiña que haber feito xa fai tempo inda que só fose por xustiza as familias das persoas falecidas a consecuencia da Guerra Civil e en homenaxe as vítimas da contenda, que está servíndolle ao PP e ao sr. Casado para desviar a atención dos problemas que a día de hoxe seguimos a ter o resto da cidadanía. Esta cortina de fume creada polo PSOE, aproveitada polo PP, só serve para distraernos do que realmente tiñan que haber feito @s segund@s e que seguen sen facer @s primeir@s.

Seguimos a ter as pensións máis baixas de Europa, a débeda pública incrementouse no segundo trimestre de este 2018, a reforma laboral sigue en espera e o traballo é na súa maioría precario, déronse por perdidos os 60.000 millóns do rescate da banca, servizos como sanidade, educación ou investigación reciben menos orzamentario que servizos como defensa, seguen a rescatar empresas amigas, seguen as portas xiratorias, os prezos da vivenda seguen a subir, o IPC segue a subir, as exportacións están en máximos históricos o cal indica que o déficit comercial sigue en negativo, ...e se non tivésemos bastante do que preocuparnos, pois resulta que caladamente nos últimos meses subiu o imposto da luz, subiu o prezo do diésel, subiu a cota de autónomos, subiu o imposto de sucesións,...

E entre PP e PSOE intentan que nos, a xente de a pe, nos centremos en outros temas. Non so o do desafiuzamento do pequeno de Ferrol, senón que tamén saltan a palestra temáticas como a migración, o independentismo, os manteiros, a “valla”, etc. Temas e problemas, problemas por non ter solución as veces e outras por non querer darlla, que xa tiñamos antes, que non son cousa nova e que conviviamos con eles e se lle intentaba dar solución ao igual que agora. Solucións ineficaces certo é. Máis non son agora nin máis vixentes e graves que o eran antes e que xa estaban aí por desgraza.

Entón de todo este monotema que nos levan informando dende fai xa varios días pouco ou nada hai que dicir xa que non estea dito. Pero a cidadanía, nos, temos que ser conscientes de que hai que facer unha segunda lectura de todo o que está a acontecer. Seguimos a ter os mesmos problemas, senón máis, que tiñamos antes. E temos que seguir a demandar solucións, pois para iso están aí @s nos@s dirixentes: para dar solución ao pobo, para velar polos seus dereitos e poñer as administracións ao servizo da xente.  E está ben que certas cousas se teñan que facer por que non era sen tempo facelas, pero non podemos esquecernos  do que realmente viñamos demandando e que por non lle dar inda solvencia, pretendan desviar a nosa atención focalizándoa en outros temas.
Temas que non hai que restarlle importancia, pois si a teñen, pero é bo recordar tamén que en España hai xente que segue a demandar pan, teito e traballo. Unha vida digna.

Os partidos políticos non deben esquecelo. E non deben pararse en feitos que xa se tiñan que haber consumado se a democracia houbese sido efectiva no seu comenzo. Pois o que en este caso queren facer é quitar os restos do franquismo do Valle de los Caídos pero me parece que tamén había que quitar eses restos da sociedade, do parlamento, do senado, dos partidos políticos, das institucións....entón si que poderiamos falar de democracia e dos problemas da xente do común. Sen trucos. Sen distraccións e con toda a atención que a xente se merece.

Eu doulle esa segunda lectura e non creo que me trabuque...

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.