0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Demagoxia ou xustiza fiscal?

Non hai goberno que se precie que non fale dos impostos ao iniciar a súa andadura. Na maioría dos casos fanno para prometer unha baixada dos mesmos. Outras veces, as menos, para anunciar unha suba parcial, e moi limitada. O novo goberno español (PSOE) non ía ser menos e por boca da moi locuaz Ministra de Facenda (Maria Jesús Montero) ven de anunciar unha mais que probable suba de impostos que, segundo esta ministra, non afectará as familias, as pemes e aos autónomos.

Como era previsible, e seguramente obxectivo dese ministerio, estas declaracións atoparon respostas diversas creando un certo barullo informativo. Asi e a pesar da timidez da proposta a dereitona –como diría Francisco Umbral- saíu en tromba a criticala. Por unha parte o presidente do Partido Popular (Pablo Casado) en termos apocalípticos chega a calificar unha suba de impostos como “insolidaria” e “innecesaria”  xa que “poría en risco a recuperación, traería menor cremento , mais despilfarro e mais paro”.

Pola súa conta, a CEOE en boca do seu presidente (Joan Rosell) chegaba a afirmar que unha suba de impostos traerá consecuencias negativas para o crecemento ao afectar a competitividade, o investimento e o emprego. Ningún dos dous xustificou tales afirmacións que chocan contra tódalas evidencias europeas.

O dogma (pois deso se trata e non de evidencia científica) que sustenta estes argumentos neoliberais é que si si se suben as cargas fiscais aos ricos, os que teñen maior capacidade de aforro, estes terán menos recursos para financiar o investimento productivo. Menos investimento supón menos emprego, salarios mais baixos, menor competitividade, menos ingresos para fiscalidade e, en definitiva, menor crecemento. Un dogma, repito, que choca con tódalas evidencias pois a pesar de que en España as rendas de capital, as grandes fortunas, pagan moitos menos impostos que as clases de rendas medias e baixas, o destino dos seus aforros non vai ao investimento na economía produtiva senón aos mercados financeiros especulativos obtendo así maiores ganancias pero pagando menos impostos dada o secretismo dos mesmos. Unha menor recadación destas rendas que leva a que a carga fiscal remate recaendo maiormente sobre as rendas medias e baixas.

A realidade fiscal española e, xa que logo, galega pon en evidencia que o sistema está necesitado dunha fonda reforma. Reforma por outra parte para a que, como moi ben sinala Carlos Cruzado (Secretario Xeral de GESTHA) seguramente un dos técnicos de Facenda que mais e millor coñece a situación fiscal en España, o goberno español ten marxe dabondo cara incrementalos ingresos fiscais xa que a presión fiscal en España está prácticamente sete puntos por debaixo da media na UE. Esto significa que o goberno español deixa de recadar cada ano preto de 75.000 millóns de euros por non ter un sistema fiscal equiparable ao nivel medio europeo.

Situación que vén derivada de dúas características estructurais do sistema:

1. A elevadísima fraude fiscal. Segundo estudios da propia Axencia Tributaria Española a perda de recadación fiscal (economía somerxida, fraude e evasión fiscal) equivale ao 23% (un dos niveis mais altos da Unión Europa) e suma 70.000 millóns de euros anuais (6% PIB). Unha fraude fiscal que procede maiormente das grandes fortunas.

2. O tratamento fiscal desigual segundo rendas. Unha proba indiscutible desta desigualdade témolo por caso na evolución do Imposto de Sociedades que non está cumprindo co principio constitucional de facer contribuír as empresas consonte a súa capacidade económica para soster os gastos públicos. Noutras palabras, as compañías non pagan a Facenda tanto como deberían xa que a contribución das sociedades as arcas públicas resulta inversamente proporcional ao seu tamaño. Ou sexa que canto mais grandes menos pagan, por paradoxal que poida parecer. E iso débese a que as maiores compañías concentran a maior parte das vantaxes fiscais do imposto. Unha situación que fai, por caso, que as damnificadas por esta situación fiscal sexan as familias de rendas medias e baixas quen soportamos case o 90% do peso impositivo mentres que sobre as grandes sociedades recae pouco mais do 10%. Especialmente escandaloso é o caso da grande banca española que foi quen, mesmo, de ter neste imposto un saldo positivo durante a gran recesión. Unha situación inxusta que coloca nun primeiro plano das reivindicacións fiscais o equilibrio das respectivas balanzas (familias/grandes sociedades/grandes bancos) neste tributo.

O mesmo sucede co IRPF (Imposto sobre as Rendas das Persoas Físicas) con relación as grandes rendas e aos tramos mais altos (0,5% dos declarantes) cuxo tipo marxinal é claramente favorable en relación aos tramos mais baixos. Non por casualidade España está a cola da Unión Europea en canto a tipos marxinais mais altos en relación a este tributo.

Estes son só dous dos exemplos mais rechamantes do carácter desigual que o actual sistema fiscal español mantén en relación as rendas por mor dun trato discriminatorio a prol das rendas altas. Exemplo tamén de cómo os ingresos fiscais poden incrementarse de xeito mais que notable ao tempo que se avanza na xustiza fiscal. Por todas estas razóns, basicamente, os sistema fiscal español de hoxe non cumpre con principios fiscais constitucionais fundamentais tales como os de xeneralidade e capacidade económica, progresividade e igualdade tributaria (art. 14 e 31.1 da C.E.).

Neste contexto as esquerdas galegas deben sumarse ao carro da reivindicación dunha profunda reforma fiscal en España, tal que sexa posta no foco da axenda política. Reforma orientada a unha maior eficacia recadatoria, unha loita decidida contra a fraude fiscal, un maior equilibrio no tratamento fiscal entre as rendas do traballo e do capital, unha maior progresividade eliminando os privilexios fiscais etc. Unha reforma que permitiría  grandes avances tanto na equidade como na descentralización fiscal do estado español –un dos mais centralizados da Unión Europea-. Avances que, por caso, permitirían que os ingresos tributarios en Galicia se incrementaran, no curto prazo, ata un importe anual preto aos 3.000 millóns de euros segundo os cálculos mais modestos (GESTHA).

Como moi ben sinalaba a Ministra de Economía (Nadia Calviño) non hai recitas máxicas. España, e con ela Galicia, precisa incrementalos seus ingresos fiscais mediante un incremento da recadación pois do contrario terá que, como veu sucedendo todos estes anos (12.000 millóns de euros menos de recadación), acudir a débeda pública (98,2% do PIB: 1,16 billóns de euros) para maior gloria e beneficio dos mercados financeiros.

Publicidade

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista