0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Si se pode!

“Unha parella de anciáns pasou dous días e dúas noites nun banco dun parque tras de ser desafiuzados” (Público)

Días atrás tivo lugar un feito, non suficientemente destacado polos medios de comunicación e opinión, que puxo en evidencia como cando as causas son xustas e se pon tesón e perseveranza na defensa das mesmas ao final sempre se obtén algún tipo de éxito. Refírome a como a PAH (Plataforma Antideshaucios), logo dunha moi longa e durísima loita, logrou finalmente que a súa lei de vivenda entrara no Parlamento.

É só un primeiro paso, hai que esperar a ver en que remata esta iniciativa, pero un paso moi relevante tal que invita a un certo optimismo, dentro da necesaria prudencia. Optimismo e prudencia que recolle a propia PAH nos seus comentarios sobre o importante fito. “Tras unha década de loita social, chegou a hora de facer xustiza coas familias afectadas pola usura da banca e as leis criminais (….) O 18 de setembro de 2018, pasará a historia na loita dos dereitos civís do noso país como o día no que o Congreso tomou en consideración a Lei de emerxencia para familias vulnerables no ameto habitacional e da pobreza enerxética, mais coñecida como a Lei de Vivenda da PAH”

Un fito que ten lugar “xusto cando se producen 10 anos do estoupido da crise financeira e da burbulla inmobiliaria, mais de 700.000 desafiuzamentos despois, outros tantos de centenares de miles de familias que estiveron ou aínda están ao borde do desafiuzamento, despois de toneladas de sufrimento inxusto, inxustificable, inhumano e irracional …… de familias todas elas vítimas dos desbastadores efectos da crise, a estafa hipotecaria ou a actual burbulla de aluguer”

Foi este un período que tamén sacou á luz algunhas realidades ocultas tanto polas elites económicas e políticas como polos seus altofalantes. Realidades como que o negocio bancario, ou cando menos unha parte moi importante do mesmo, ten como contrapartida a dor e o sufrimento de moita xente, maioría entre as clases populares.

Seguramente moitos ignoren que o negocio bancario tal como hoxe en día está montado atenta contra os dereitos humanos mais elementais como, por caso, o dereito a vivenda. Velaí a resistencia do sector a medidas como a Lei de Vivenda da PAH que supoñen unha clara ameaza para este tipo de negocios. Como moi ben sinalaba o profesor JUAN TORRES “é evidente que -na situación actual da banca- si de un día para outro se xeneralizase a dación de pago ou se permitise que as persoas mais humildes, que perderon o seu posto de traballo e os seus ingresos non tiveran que facer fronte as súas débedas bancarias nas condicións pactadas, os balances bancarios resentiríanse e que incluso podería provocarse un auténtico caos no sector” (https://www.nuevatribuna.es/.../juan-torres.../desahucios-y-amenazas-a-la-banca/201307..).

Unha inestabilidade que deriva das propias prácticas do sistema bancario quen tende a xeneralizar os investimentos a curto prazo que procuran ganancias en base a actividades especulativas. Ese foi o obxectivo dos bancos cando inundaron coas súas ofertas o mercado do crédito hipotecario: as ganancias especulativas a corto prazo e non o de facilitar aos cidadáns o aceso a un dereito básico como o da vivenda. Actuación que levou a creación dunha enorme burbulla hipotecaria cuxas facturas (endebedamento masivo)  aínda se están pagando.

Dende fai xa algunhas décadas, “a actividade que ven levando a cabo a banca é materialmente incompatible coa xustiza mais básica, coa función económica de financiamento a empresas e consumidores que se supón debería desempeñar e co equilibrio económico elemental que se debe gardar en toda sociedade para que o conflito non estale e todo se veña abaixo” (https://www.nuevatribuna.es/.../juan-torres.../desahucios-y-amenazas-a-la-banca/201307..).

Durante o mesmo período os cidadáns puidemos comprobar como diante de este conflito os poderes públicos en lugar de procurar unha solución que non deixe damnificados como, por caso, as miles e miles de familias que perderon e seguen perdendo a súa vivenda por non poder facer fronte a hipoteca, deciden aliñarse de xeito unilateral cos bancos e, xa que logo, en contra das familias afectadas. Un aliñamento que pon en evidencia o enorme poder da banca en España.

Un poder que, como está demostrando a PAH, si se pode contrarrestar. Que resulta necesario facelo pois hoxe seguimos, a pesares do boom inmobiliario –ou como consecuencia do mesmo- nunha situación de “emerxencia habitacional, con preto de 16.000 desafiuzamentos so no primeiro trimestre deste ano” -300 en Galicia- “cuns prezos e unha regulación do alugamento que está expulsando a xente, non so das súas casas senón tamén dos seus barrios e cidades, precarizando aínda mais as condicións de vida, cuns prezos de compra subindo ao ritmo dos anos da burbulla” –en Galicia un 9% de media no que vai de ano- “e sen un parque público de vivenda social en réxime de aluguer que free as subas, cuns fondos voitre que non paran de acaparar vivenda a prezos de saldo, pero que non sacan ao mercado para especular con elas, e uns oligopolios que impunemente non dubidan en cortar os subministros básicos de auga, luz e gas, condenando a unha vida de frío e escuridade” (http://las5delapah.com/)

Contra o que poida parecer a Lei de Vivenda da PAH non pon en cuestión, de ningures, o papel da banca senón que busca que esta cumpra coa súa función económica e social. Unha función que debera centrarse tanto na recollida do aforro como no financiamento á familias e empresas axudando, deste xeito, a creación de riqueza e emprego.

Se a banca funcionara así, e non estivera a procura de beneficios estratosféricos situándose sempre en grave situación de risco pola xa citada natureza especulativa das súas operacións, a economía funcionaría mellor i estaríamos libres de cíclicas crises financeiras como as que vimos padecendo nas derradeiras décadas.

A Lei de Vivenda da PAH, que busca resolver un grave problema social, nin é unha ameaza para a economía nin pon en risco ao sistema bancario. Son os propios bancos quen, coa súa infinita avaricia e súa enorme irresponsabilidade, poñen en risco non so a súa existencia senón a propia estabilidade do sistema e a mesma democracia.

Nembargante, e grazas a PAH, os cidadáns sabemos que ¡SI SE PODE! contrarrestar este poder e estas prácticas.

Publicidade

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista