A teimosía dos teimudos

«Daime o oubeo do can, a voz da estrela, / o silencio das toupas esfuracando a noite,  / o vento salaiando nas caracochas» (Do poema “Daime”, Calados esconxuros, Antón Tovar)

Houbo un día na intrahistoria da restauración borbónica –o seguinte ao das eleccións xerais de 1982– no que os de Floxás mesmo chegaron a pensar que ían cambiar os chanzos que configuraban o mundo. Home, alguns cambiaron. Pero a mudanza máis guai, a máis poente de todas, foi aquela que trocou a pana polo tergal na indumentaria que agochaba o fío do lombo dos novos okupas do poder.

Houbo outro día –o da véspera daquelas eleccións– no que os herdeiros do réxime se fartaron de aturar moquetes nas entrañas, coa mesma porta que antes se abría automaticamente ao arrimarlle a estampa de Adolfo Suárez. Ese día, na entreperna dos ucedistas de Floxás, comezaron a manar pingadas de suor, que se ían convertendo en ríos de auga salgada, a medida que aqueles tratantes de ideas comprobaban como caían as horas sen ver diminuír os feixes de sobres que debían acoplar nas cociñas da veciñanza.

–E logo, que che trae por aquí, Paco? Queres tomar algo?
–Non, grazas. Véñolle traer os votos, señor Pepe. Son cinco, non si?
–Eu quero votar por Felipe e por Suárez, e o meu home sempre foi Pepe, que é iso de señor Pepe! –espetoulle Sinda, a muller do caguiñas que lle abriu a porta ao visitante.
–Non hai problema, Sinda, xa lle meto a papeleta da Ucedé no sobre do Pesoe, e así contenta aos dous.
–Pero Suárez xa non é da Ucedé –terzou o neto da Sinda e Pepe.
–Ti cume e cala, motreco! –díxolle o avó– nós de política non entendemos. Quen entende diso é Paco, e el ben sabe o que temos que votar.

Aí contra a media noite o rapaz substituíulle a papeleta da Ucedé, que a avoa tiña no chineiro, por unha do Partido Comunista. O día das votacións Sinda fíxolle un aceno ao Paco Pitachoca, e este pagoulle cun agariñoso sorriso. Pero ninguén soubo o que realmente acontecera. Realmente a avoa votou polo Bloque, ao depositar a papeleta que lle dera unha sobriña, estudante de Maxisterio na Normal de Ourense.

Ah! O meu tío Lisardo pregúntase a miúdo, se mudaría algo na actitude destes chafalleiros que nos gobernan, para que a xente do común atope alunha razón para comprtarse cun certo grau de normalidade.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.