Renda Básica e Eleccións Europeas

- Os salarios e os beneficios do capital serán probablemente moi baixos nun país que alcance o último grao posible da súa riqueza (Manuscritos económico-filosóficos de 1844 Karl Marx).
- O vello mundo morre. O novo tarda en aparecer. E nese claro-escuro xorden os monstros (Antonio Gramsci)
- I eu, morrendo nesta longa noite de pedra. (Celso Emilio Ferreiro)

Logo teremos eleccións municipais. Xa se empeza a falar delas, cada vez máis. Normal, son as eleccións máis próximas, e estamos vivindo nun mundo tan complicado. Dende os concellos pódese facer moito, e hai tanto que facer...

Pero eu aquí quero falar das outras eleccións, as Europeas. Van ser o mesmo día, pero a penas as vemos, agochadas tras das municipais, axigantadas estas pola súa proximidade. Europa parécenos tan afastada, tan pequena...

E sen embargo Europa non está lonxe, non é Bruxelas. Somos nós. E o que pase nela aféctanos directamente e non sempre para ben. É o momento de Imaxinar a Europa que queremos construír.  E para iso convén analizar que podemos e debemos cambiar

Estamos nunha Europa contraditoria, cada vez máis pobre pero que nunca foi tan rica. Unha Europa na que se di, aínda se segue a dicir, aquilo de que “vivimos por riba das nosas posibilidades” e que “os noso fillos e fillas van vivir peor ca nós”. Pero que nunca tivo tantas infraestruturas, tantos coñecementos, tanta tecnoloxía... Nunca foi tan “rica”. Estamos no “último grao posíbel da riqueza” que Europa pode acadar neste modelo, xa practicamente esgotado, de industrialización. Tal vez por iso sucede o que xa predixera Marx nos seus inicios:  Os salarios e os beneficios do capital serán probablemente moi baixos nun país que alcance o último grao posible da súa riqueza.

Aínda que despois deste máximo tampouco non se  vai acabar o mundo. Máis ben haberá un cambio de modelo, estamos nun claro-escuro, nunha noite antes do abrente, entre o vello día (a industrialización) que non dá morto, e o novo (a automatización) que non dá aparecido. O tempo en que xorden os monstros.

Un tempo de sufrimento, como todas as longas noites de pedra, noites nas que temos que loitar pola utopía para evitar a distopía. Non hai medias tintas. A automatización vainos levar a un lado ou ao outro. Estamos nunha Crise de crecemento. Como a do paleolítico ao neolítico, ou a do feudalismo á industrialización...

E como naqueles casos, a crise do sistema maniféstase en varias frontes. A democrática, a do modelo patriarcal, dos modelos de crecemento (ou mellor, todo xunto, de decrecemento), ambiental, do estado “moderno”, nacido dende a violencia uniformizadora no interior das fronteiras e excluínte contra o exterior, do modelo económico (globalización, individualismo neoliberalismo, monopolios...). E sobre todo, na base, un aumento da desigualdade, cuns salarios e uns beneficios moi baixos, pero cunha clase obreira que non poden fuxir deses salarios e un 1% que si escapa dos baixos beneficios, grazas á especulación, as patentes, a acaparación do común, os monopolios... En definitiva, grazas á apropiación do que é de toda a xente.

É o momento de Imaxinar Outra Europa. Unha Europa dos pobos oposta á dos estados. Unha Europa do Ben común en contraposición á das multinacionais. Unha Europa que defenda os nosos mellores valores, os que crearon a Europa de hoxe en oposición á vella, a democracia contra o feudalismo e o absolutismo, o laicismo contra os nosos fundamentalismos relixiosos, os dereitos humanos individuais contra o feudalismo e o patriarcado, o estado do benestar contra o individualismo neoliberal, a cidadanía contra o servilismo. En definitiva o progreso da especie humana contra o escurantismo.

Imaxinar unha Europa cunha Renda Básica que permita realizar o tránsito entre o pasado, o Salario como principal forma de redistribución do sistema, e o futuro, a Renda básica, o dereito humano a ter un solo material sobre o que formar a vida que cada quen queira, necesario no novo sistema que ha chegar no próximo abrente, a automatización.

Unha Renda Básica (Universal, Incondicional, Individual e Suficiente) financiada vía tributaria, que permita reducir considerabelmente a desigualdade, segundo o modelo de Arcaróns, Raventós e Torrens, (ver-aquí) que permita acabar de vez coa pobreza, que permita, a xeito de caixa de resistencia, que o precariado defenda os seus dereitos laborais con posibilidades de éxito, que permita ás mulleres que aínda dependen economicamente liberarse sen medo a quedar sen nada, que permita á mocidade emprender proxectos persoais que ademáis poden repercutir no ben común e sen someterse a escravitudes laborais, que permita pensar nunha educación para formar persoas e non “empregadas”, que permita afrontar a chantaxe do emprego, tan utilizada para manter industrias que afondan no cambio climático, na contaminación, no esgotamento das materias primas, ou mesmo na guerra e o xenocidio como acabamos de ver coa venda de armas a Arabia Saudí.

Unha Renda Básica en toda Europa, que nos permita desenvolvernos como persoas, sen o medo a caer no precariado ou no paro, realizando o noso proxecto de vida, sen medos xeradores de xenofobias, fundamentalismos, fascismos... Unha Renda Básica que sexa o barco insignia da nosa Europa, a de todos os europeos.

Outra Europa é posíbel!!!

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.