O mercado non ten memoria

O 15 de Setembro de 2008, Lehman Brothers -unha emblemática empresa financeira creada na metade do século XIX- desaparecía formalmente, afundida pola crise que comezara un ano antes no seo do universo económico dos USA.

Case 30 anos antes -o día 30 de Outubro de 1987- aparecía publicado no xornal El País un artigo –“A loucura de 1929 repítese”- do economista John Kenneth Galbraith para comentar o derrube que se tiña rexistrado naqueles semanas no mercado de Wall Street.

A pesar da distancia temporal, a lectura daquel artigo resulta moi reveladora da lóxica coa que opera o sistema económico dominante. Repasemos algunhas das afirmacións realizadas polo profesor canadiano: "A historia repítese en asuntos financeiros, por unha especie de sofisticada estupidez.(...) En Outubro de 1987, igual que no Outubro de 1929, descubrimos ate que punto as xentes creron cegamente no mito do mercado.(...) A memoria financeira dura uns 10 anos.Este é aproximadamente o intervalo entre un episodio de sofisticada estupidez e o seguinte”.

Galbraith non formou parte da corrente de economistas de tradición marxista e mesmo foi considerado, en ocasións, como un exemplo de liberal norteamericano (pais onde desenvolveu a maior parte da súa actividade como pensador e profesor). Porén, o contido desas breves reflexións emitidas en 1987 certificaban dúas realidades relevantes:a persistencia dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos Estados Unidos. Se Galbraith estivera vivo podería repetir os argumentos básicos do seu diagnóstico para descreber o sucedido a partir do outono de 2007.

Gobernan a economía –e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas- grupos que non se presentan ás eleccións mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais

Cando se trata de explicar o que pasou nestes últimos anos existe unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:
a) Política de préstamos demasiado permisiva por parte de certas entidades financeiras e presenza de produtos financeiros cada vez mais complexos e descontrolados.
b) Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control das mesmas.
c) Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.
d) Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez:os propios bancos non obtiveron recursos nos mercados financeiros e solicitaron axudas aos gobernos para non desaparecer.
e) Translación da crise ao conxunto da economía:os bancos reduciron e/ou encareceron os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.

Os impactos concretos da crise nos distintos territorios tiveron, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía. No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción e a importante dimensión do turismo provocaron efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica. O forte endebedamento das familias e das empresas acumulado durante os anos da expansión –e mais importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas- constituíu unha debilidade estrutural que penalizou seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.

As coincidencias na descrición do sucedido desapareceron no momento de formular criterios e propostas para saír da crise. Houbo dous grandes ámbitos nos que se concentrou a diverxencia. En primeiro lugar o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal. Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son as novas divinidades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos. "A reacción dos mercados": velaquí a frase mais repetida nos últimos anos e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas. Gobernan a economía –e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas- grupos que non se presentan ás eleccións mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.

Polo que estamos vendo, a dereita europea segue gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos

Outro campo para o desacordo localizouse na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de hai unha década. Reapareceu, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclamaban unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulaban que a factura fose asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida.

A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE –primordialmente os que integran o núcleo de maior poder relativo nesta arquitectura institucional- están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”. Polo que estamos vendo, a dereita europea segue gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.