Seica xa hai oposición

A última reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia permítelle aos grupos da oposición impor unha única comisión de investigación por cada lexislatura, malia estar en minoría fronte a maioría absoluta do PP. Trátase dunha única bala que cómpre usar do xeito máis acaido. E teño para min que En Marea, BNG e PSdeG, que decidiron rexistrar este luns a solicitude de activar automaticamente unha Comisión de investigación sobre os recortes sanitarios e a deterioración no servizo público xerado das dúas resultas, acertaron no contido, na forma e no tempo.

O contido da Comisión é un acerto, porque o servizo sanitario é a cerna do Estado do Benestar. O austericidio de Núñez Feijóo ten deteriorado moi gravemente a calidade da sanidade pública galega e as condicións de traballo dun persoal sanitario que tenta manter adoito coa súa profesionalidade e traballo o servizo. Unha deterioración que atinxe tanto a asistencia primaria como a hospitalaria e que se manifestou en incidentes da gravidade do falecemento dun usuario nun PAC d’A Estrada no que non había ningún sanitario ou as restricións  á dispensación de fármacos aos afectados pola hepatite C, que determinou a apertura de pescudas xudiciais por homicidios imprudentes.

O intre procesual é o axeitado. A lexislatura acadou a súa metade e a cidadanía quere albiscar que existe alternativa ao amargo cóctel  de dependentismo, continuismo e recurtes do Goberno de Núñez Feijóo. Velaí por que tamén foi acaida a presentación, nunha inédita rolda de prensa ofrecida polos tres voceiros: Luis Villares,  Xaquín F. Leiceaga e Ana Pontón. Unha foto que transmite capacidade de cooperación, sensibilidade pola deterioración dos servizos públicos  e sentido de País.

Claro é que a esta iniciativa haberían seguir outras varias, nomeadamente unha estratexia común para frear o despoboamento e pór en valor o territorio, afirmar a lingua, a  cultura e o autogoberno e ofrecer unha política industrial e de promoción empresarial coordinada, atendendo  aos abusos centralistas das peaxes da AP9 e da tarifa eléctrica que sufrimos, xusto cando Naturgy ven de lle comunicar a 106 empresas do sector do automóbil galego que non lles poderá manter os actuais acordos de prezos enerxéticos, diante da pasividade da Xunta.

Ogallá isto  non fique en fume de pallas e poidamos dicir que xa hai oposición.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.