Un curso novo

Lembro con certa nostalxia o comezo de cada novo curso escolar. Inquietude, preocupación, ilusión, esperanza, nerviosismo… sensacións mesturadas coa renovación anual que significa acoller quendas de rapaces e rapazas novos, profesorado, novidades… que aproveitamos para comentar xunto co verán que se vai.

Hoxe, xa xubilado, vexo e sinto este momento dunha maneira ben distinta, con responsabilidades diferentes, perspectiva nova cando estou a piques de afrontar o último curso dun mandato iniciado en maio de 2015 cando Compostela Aberta se converteu na forza política máis votada en Santiago.

As miñas preocupacións desde a Concellaría de Educación e Cidadanía son outras. Certo que comparto os desexos de mellora da calidade educativa con tódolos sectores e suxeitos do complexo proceso que coñecemos como ensino-aprendizaxe. Porén, as competencias reais dun Concello -en materia educativa- son e están moi limitadas. Ás veces, con boa intención, tendemos a confundir as responsabilidades e demandamos melloras infraestructurais que son lóxicas nunha rede de centros que ten xa moitos anos e, polo mesmo, responden a modelos que están, certamente, obsoletos. Por iso recoñecemos que os espazos non son os que realmente necesitamos no século XXI, salóns de actos e de usos múltiples, parques infantís, comedores, aulas, laboratorios, medios técnicos e tecnolóxicos, ratios axeitadas, profesorado especialista… a pesares dos esforzos que se fan. Non son suficientes. Sabémolo ben. Mais a competencia para ter centros destas características corresponde integramente á Xunta de Galicia, dona das competencias plenas en materia de educación.

Os concellos, nas súas limitacións, abordamos o mantemento das instalacións, non os investimentos nas infraestruturas citadas, polo mesmo, non podemos intervir en asuntos alleos aínda que, ás veces, vémonos na obriga de facelo, directamente ou en colaboración coa Consellería, porque sentimos e queremos mellorar a calidade, na medida das nosas posibilidades.

Con todo, os recursos que dedicamos ó mantemento dos centros escolares, nos últimos anos, son moi relevantes, insuficientes, desde logo, pero debemos valorar o esforzo que significa de diñeiro público destinado a reparar parques infantís, aulas, fachadas, baños, carpintería de aluminio, e demais instalacións escolares, algo máis de 400.000€ que de maneira sostida no tempo vimos dedicando, cando menos, desde 2015, xunto con axudas que tramitamos dende o departamento de Políticas Sociais, para comedor e material, que multiplicamos exponencialmente como nunca se fixera neste concello.

Ademais atendemos puntualmente todas as urxencias e emerxencias que acontecen diariamente nunha rede de centros moi numerosa, complexa e variada, composta por 3 escolas infantís municipais, outras 4 consorciadas que tamén mantemos, 3 escolas unitarias, 13 colexios de Primaria, unha Escola Municipal de Música, o Centro de Interpretación do Medio Rural de “A Portela” en Figueiras, ou o Espazo Educativo e de Lecer “María Miramontes” coa Ludoteca de As Fontiñas. O que significa contratos de mantemento que van desde gas e electricidade, auga e as súas condicións, ate as alarmas e os extintores, pasando polos elevadores, a limpeza e a conserxería, as reparacións eléctricas, entre outras. Temas imprescindibles para que a calidade e o servizo público educativo sexa da máxima calidade.

Asegurar que todos estes elementos, empresas, espazos, funcionen, ó día, cada día do curso escolar, non é unha tarefa doada, desde un Departamento como o de Educación e Cidadanía que, para as persoas que coñecen a súa realidade interna, arrastra dificultades de persoal e de medios, especialmente pola conxugación de circunstancias inesperadas, excepcionais, que afectaron profundamente no seu funcionamento ordinario, en particular desde hai máis dun ano.

Con todo, apoiaremos proxectos e programas novos, algúns ampliados, como o “Vivir e Coñecer Santiago”, o Roteiro Funerario polos cemiterios de Compostela, os Concertos Didácticos, a Campaña de Animación á Lectura e os Premios de Álbums Ilustrados, ou os Educa Compostela, as celebracións do Día dos Dereitos Humanos ou o Escolar pola Paz, o Día Europeo da Música, O Festival Intercentros de Teatro ou o Festival de Danza. A finais deste mes colaboraremos cunha Mariña Seca no Obradoiro de Embarcacións Tradicionais Galegas cun folleto divulgativo e un programa de visitas escolares…

E poremos en marcha neste curso dentro do Plan de Igualdade, un Programa de Educación Afectivo Sexual naqueles centros que o desexen. E procuraremos convocar os órganos de participación, o Consello Escolar da Infancia, o de Convivencia Escolar e o Consello Escolar Municipal.

E publicaremos novas Unidades Didácticas que se sumarán ó amplo catálogo de publicacións do Departamento, unha titulada  In Memoriam, para traballar no Roteiro Funerario, outra sobre o Pórtico da Gloria e unha terceira sobre María Miramontes.

Non quero deixar de parabenizar a todos os axentes educativos, e fágoo con ilusión renovada neste novo curso, cos mellores desexos para as equipas directivas, tan importantes no funcionamento eficaz dos centros, ó profesorado, ás familias, ó alumnado, ó persoal non docente, para que, conxunta e colaborativamente, eduquemos, eduquemos, eduquemos, máis e mellor, cada día, tódolos días, coa ilusión, alegría e esperanza do primeiro.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.