Solidariedade europea e necesidade de rescEU

rescEU creará unha 'rede de seguridade' que establecerá, a nivel da UE, un número de capacidades operativas propias de protección civil ben definidas, como avións de extinción de incendios

En ningún dos últimos anos houbo tantos incendios forestais devastadores en Europa como nos veráns de 2017 e 2018. Estas catástrofes estiveron marcadas pola morte de decenas de persoas, por miles de hectáreas de bosque queimado e pola destrución e evacuación de poboacións, non só nos países do sur, como España, Portugal, Grecia, Francia ou Italia, senón tamén no norte do noso continente, como en Suecia, Letonia e o Reino Unido. Bombeiros e voluntarios valorosos loitaron contra as chamas e contra o tempo, e a tempada de incendios forestais de 2018 aínda non terminou.

Hai unha conclusión clara: o cambio climático é real. É a nosa nova realidade, que non só intensificou o impacto dos incendios forestais nas rexións máis propensas a padecelos, senón que os provocou en zonas nas que non se produciron ata a data.

Ningún país é inmune a esta nova realidade e ningún pode facer fronte a estas catástrofes naturais en solitario. Para responder a estes retos sen precedentes necesitamos unha formulación colectiva. Temos que ser audaces e estar mellor preparados. Temos que reforzar o sistema europeo de protección civil, o Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea, e mellorar a nosa solidariedade.

España solicitou axuda a través do Mecanismo de Protección Civil da UE tres veces desde 2006: para loitar contra incendios forestais en 2006 e para facer fronte á contaminación mariña en 2007 e 2011

España solicitou axuda a través deste Mecanismo tres veces desde 2006: para loitar contra incendios forestais en 2006 e para facer fronte á contaminación mariña en 2007 e 2011.

Pero máis que un receptor de axuda, España proporcionou axuda aos demais e foi un actor europeo clave no ámbito da protección civil:

España é o segundo Estado membro en canto a capacidades ofrecidas á 'reserva común voluntaria'.

España mostrou gran solidariedade axudando a outros países a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil, tanto dentro como fóra de Europa: Israel (2016), Chile (2017), Portugal (2017) e hai un par de meses, Grecia (2018).

En particular, foi exemplar o apoio que España ofreceu a Portugal, este ano e o pasado. España é, sen ningunha dúbida, un activo socio europeo na protección civil.

Este ano realizamos, a través do Mecanismo, o maior despregamento de capacidades ata a data para axudar a Suecia a combater os incendios forestais. Desde o momento en que solicitou axuda, o 16 de xullo, Suecia recibiu un apoio rápido de Italia, Francia, Alemaña, Lituania, Dinamarca, Polonia, Austria e Portugal, que ofreceron asistencia á loita contra incendios por terra e aire, na que foi a maior operación de protección civil europea contra incendios forestais da última década e a máis importante en termos de despregamento de persoal.

Aínda que é moito o que o Mecanismo de Protección Civil da UE conseguiu, trátase dun sistema baseado en contribucións voluntarias dos Estados membros que alcanzou xa os seus límites, posto que, debido en grande parte ao cambio climático, as catástrofes multiplícanse e intensifícanse. A miúdo temos que facer fronte a múltiples crises en varios países ao mesmo tempo e, por iso, os Estados membros non sempre poden prestar asistencia a outros Estados membros nos momentos máis críticos, debido ás súas propias emerxencias.

O Mecanismo de Protección Civil da UE activouse máis de 100 veces desde 2014. Máis da metade dos 32 casos do ano pasado foron solicitudes de axuda contra incendios forestais

O Mecanismo activouse máis de 100 veces desde 2014. Máis da metade dos 32 casos do ano pasado foron solicitudes de axuda contra incendios forestais. Agora sabemos por experiencia que o sistema voluntario actual debe reforzarse.

Por esta razón a Comisión Europea presentou, en novembro de 2017, unha proposta para reforzar a capacidade de Europa de facer fronte ás catástrofes: esta proposta chámase rescEU.

rescEU é a nosa resposta para superar as limitacións do sistema actual e facer fronte ás consecuencias do cambio climático. É unha 'rede de seguridade' que establecerá, a nivel da UE, un número limitado de capacidades operativas propias ben definidas, como avións de extinción de incendios. Ao dicir 'a nivel da UE' refírome aos activos descentralizados nos Estados membros próximos ás zonas de alto risco, activos que só se despregarán cando o solicite un Estado membro.

rescEU baséase no noso sistema actual e complementará, non substituirá, as capacidades nacionais. Trátase dunha 'rede de seguridade' para circunstancias excepcionais.

Ao mesmo tempo, a UE achegará, a través de rescEU, máis incentivos financeiros para que os Estados membros reforcen as súas propias capacidades nacionais. Todo iso é unha clara mostra do valor engadido da UE, ao favorecer as economías de escala.

Pero rescEU non é só unha resposta, pois incide tamén na prevención e na preparación. Este é un alicerce central da nosa proposta, que para min é clave porque creo firmemente que a solidariedade ten que ir da man da responsabilidade nacional.

A través de rescEU estamos a pedir aos Estados membros que fagan da prevención e a preparación unha prioridade

A través de rescEU estamos a pedir aos Estados membros que fagan da prevención e a preparación unha prioridade. Todos os Estados membros deben desenvolver unha avaliación do risco e unha planificación de redución do risco coherentes, reforzando as súas capacidades de prevención e preparación. Para iso contarán co noso apoio e axuda porque rescEU pretende fomentar a cultura da prevención entre os Estados membros e en toda a UE.

España, como calquera outro Estado membro, non estará soa cando se produza o próximo incendio forestal ou outro desastre natural. A solidariedade europea está en marcha e a través de rescEU será máis forte. Isto é o que os cidadáns europeos esperan de nós: que demos un verdadeiro significado ao lema 'unha Europa que protexe'.

*Artigo de opinión de Christos Stylianides, comisario europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises publicado orixinariamente na web do Eixo Atlántico

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.