Galego histórico

Constitúe un dogma do Reintegracionismo proclamar que a súa ortografía segue a escrita usada polo “galego histórico” –denominación errónea que empregan unicamente pró galego medieval e negan pró resto do galego non contemporáneo, aínda que tan histórico é o galego do s. XIV coma o do s. XIX–, e así o repiten os seus seguidores como mantra incuestionábel. Afirman que “o mais característico da norma Reintegracionista é o facto de recuperar e fazer uso da escrita histórica do galego, a escrita galego-portuguesa, que é a mesma que emprega o luso-brasileiro na actualidade” (O que é o Reintegracionismo?, web da AGAL). Coma se a norma ortográfica portuguesa actual adoptada por eles coincidise coa do galego medieval ou mesmo o portugués medieval, ou que o galego antigo tivese unha escrita uniforme e ademais que esta fose similar á usada polo portugués coetáneo. Segundo os seus promotores “o movimento reintegracionista mantém o rumo histórico em direcçom à integraçom da Galiza na comunidade internacional de países de expressom portuguesa” (Manual galego de língua e estilo, 2007).

É sabido –aínda que a miúdo omitido– que o noso idioma é unha desas poucas linguas que contan cun patrimonio escrito antigo, dende o s. XIII, se o comparamos co doutros idiomas, mesmo algúns oficiais da UE cuxos primeiros textos, de certa extensión, son de épocas máis serodias coma o s. XV para o maltés e o s. XVI para o romanés, o lituano, o letón, o finés ou o estoniano.

Porén, o galego escrito medieval, coma o resto das linguas da época, non posuía unha norma ortográfica, como as que teñen tódalas linguas estandarizadas modernas, e se escribía, por tanto, cunha gran variedade gráfica dentro da tradición latina da que procedía. Así e todo, si había unhas formas máis, e inclusive moitísimo máis, usadas ca outras, que nos permiten modelar un galego medieval prototípico en base a datos de frecuencia de uso nos textos conservados.

Por este motivo, cando dende o Reintegracionismo se afirma que seguen a tradición escrita do galego disinto ostensibelmente porque sen lle negar unha parte de verdade, si lla rexeito prá súa totalidade. En verdade, tanto a ortografía castelá da RAG coma a portuguesa do Reintegracionismo continúan usos do galego medieval nalgúns aspectos e arrédanse del noutros. Se consultamos o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega podemos obter, mediante a estatística, unha visión bastante certa sobor da nosa grafía medieval predominante:

Así o Reintegracionismo segue os usos maioritarios no emprego de B e V –tamén escrita como U–: alva/alvo, arvore, aver –case sempre sen H–, avondo, carvallo, carvon, cavalo, dever e deveda (con 173 rexistros fronte a 94 de devida e 20 de divida), erva, escrivir/escripvir –verbo esmagadoramente da terceira conxugación–, fava, fevereiro, gavian, governo, lavrar, livre, livro –pero só maioritario con V no s. XIII–, nuve –nunca acabada en consoante–, palavra, ravia (raiva só se rexistra nunha ocasión) etc., e o sufixo do Copreterito da 1ª conxugación: –va (amava, estavan, falavamos...). Mais tamén comete incorreccións ao usar “povo” por poboo, forma minoritaria no galego medieval –16 rexistros de “povoo(s)” fronte a 98 de “poboo(s)”– ou reivindicar o topónimo “Póvoa”, inexistente en galego, onde só se rexistra: Pobla, Pobra, Povra e Proba; “boda” por “voda”, forma esta maioritaria agás no s. XV; “névoa” só rexistrada unha vez  (neuoa) fronte á maioritaria “nebla/nebra”; ou “tábua” por “tavoa” etc. E incorreccións morfolóxicas no plural romance do sufixo latino –bile: cun singular maioritario –vel, mais un plural maioritario –veles, sen rexistro ningún do plural –veis/–beis.

Tamén no uso de C/Ç e Z o Reintegracionismo adopta os usos medievais maioritarios: açor, aduzer, alçar, azeyte, braço, cabeça, começar, cozer, coziña –maioritariamente escrito “cozina”–, dezenbro, dizer, doença, espaço, fazer, força, Galiza –cinicamente cuestionada cando é a forma predominante nos s. XIII, XIV e XV–, graça, jazer, justiça, laço, luzir, março, moça/moço, paaço, peça, peliça, pescoço, praça, prazer, preço, raça, sazon, serviço, tristeza etc.; os plurais das palabras acabadas en –Z: cruzes, luzes, pazes, vezes, vozes etc.; e os numerais: onze, doze... quinze, duzentos e trezentos. Mais tamén incorre en erros ao incluír formas portuguesas nunca documentadas no galego: “lazer” por lezer, “trazer” por trager etc; ou minoritarias: “sapato” e “sapateiro” por çapato e çapateiro/çapateyro. Onde as solucións maioritarias dos sufixos latinos: –tione/–sione, son: –çon/–s(s)on no singular, e: –ções/–s(s)oes no plural –con til sobre o O ou non–, as formas singulares acabadas en –M son sempre minoritarias e as que presentan o ditongo –ão inexistentes ou anecdóticas: condiçon/condições, confeson/confessoes, doaçon/doações, oraçon/orações, profisson-professon, razon/razões, trayçõ/trayções etc, mais: ocajon/oqueijon (ocasión), prijon/prijões (prisión), vijon (visión).

No uso de G+e/i, J e X: ajudar, aixada, baixo, beijo, cereija, cujo, desejo, enveja, exemplo/enxemplo, eyxe, feijoo, feyxe/feixe, forja, franger, fugir/fogir, geeral, gente, ja, janeiro, jantar, jazer, joya, julgar, junto, justiça, juyo –forma predominante fronte a “junio/juño”–, leixar/leyxar (deixar), longe, oje/oge –sempre sen H–, peyxe, qaixa, queijo, queixar, viage, virgen etc. Aínda que volve haber incorreccións por seguir o portugués: “geito/geyto” é a forma máis documentada;  “angeo” é a forma predominante, mentres que “anjo” só aparece nunha ocasión nas Cantigas de Sta. María; “sujo” non se rexistra e si “sucio” con variantes gráficas (suzia, suçios); e “aginna/agiña/agina” é a forma habitual, con 199 rexistros, fronte a “asinha”, rexistrada unha única vez nun texto lírico.

No uso de –S– e –SS– intervocálicos, mais con notábeis diferenzas segundo os séculos: abadessa e condessa no s. XIII pro abadesa e condesa nos séculos seguintes, assaz –inexplicabelmente non incluída no dicionario da RAG– no s. XIII pro asaz nos seguintes, assi no s. XIII pro asy nos séculos seguintes –e acabado en consoante só se rexistra dúas veces no s. XV: asim–, missa no s. XIII pro misa nos seguintes, nossa/nosso no s. XIII pro nosa/noso nos seguintes, passar no s. XIII pro pasar nos seguintes, pessoa no s. XIII pro pesoa no s. XIV e persona nos s. XV e XVI, vossa/vosso no s. XIII pro vosa/voso nos seguintes etc. Tamén ocorre así co sufixo do Pretérito de Subxuntivo, onde domina o –SS– no século XIII e con –S– nos seguintes, fóra dalgunhas excepcións: dissesse pro disese, falasse pro falase, fose pro fosse, partisse pro partise/partyse etc, mais fossemos (s. XIII e XIV) pro fosemos (s. XV), sentisse (s. XIII e XIV) pro sentise (s. XIV e XV) etc. Maioritariamente con –SS– nos séculos XIII e XIV: confessar, essa/esse/esso, grosso, osso etc.; e diferentemente ao portugués actual, son maioritarios cun só –S–: posison/posisões, vasalo ou sesaenta/sesenta etc.

E no uso do dos dígrafos QU+a/o e GU+a/o: quadrado (mais cadrado no s. XV), qual (pl: quaes), qualquer (pl: quaesquer), quando, quanto, quaraenta/quarenta, quasi, quatorze, quatro etc.; con todo: guardar no s. XIII pro gardar nos s. XIV e XV, guarir, guarecer no s. XIII pro gorecer no s. XIV etc.

No entanto, no uso de –N e –M finais ou vogal final con ou sen til a norma da RAG é moito máis fiel, como se pode comprobar nos seguintes exemplos: algun/algũus/algũa(s) –algum aparece en 40 ocasións contra as 584 da primeira forma e algumha/alguma en ningunha–; ben/bĕes –con 8.961 rexistros do singular e 1.132 do plural fronte a 2.637 de bem, 1.033 de bĕ/be e 125 de bens–; can é sempre can –pois “Cam” é nome bíblico e “cão” a forma xenuína do adx. cano–; cen/çen rexístrase 557 veces contra 233 de cem/çem e 61 de çe; a preposición con aparece así escrita en 17.260 ocasións contra 1.282 de com; condiçon; doaçon aparece 829 veces mentres doaçõ o fai 89 e doaçom 30; rexístranse 10 dragon e 14 dragõ e mais 1 dragom; a preposición en ten 61.214 rexistros contra 6.352 de em; ome(s), sen H, é a forma maioritaria con 3.708 rexistros, aínda que no s. XIV predomina home, que ten un total de 1.472 rexistros, con H –homem/omem aparece só 15 veces, sempre en textos líricos, e homens/omens 23 veces–; min reina con 5.875 rexistros sobre 109 de mim, aínda que a forma dominante no s. XIII é mi con til; nen aparece 8.789 veces contra 267 de nem e 958 de nin; non rexístrase 21.571 veces contra 9.360 de nõ, 718 de nom e 1 de não; oraçon; poren ten 461 rexistros fronte a 57 de porem; quen 2.969 contra 237 de quem; razon 1.007 contra 65 de razom; a preposición sen ten 4.234 rexistros contra 878 de sem e 238 de sin etc. Tamén hai que sinalar que aínda que o Lusismo recupera o uso medieval maioritario dos plurais finais desta coda nasal tras –an/–on: aleman > alemães, can > cães, razon > razões, trayçon > trayções etc.; obvia a solución maioritaria tras –en/–in/–un: ben > bĕes, fin > fiis, hun > hũus etc.

Tamén é fiel no uso de LL e Ñ, dado que o emprego dos dígrafos LH e NH, de orixe provenzal e introducidos nos documentos da cancillaría a partir de 1255 polo rei Afonso III de Portugal, é mínimo ou inexistente, fóra dos dous cancioneiros copiados na Italia quiñentista: o “Cancioneiro da Biblioteca Vaticana” e o “Cancioneiro Colocci-Brancuti”. Mentres que no “Cancioneiro da Ajuda”, o máis antigo, copia de finais do s. XIII e elaborado en Portugal, non se utilizan estes dígrafos e si as grafías tradicionais peninsulares: li, ll e l; ni, nn, gn, n e ñ. Que son, xaora, as grafías maioritarias nos textos medievais, e con frecuencia as unicamente documentadas: carvallo, coello, coller, concello, espello, folla, moller, ollo/olho (s. XIII: lírica profana), orella, ovella, palla, tallar, vello, vermello etc.; aginna/agiña, aranna, baño/banno, camino, castana/castaña, coziña, conpania e conpaña, coñoscer/conhocer (s. XIII: lírica profana), dineiro, España e espanol, leña/lenna, lyña/lina/linna, mannãa, mina/mia/miña, Miño/Minno/Mino, señor e señora, soño/sonno/sono etc.

Na non incorporación ao estándar do I epéntico antihiático, tan característico do portugués moderno, e tan ausente do galego medieval coma do mesmo portugués coetáneo, así só se documenta –con ou sen til nas procedentes de étimos con –N– intervocálica–: aldea, amea, area, avea, balea, cadea, cea, centeo, cheo, feo, vea etc.

No uso dos ditongos OI e UI para o grupo latino –uct–: enxoyto, froyta/froyto, luyta, luito, troyta etc. Onde a redución do ditongo a U é moi minoritaria (3 rexistros de fruta e 68 de fruto(s) –contra 838 de froyto(s)/froito(s)–) ou inexistente.

No uso do sufixo –emento cos verbos da segunda conxugación: acollemento, conqueremento (do v. conquerer/conquerir = conquistar), entendemento, movemento etc.
E por último, están todos os usos gráficos que non seguen ningunha das dúas normas, como o uso do Y, desterrado do galego e o portugués actuais pero bastante frecuente no galego medieval e posterior, mesmo maioritario en moitísimas palabras: aynda (e ajnda), ayre, azeyte, boy, coyro, despoys, feyto, feyxe, foy, freyxo, froyta e froyto, joya, leyte, leyto, leyxar (deixar), luyta, maneyra, mayor, mays, muy/moy e muyto/moyto, noyte, oliveyra, oyr, oyto e oytaenta/oytenta, oytubro, parayso, perfeyto, peyto, peyxe, rey e reyna e reyno, roydo (ruído), seys, seyta, teyto, tosyr, treyto, troyta, vay, ydade, ymage, yr etc.

A preferencia por usar o N diante de B/P no canto do etimolóxico M: canbiar/canbear e cambio/canbeo, canpãa, canpo, conpaña e conpania, dezenbro, enperador e enperio, linpo, novenbro, onbro, poonbo, senpre, setenbro, soonbra, tanben, tenpo etc.

Tamén a preferencia por prescindir do H inicial etimolóxico, que aínda conservamos en palabras como “arpa”, “España” e “español” ou “inverno”, mais non noutras como: aver, erva, estoria, oje/oge, ome/omee, orjo/orgo, orta e orto, ospede, ospital etc. E a despeito da etimoloxía era maioritario o uso inicial con H nos artigos indeterminados: hun/hũus e hũa/hũas.

A gran cantidade de palabras que se escribían con dúas vogais xuntas que hoxe se reducen a unha soa: angeo, boo, cãal, caente, coobra, coor, cuu, door, escaecer, gaanar, geeral, leenda, leer, maa, maçãa, mannãa, mercee, oonte, paaço, pee, poboo, põer, poomba, preegar, sãar, seer, soonbra, sosteer e teer, tidoo (título), veer, viinte, viir, voontade etc.

Ou a maioritaría non representación das contraccións de preposicións con artigos, demostrativos e pronomes, bardante de: aa(s)/ao(s), da(s)/do(s) e ena(s)-na(s)/eno(s)-no(s), hoxe obrigatorias na normativa da RAG e outras obrigadas ou admitidas na normativa reintegracionista: con a/o – co/coa e com a/o; con hun/hũa – cun/cunha e com um/umha, de hun/hũa – dun/dunha e de um/de umha; en hũa/hun – nun/nunha e num/numha; de esta/este – desta/deste, en essa/esse – nesa/nese e nessa/nesse, por la/lo – pola/polo etc. Emporiso, hai diferenzas notábeis na frecuencia de contraccións coas preposicións “de” e “en”, así hai 1.590 rexistros de “deste”, 682 de “destes”, 2.001 de “desta” e 362 de “destas” fronte a só 5 de “neste”, 2 de “nestes”, 10 de “nesta” e ningún de “nestas”; ou 67 de “desa”, 4 de “desas”, 204 de “dessa” e 13 de “dessas”contra 1 de “nesa” e ningún de “nesas”,“nessa”e “nessas” etc.

E tamén o maioritario non uso do guión unindo formas verbais e pronomes enclíticos, fóra dos textos líricos: babtizarono, deitaronla, disseronlles, marauillousse, preguntárono, outorgamolo, semellame, sentaronsse etc. Inclusive nalgúns textos portugueses coetáneos: comsselhousse, fariate, levantouce, teueromna, vestiose etc. (Livros de Linhagens).

Examinando o vocabulario medieval e a súa frecuencia de uso, comprobamos que hai escollas do Reintegracionismo que coinciden ou case con formas predominantes: cobrir, cristão (s. XIII), dormir, duzentos, femea, fevereiro, fumo, nen, perfeyto, pessoa/pesoa, ponta e ponto, qual/quaes, qualquer/quaesquer, receber, respeitar e respeito, sequer, sofrer –tamén admitido pola RAG–, tanger, tingir, tosyr, trezentos, tu, vazio, viver etc. Mais outras coinciden ou case coas propostas pola RAG: açeyro, aquel, avangeo, ayre, caer, chuvia, crecer, cristião (s. XIV), dereito, despoys, el, emperador, enteiro/enteyro, enveja, escaleira, fatiga, feestra/fiestra, geo, lezer, nacer, nerveo, oyr, peor, pergameo, preguntar, presentar, propio, rostro, ruvio, salvage, sucio, terreo, vendimar, xofre etc. E que así mesmo hai palabras maioritarias na Idade Media que non foron escolleitas como estándares nin pola norma RAG nin polo Reintegracionismo: ascoitar/ascoytar, asconder, coñoscer/coñocer, cras (adv. mañá), deante, eire/eyre (onte), emperio, estrayo (estraño), fremoso, juyo (xuño), miragre, moesteiro (mosteiro só domina a partir do s. XVI), moller, ouciao (océano), oucidente/ouriente, prijon (prisión), reyna, romão, trager, vertude etc., ou os demostrativos neutros: esto/eso/aquelo.

Entre as palabras máis rexistradas como preposicións, conxuncións ou adverbios hai algunhas sorpresas. Así entre as dúas formas da preposición “ata/até”, ata foi con esmagadora diferenza a máis empregada (1.981 rexistros máis 121 das variantes: ataa, atá e aata), mentres que até só aparece en 5 ocasións, ás que debemos engadir 23 das súas variantes: ate, atees, tee, ate e ates; e existía outra forma que foi algo máis usada ca esta útima: atra, que coas súas variantes (atroes, tro, troes, atro e atroen) suma 44 rexistros. A preposición desde (233 rexistros) foi apenas máis usada nos s. XV e XVI ca dende (230 rexistros), pero esta foino máis nos s. XIII e XIV, con todo, ambas formas son moi minoritarias fronte a des (2.546 rexistros), que ademais foi a máis usada en tódolos séculos (Des que a amei; des aquel dia que vus vi; des enton os meus olhos…). E entre (1.144 rexistros) compite con ontre (1.044 rexistros e maioritario no s. XIII) en uso, fronte ao case anecdótico antre (32 rexistros). O uso actual de mas como conxunción en portugués e o seu uso habitual no castelán antigo facía presupoñer que sería a forma dominante no galego medieval, mais resulta que a forma mais é esaxeradamente máis usada ca “mas”, aínda que tamén teña valor de adverbio, aparece escrita con Y, “mays”, en 9.112 ocasións e con I, “mais”, en 4.377 fronte aos 702 rexistros de “mas”, dos cales 535 proveñen de textos líricos. A latinizada conxunción et (203.533 rexistros) ten case o dobre de rexistros ca a actual e (108.044 rexistros) e é maioritaria en tódolos séculos agás no s. XVI. E o adverbio “quizais” e as súas variantes “quizabes, quizá e quizás” aparece en cinco ocasións como quiça pro seis como quiçai/quiçay/quyçay no s. XIII e 2 como quiçays no s. XIV, porén ningunha como “quiçabes” nin “quiças”.

En definitiva, o “galego histórico”, ou moito mellor dito “galego medieval”, difere tanto da ortografía da RAG coma da reintegracionista, porque ambas as dúas teñen como modelos as do castelán e o portugués actuais respectivamente; aínda que isto non empece que as dúas conserven coincidencias cos usos gráficos maioritarios empregados nos textos medievais.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.