Pobreza a dúas velocidades

En Galicia temos pobres de primeira e pobres de segunda. Non é o mesmo ser pobre na Coruña que selo en Santa Comba. Triste, pero certo.

Para que vos fagades unha idea, miña nai é pensionista venezolana. Leva, como todas as persoas pensionistas de Venezuela que viven no exterior, case 3 anos sen cobrar a súa pensión. Por este motivo viuse obrigada a acudir ós servizos sociais da Coruña, cidade onde reside dende hai máis de 26 anos.

Despois de pasar por un sinfín de trámites burocráticos, conseguiu acceder á RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia). Estivo cobrando esta prestación uns meses ata que recibiu unha carta da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Nesta carta notificaban que deixaba de percibir a RISGA debido a que ten unha pensión recoñecida (pensión que naquel momento levaba dous anos sen cobrar!).

Imaxinade a situación de angustia que viviu miña nai. Pasar de cobrar pouco máis de 400 euros, a ter cero ingresos. Non saber como vas pagar o alugueiro, as facturas ou a comida. De estar ó borde do precipicio a estar en caída libre.

E non pasou só coa miña nai, cónstame que outras persoas na mesma situación sufriron o mesmo. Por exemplo, unha muller cunha discapacidade recoñecida pola Xunta dun 73% que non pode acceder á prestación por discapacidade por ter a pensión venezolana que non cobra dende 2015.

Voltando ó caso da miña nai, ela só pode dicir “vivir na Coruña que bonito é”. Que sorte vivir na Coruña e non nun concello limítrofe como Arteixo ou Culleredo. E non é porque teña algo en contra destes concellos, pero de non ser por vivir nesta cidade, coido que as cousas serían ben distintas para ela.

Para sorte da miña nai, no ano 2016 aprobouse no pleno municipal do Concello da Coruña a Renda Social Municipal, unha prestación económica que garante uns recursos mínimos de subsistencia á veciñanza da cidade que non pode acceder á RISGA. Pese a que, como todo, pode ser mellorable, é unha das medidas sociais de maior calado na historia da Coruña.

Que pasa con aquelas persoas que non teñen dereito a RISGA e non viven na Coruña ou Compostela? Por que deben pasar penurias máis grandes que as persoas en risco de exclusión destas cidades con rendas sociais garantidas? Acaso non teñen dereito a vivir dignamente?

Eu, como defensor e activista da Renda Básica Incondicional, son moi crítico cos subsidios condicionados, xa que penso que son ineficientes e ineficaces. Pero non son parvo, e ante situacións de excepcionalidade como a que vivimos, cunhas taxas de pobreza e desigualdade insoportables, recoñezo que medidas como as tomadas na Coruña, Santiago de Compostela ou Barcelona son moi necesarias namentres recorremos o camiño cara unha Renda Básica Incondicional.

A sorte dunha persoa non pode depender do concello no que reside, coma se se tratase dunha lotería xeográfica. Mesmo no Reino de España, non é o mesmo ser pobre en Bilbao que en A Pobra do Caramiñal. Dos 403 € da RISGA ós 693 € da RGI (Renta de Garantía de Ingresos) de Euskadi hai un oco enorme polo que poden caer as persoas en situación de pobreza. Esta cantidade é para unha unidade de convivencia dunha persoa, pero a diferencia é moito maior para unidades de convivencia de tres persoas, onde as cifras van dos 543,22 € da RISGA ata os 984,38 € da RGI vasca. Pois claro que existe esa lotería, e en Galicia nin a cheiramos.

A pobreza na Europa do S. XXI é inaceptable. Debemos esixir coma cidadanía o noso dereito a unha política social con corazón e con cabeza. Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito, como di o acordo asinado por case vinte organizacións sociais de Galicia, entre elas o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia ou o Colectivo Renda Básica Universal de Compostela.

Temos dereito a unha RISGA garantida e informada, que sexa un dereito cidadán e non un subsidio condicionado. Debe ser suficiente, digna, accesible, eficaz, individualizada, respectuosa, efectiva e sostible. Non queremos menos e non merecemos menos. De feito, merecemos máis. Merecemos unha Renda Básica Incondicional que garanta unha existencia material digna, que empodere á muller, que axude a loitar contra a precariedade laboral, que permita emprender, que recoñeza as tarefas de coidados e o traballo voluntario. En definitiva, unha Renda Básica para ser máis libres.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.