A política sanitaria en Galicia

As noticias este verán do 2018 con respecto o sector sanitario non poden ser máis desesperanzadoras. A falta de persoal sanitario en moitos lugares de Galicia fai que as consultas, as probas diagnósticas, as intervencións cirúrxicas ou os servizos de urxencias se vexan retrasadas até o infinito.

A falta de previsión dos “xestores sanitarios” é evidente. Con nomes a apelidos: o Presidente da Xunta de Galicia  (o Sr. Feijoo) e o conselleiro de sanidade. Tiveron enriba da mesa todas as alarmas para definir unha política sanitaria que non precarice o emprego, que mire polo futuro da sanidade en Galicia, que faga caso a todas as advertencias que se lle foron dando dende as organizacións sociais (a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, entre moitas outras), xunto cos sindicatos e incluso os Colexios de Médicos, as Asociacións de  enfermos e de familiares de enfermos, as asociacións de veciños, etc. A todos estes avisos de emerxencia, o PP e o Sr. Feijoo fixeron ouvidos sordos.

Cal pode ser a causa de non ter unha línea sanitaria definida por parte do PP? Sería kafkiano pensar que o que pretende o PP é deteriorar o Sistema Sanitario Público Galego, para logo do seu deterioro, co aumento da comorbilidade e mortalidade: privatizalo. Pero isto é moi perverso. Como uns servidores públicos poden pretender de forma premeditada que un servizo público tan importante como a sanidade (o ben máis preciado que temos que é a saúde), poida prestarse mal de forma intencionada.

Pero aos feitos temos que remitirnos (e son teimudos). Se o sistema, como di o Conselleiro de Sanidade, pretende ter persoal substituto para os postos sanitarios...e ademáis, quéixase de que non os ten: de quen será a culpa? Por suposto do contratador. Se o persoal ten que traballar máis horas das que lle van pagar, se lle fan contratos de Luns a Venres ainda que continue o traballo durante meses, se lles pagas a hora de traballo ínfimamente e non relacionado co esforzo de 6 anos de carreira e 4 de especialización: o persoal marcha do sistema (máis ben “bótao o propio sistema”).

Dende as diferentes organizacións falamos sempre de prever as circunstancias, antes de que nos colla o touro (vacinación da gripe, a propia epidemia da gripe, que aumente a demanda de asistencia nos servizos de urxencias na época da epidemia, o peche de camas en verán que fai aumentar as listas de agarda...Todo é previsible. Calquera bo xestor terao en conta e poderá poñer remedio antes de que sexa tarde. Na administración sanitaria funciona ao revés: primeiro ven a demanda,  logo o deterioro do servizo e despois as desculpas de mal pagador (nunca mellor dito) dos responsables directos da desfeita.

O importante da xestión é facer antes as previsións do que vai suceder e poñerlle remedio antes de que sexa tarde. Fai isto a Consellería de Sanidade? Por suposto que non, e móstranse moi ufanos ao dicir que xa pediron máis prazas de MIR, que xa teñen falado co Ministerio de Sanidade para ver de ter máis perosal, que isto sucede en todas as CCAA (vaia consolo para o que padece a falta de atención), que non temos suficientes substitutos para traballar en condicións precarias cando faltan os titulares e o sistema os chama, etc. Menudas desculpas. En que mans estamos?

Persoalmente, solicito a dimisión do Conselleiro de Sanidade e dos responsables da xestión da Consellaría de Sanidade. Solicito que rematen as políticas de recorte e desmantelamento da Sanidade Pública Galega, especialmente da Atención Primaria. Exixo a eliminación da tasa de reposición e a súa formula de cómputo, que só permite convocar as vacantes producidas no ano anterior, impedindo así convocar as vacantes xeradas entre o 2010 e 2016. Pido tamén un Plano de Estabilidade que permita converter en interinas todas as prazas estruturais cubertas con contratos eventuais. A administración ten que reforzar os dispositivos de atención ás Urxencias nos PAC. Debemos “consensuar”un Plan Urxente de Reposición de Recursos Orzamentarios e de Persoal. Volver poñer en marcha o Plan de Mellora da Atención Primaria.

Como vemos, pódense facer moitas cousas, e se non se fan, pode que sexa por unha estratexia oculta que provoque o deterioro do Sistema Sanitario Público Galego de xeito interesado. Coa política actual, evidentemente a favorecida será a sanidade privada e os perxudicados a cidadanía de Galicia.

O malestar social  e profesional con esta situación é moi grande e abocará a novas mobilizacións se non se corrixe pronto esta política sanitaria da Xunta de Galicia.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.